#SomosCompostelaCompostelaCulturaNovas

Maru Astray e Pepa Prieto Puy, artistas compostelás da BD e o fanzine

Maru e Pepa, camiñando pola exposición #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega que aínda se pode visitar no Auditorio de Galicia ata o 16 de xuño. Foto: Iván Barreiro
Maru e Pepa, camiñando pola exposición #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega que aínda se pode visitar no Auditorio de Galicia ata o 16 de xuño. Foto: Iván Barreiro

Seis artistas forman parte da exposición #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega que aínda se pode visitar no Auditorio de Galicia ata o 16 de xuño. Catro delas, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa e Xulia Pisón, son da Coruña. As outras, Maru Astray e Pepa Prieto Puy, naceron en Compostela.

Reúnome con ambas as dúas no Lasso, a cafetería do Auditorio, para charlar do seu traballo e desta mostra que, comisariada por Ínigo Rodríguez Román, pon sobre a mesa dúas realidades que resultan irrefutables: que a banda deseñada é arte e que as artistas galegas de BD son posuidoras dunha potencia visual e un discurso artístico de primeira orde.

As dúas sodes compostelás e ilustradoras. Coñeciádesvos antes de participar en #Punctum?

Maru: Non nos coñeciamos persoalmente. Eu si que seguía o traballo de Pepa e si que tiña pensado algunha vez: “Que raro que esta tía e máis eu non nos coñezamos!”. Porque sempre me gustou o que fai.

Pepa: Eu tamén coñecía o seu traballo, aínda que é certo que me movo bastante, o ano pasado estiven en Francia nunha residencia artística… Pero era cuestión de tempo que coincidiramos! (Sorrí).

Que importancia diriades que ten que o Auditorio de Galicia acolla esta exposición?

Pepa: É moi importante. Debería ocorrer máis a miúdo porque en Galicia hai moito talento, moita xente que se dedica a esta profesión, e segue habendo un problema de visibilidade. Estaría guai que esta mostra servise de reclamo para que se fagan máis.

Maru: É que precisamente o importante non é que se faga unha exposición como esta, senón onde se fai. Que sexa nunha institución pública como o Auditorio de Galicia abre o abano a outro tipo de público que non está acostumado a algo tan de nicho.

A mostra busca pór en valor o traballo das mulleres galegas dentro da banda deseñada, un papel que, como no resto das artes, foi invisibilizado inxustamente durante décadas. Neste senso, desenvolvéronse unha serie de actividades paralelas á exposición baixo o nome de ‘Mulleres en cadriños’. Como vedes actualmente esta situación?

Maru: Eu entendo que aínda é necesario darlle ese enfoque, pero tamén penso: “E cando pasamos páxina?”.

Pepa: Eu opino bastante parecido. De feito, co título de ‘Mulleres en cadriños’ houbo debate. Había xente que non estaba de acordo con que aparecese a palabra ‘mulleres’, porque cando hai exposicións só de homes -que iso segue ocorrendo bastante- ninguén pon que son homes. Hai unha boa intención, pero ás veces, turba un pouco o propósito.

Maru: Quizais tamén pasa que desde a nosa perspectiva o vemos así, pero é un bo título para ensinarlle ao meu avó, por exemplo.

Con #Punctum preténdese reivindicar tamén que a banda deseñada e os fanzines son arte e poden ocupar un espazo como o dun museo. Por que non hai xa ese recoñecemento?

Maru: Eu penso que en España non se recoñece tanto como noutros países. Creo que hai moita desinformación. Hai un circuíto, póñense en marcha festivais de autoedición… pero non chega como debería chegar. Supoño que tamén é porque a quen lle interesa é normalmente a xente moi nova, con poucos recursos, que non ten a capacidade de comunicar que teñen outros.

Pepa: Eu creo que incluso fóra se sigue marxinando bastante, segue sendo algo case de facer por amor á arte. É moi complicado vivir só do cómic, por exemplo. É unha profesión precaria.

Ti, Pepa, acabas de publicar ‘Mis agendas semanales’, un libro editado por Apa Apa Cómics que recolle unha selección das túas mellores historias. Como puideches sacar este proxecto adiante?

