Curtocircuíto regresa do 1 ao 9 de outubro a Santiago con dúas sesións especiais adicadas a Todd Solondz e Eugenio Granell
Curtocircuíto inaugúrase este sábado 1 de outubro en Compostela cunha programación que combina a mellor selección de cine, concertos e shows A/V, ademais de actividades abertas público. As actividades paralelas comprenden mesas redondas, un laboratorio de desenvolvemento de proxectos audiovisuais e un comisariado de danza contemporánea liderado polo bailarín Richard Mascherin.
O alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o deputado provincial responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e o director do festival, Pela del Álamo, presentaron onte na Zona C da praza de Cervantes, a 19ª edición do Festival Internacional de Cine CURTOCIRCUÍTO, que se celebrará do 1 ao 9 de outubro. Este ano, as sesións especiais estarán dedicadas a Todd Solondz e a Eugenio Granell.
O festival dá carta branca a Todd Solondz, recoñecido cineasta independente (Benvido á casa de bonecas, Palíndromos, Hapiness, etc. ) para compartir unha proxección coas súas referencias fílmicas no CGAC. Seguidamente, Solondz realizará un encontro co público mediante teleconferencia. A cita será o sábado 8 ás 16h.
Eugenio Granell volve ser protagonista en Santiago na sesión especial “Film Granell. A nova restauración da obra cinematográfica de Eugenio Granell”, que se celebrará o domingo 2 de outubro ás 19h no Teatro Principal.
Entre os anos 1960 y 1980 o artista surrealista realizou unha serie de pezas denominadas “películas de arte”, segundo o termo acuñado polo cineasta Alberte Pagán. Estas películas pequenas e fráxiles, pioneiras do cinema experimental español e galego, son un valioso patrimonio fílmico.
Creadas durante o seu exilio en Nova York, a escolla componse de breves filmes de “cinema-poesía” (Trompos, Middlebury, Película hecha en casa con pelota y muñeca e Casa) e outras do tipo “cinema sin cámara” (Invierno e Dibujo, pintadas a man sobre o soporte, e Lluvia, raiando directamente a emulsión). A preservación é froito dunha investigación impulsada pola Elías Querejeta Zine Eskola en colaboración coa Fundación Eugenio Granell e a Filmoteca de Galicia.
Actividades
Como cada edición, Curtocircuíto ofrece unha serie de actividades paralelas abertas ao público:
– Café con CREA-Conecta LAB, laboratorio de desenvolvemento de proxectos audiovisuais: A asociación galega de profesionais da dirección e realización completa os seus programas Conecta e Conecta+ con esta actividade en colaboración co festival, que culminará cunha residencia artística na illa de San Simón no ano 2023. Noemí Chantada, Álvaro Gago e Fon Cortizo explicarán as vías de participación. Trala exposición, abrirase un debate en torno ao papel dos laboratorios e incubadoras audiovisuais.
– Comisariado interdisciplinar: Richard Mascherin criouse en Tijoco Bajo, un lugar apartado do sur de Tenerife. É bailador e creador enfocado nas artes escénicas contemporáneas e audiovisuais. Por invitación de Curtocircuíto, únese ás artistas Laura Iturralde, Alejandro Da Rocha, Alberto Cernadas e Sam Fuentes para desenvolver unha investigación que parte do seu proxecto CAER, CAER, CAER. A peza resultante farase pública na sesión de clausura do festival no Teatro Principal.
– Mesa redonda: Killing your idols… ¿es posible separar al artista de su obra? Dende as súas propias perspectivas e experiencias persoais, a cineasta catalá Clara Roquet, a performer galega Helena Salgueiro e a compositora e cantante vasca Miren Iza conversarán sobre o vínculo entre artista e obra. Un encontro entre tres xeracións de creadoras contemporáneas nadas nos anos 70, 80 e 90, tres xeracións (X, Millenial e Z) que tiveron unha relación diferente na construción da súa iconografía persoal. A mesa está moderada por Ane Rodríguez, responsable das residencias artísticas de Matadero de Madrid.
– Mesa redonda: (ju’tub) / a tiranía da imaxe na creación musical
Como nos relacionamos coas imaxes dende a creación sonora? