Crusat & Costas: Adamare
Adamare: Verbo en latín que significa amar con vehemencia
Por Lorena Costas @lorena_costas
Precioso nome para un viño e para un proxecto, non si? Pois así de apaixonados comezamos este Pincha primaveral, falando de tres rapaces de Quiroga (Lugo), Víctor, Javi e Iago, que deciden meterse nesta aventura a finais do 2019.
Motivados polo cada vez máis patente abandono do rural, o despoboamento dos concellos limítrofes e o seu propio, decidiron poñerse a buscar alternativas para darlle valor aos produtos locais da zona: aceite, viño e mel.
Voulle deixar ao meu compañeiro Crusat que vos fale do proxecto do aceite e do mel, para centrarme no proxecto vinícola, esa “pequena ou grande viaxe”, coma eles din. Inspirados na tradición vitivinícola das súas propias familias, todo comeza en Friamonde, unha pequena aldea situada entre O Saviñao e Taboada, as fincas están moi próximas ao Río Miño e a uns 35 quilómetros de Quiroga en coche. Traballan con dúas viñas en modelo de recuperación das que intentan sacar “a súa mellor versión”.
Preguntados sobre por que o eixo de seu proxecto xira en torno ao viño, contesta Víctorque “xorde ao ver como a meirande parte dos pequenos produtores da zona comezan a producir menos viño para as súas elaboracións para centrarse, case exclusivamente, na produción de uva para as grandes adegas”. Mágoa que este panorama non é novo, posto que moitas veces temos falado deste tema en Pincha. Así, contactan co noso querido e prezado Roberto Regal, de todos coñecido por apoiar os pequenos proxectos de recuperación de parcelas na contorna da Ribeira Sacra. Roberto axúdalles en todos estes anos do proxecto, tanto na vinificación como nas instalacións, posto que Adamare aínda non ten adega en propiedade, sendo este o seu obxectivo a medio prazo.
No caso concreto do viño que nos ocupa hoxe, Adamare 2022, toda a súa produción, 2400 botellas, sae da finca Penadoso: 95% Mencía e 5% Garnacha. Un viño fluído, fresco, onde predomina a froita vermella e unha boa estrutura en boca.
Para o resto de cuestións e para o tema do papeo, déixovos con Crusat!!
Adamare: O amor á terra
Por José Crusat @choumimx
Adamare é parte do proxecto de tres rapaces amantes da súa terra de Quiroga que queren poñen en valor o seu lugar a través de tres produtos emblemáticos dela. Recuperación e posta en valor dun sector primario apostando pola transformación.
Dentro da marca Sinatura engloban o aceite e mailo mel. Co aceite traballan recuperando variedades antigas coma a brava e a mansa, cun pequeno aporte de picual. Todo traballado nunha pequena almazara de Quiroga. No caso do mel traballan en ecolóxico baixo o selo de amparo desa DO integrando no proxecto o mel dun apicultor do Courel e apostando pola preservación do medio e a súa biodiversidade.
Xa centrados no viño, este tinto de Adamare ten mencía (95%) e garnacha tintorera(5%), todas elas dunha soa parcela chamada Penadoso que se atopa sobre chans de lousa. Trátase dunha viticultura tradicional, vendima manual, con respecto o medio. Na adega (neste caso na adega de Roberto Regal xa que de momento no teñen instalaciónspropias) a uva é despalillada, ten unha maceración de 16 horas, e fermentar con control de temperatura para preservar o máximo posible de aromas primarios. A clarificación do viño realízase por medio de decantación e trasegas, estabilizándose co frío do inverno. Como vedes un traballo na adega coa mínima intervención posible.
O proxecto vai crecendo e xa coa anada do 2022 sairá outro tinto ao mercado mais un godello, ámbolos dous traballados en barrica.
O resultado final é un viño que presenta unha capa media alta, de cor vermello cereixa moi vivo e brillante. Aromas de froita vermella silvestre, coma grosella, framboesa ácida, tamén terra e violetas e finalmente regalicia e tostados. Na boca preséntase coma un viño robusto, graxo e con corpo, estruturado e tánico, volvendo a aparecer as notas de froita silvestre cunha acidez contida e ben redondeada. Longo na boca e cun final persistente.
E xa para rematar imos largarlle algo o bandullo, e coma sempre cousas de tempada. Sendo un tinto de mencía fresco, propoño para comezar unha lamprea guisada con tirabeques xa que unha está a rematar a tempada e os outros, a comezala. Ou como segunda opción propoño unha paella de magret de parrulo (si, paella, así para amolar un algo a algunha xente), nela empregaremos a graxa do propio parrulo para a elaboración do sofrito, no que usaremos un chisco de pasta de chile coreana en trocas do pemento en especia ou a ñora tradicional.
FICHA TÉCNICA:
Adega: Adamare wines
D.O.: Sen DO
Variedades: 95% Mencía e 5% Garnacha
Grao: 13,5º
Colleita: 2022
Prezo: En torno aos 16€