Pepa: Toni e Sergi, os editores de Apa Apa, escribíronme alá polo 2016 para facer un cómic xuntos. Ao principio ía ser algo máis curto, pero a medida que fun facendo historias démonos de conta de que ao ser unha recompilación tería máis sentido algo máis extenso. É un traballo moi persoal, así que intentei desfrutalo ao máximo. Apa Apa, aínda que é unha gran editorial porque fan uns cómics incribles, non deixa de ser unha editorial pequena. Lévana só Toni e Sergi. Pero non me importaba porque sabía que lle sacarían brillo ao cómic e que tratarían o meu traballo con respecto e cariño.

Maru, ti autoeditaches varios fanzines. Por que facelo así?

Maru: Eu autoedito primeiro porque non podo facer outra cousa, pero tamén porque me gusta. Pásomo ben. Permíteme tomar a min todas as decisións, dentro das miñas posibilidades.

E como chegou a ilustración e a BD a vós? Como vos iniciastes neste mundo?   

Maru: Eu fun a clases de debuxo e pintura desde que teño memoria. Era pintura paisaxística, nada relacionada co cómic, pero si que o consumía moito. Logo fun a Bacharelato de artes, Belas Artes… e foi algo que me veu organicamente porque primeiro, non me gusta outra cousa, e, segundo, non sei facer outra cousa! (Risos). Empecei coa ilustración, pero de seguido me din de conta de que ninguén pode vivir diso. Así que comecei co deseño gráfico, toquei algo de tatuaxe, fun profesora… e así sumando varias cousiñas, vas sobrevivindo!

Pepa: Para min tamén foi dunha maneira moi natural. Sempre me gustou debuxar. Eu creo que a gran maioría dos nenos lles gusta, só que chega un punto no que se separan e deixan de xogar con iso. Eu seguín. E logo tiven moita sorte porque coñecín a Roberta Vázquez (outra ilustradora compostelá) no colexio e iso fixo que desde moi pequenas debuxaramos cousas e as compartiramos. Ademais, na miña casa sempre houbo moita pintura, unha tía miña fixera Belas Artes… Estaba familiarizada con todo iso. Despois fun descubrindo revistas dos oitenta como El Víbora ou Totem. Logo estudiei Belas Artes, porque había que estudar unha carreira, fixen un máster e coñecín a xente que me abriu portas neste mundo e me axudaron moito, como Roberto Vidal ou Ana Galvañ… Posteriormente púxose de moda Instagram, empecei a subir cousas e fóronme chegando encargos.

Agora que nomeas as redes sociais, como é a vosa relación con elas? Hoxe en día é imprescindible para unha ilustradora estar nelas?

Pepa: Eu lévoo fatal. Xérame moito estrés. É un problema porque se pasas unha época un pouco desaparecida, nótase. E teño como ese sentimento de que son unha vaga. Pero é que non teño tempo de publicar! Agora estou coa promoción do cómic, que para min tamén é algo novo, e vou a Madrid, a Palma de Mallorca, a Barcelona… e polo medio teño que facer os traballos para pagar autónomos. Hai xente que é capaz de ser moi constante, pero para min é un pouco surrealista pensar que todo o mundo ten que funcionar desa maneira. Eu necesito outros tempos para debuxar. Hai xente que fai unhas historias que son do día a día, pero eu son máis reflexiva.

Maru: Eu o das redes tamén o levo fatal, como Pepa, pero decidín hai tempo que me daba igual. E ademais non é un formato que lle funcione a todo o mundo. A xente que fai ilustración e lle funciona instagram é porque ten contido transversal ao debuxo.

Sentides que se respecta o voso traballo? Ou pasa moito iso de usar as vosas ilustracións sen permiso, querelas gratis…?

Maru: Pasoume moitas veces, pero nunca esquecerei unha en concreto. Escribiume un tío preguntando se lle vendía o orixinal dunha viñeta. Díxenlle que non estaba en venda, pero que podía mandarlle unha lámina numerada e asinada. Preguntoume entón se non podía facer outra igual á orixinal, díxenlle de novo que non e contestou: “pero non te das de conta que eu podo descargar a imaxe e imprimila na miña casa?”.

Pepa:  Para min é un problema sempre que un amigo me pide un debuxo, porque quero facerlle prezo amigo pero logo cando o estou facendo doume conta de que non me dá para chegar a fin de mes. Niso xa aprendín a lección. Hai que saber frear. Despois de quedar mal moitas veces, porque ao dicir que si a todo, entrego as cousas tarde… Pero se me vas pagar un prezo amigo, dá por feito que a ilustración vala ter cando poida. Non podes exixir tela xa, porque entón é un traballo e debes pagarmo como tal. Cando máis rabia me dá é cando vén de medios de comunicación, de editoriais que son coñecidas, que sabes que o xefe está cobrando unha pasta, que se preguntas cando van pagar case que lles estás molestando… É unha falta de respecto!

E pese a todas estas dificultades, que vos atrapa deste mundo da ilustración, do cómic, do fanzine… para querer dedicarvos a isto?

Maru: É a mesma pregunta que che podía facer eu a ti: porque fas o que fas? Porque xa que vivimos só unha vez, polo menos vivir facendo o que che gusta.

Pepa: É como unha condena… Eu ás veces teño pensado: “Veña, traballa de camareira e esquécete disto”. Pero ao final dáste de conta de que es tan infeliz… E ademais, eu considero que isto é o único que sei facer máis ou menos ben.

Para rematar, que proxectos tendes proximamente?

Pepa: Agora por sorte estanme chegando varios encargos que están guai, pero que aínda non podo dicir. Había uns meses que non me chegaba ningún encargo interesante e empezaba a estar preocupada, así que ben! E tamén estou facendo un cómic con María Ramos, que é unha ilustradora de Cáceres moi boa. Será un ‘culebrón’ para público adolescente, dándolle a volta ao rollo romántico.

Maru: Eu estou estudando polas mañás e traballando polas tardes e as fins de semana. Fago bastantes cousas de deseño gráfico como portadas de discos. En canto á ilustración, volvín á pintura. E estou colaborando na preparación do festival de autoedición FunFunFun que se celebrará agora en xuño en Santiago.

Quen son?

Maru Astray, diante dunhas das obras que ten expostas na mostra #Punctum, no Auditorio de Galicia. Foto: Iván Barreiro
Maru Astray, diante dunhas das obras que ten expostas na mostra #Punctum, no Auditorio de Galicia. Foto: Iván Barreiro

Maru Astray
(Santiago de Compostela, 1994)
  ilustradora, fanzineira incansable e artista plástica.

Maru é a máis intuitiva e alternativa das artistas que fan parte de #Punctum. Todo o que ten de contracultural no seu discurso e estética é o que define a personalidade dunha artista que fai da súa arte unha extensión de si mesma. Inqueda por natureza, transgresora e subversiva por convicción.

Nos seus fanzines observamos unha liberdade absoluta á hora de vertebrar narrativas. Tremendamente imaxinativa na construción conceptual dos mesmos, o humor e a brincadeira xogan un papel importante nas súas autoedicións, facendo destas verdadeiras xoias autorreferenciais.

Esta heterodoxia formal tamén a acompaña cando leva a súa práctica artística a outros soportes, de tal xeito que atoparemos a súa firma tanto nunha pintura sobre lenzo como nun vinilo, un cartel ou un adhesivo.

Unha liña poderosa e a utilización de cores planas marcan a súa arte sen deixar espazo á indiferenza, un facer que por de máis se nos presenta desbordante, fluído e orgánico.

Pepa Prieto Puy, xunto as súas axendas expostas no Auditorio de Galicia. Foto: Iván Barreiro
Pepa Prieto Puy, xunto as súas axendas expostas no Auditorio de Galicia. Foto: Iván Barreiro

Pepa Prieto Puy
(Santiago de Compostela, 1989)
é autora de banda deseñada, fanzineira recalcitrante e ilustradora.

Conectada coa bd dende a infancia a arte secuencial acompaña a Pepa Prieto Puy ao longo de toda a súa vida, sendo o fanzine o medio ideal no que experimentar cun discurso artístico que evolucionado levouna a colaborar con medios tan prestixiosos como o New York Times ou o New Yorker.

Figurativa, de liña decidida e cores planos, as súas pezas gozan dun dinamismo chocante tanto no visual como no psicolóxico. Neste senso os traballos de Pepa teñen beliscos surrealistas, que xorden de obsesións recoñecidas por artistas como Suzan Pitt.

As súas narrativas tiran da autorreferencia para achegarse as inquedanzas dunha xeración sacudida polo século XXI. Deste xeito aborda temas como a precariedade, as relacións sentimentais ou o rigor pandémico, pero sempre envolto cun humor irónico e sutil.

Podes ver os traballos de Maru e Pepa ata o 16 de xuño no Auditorio de Galicia. A mostra #Punctum está aberta todos os días de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h (os días de concertos a sala pecha ás 19.00 h). A entrada é gratuíta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.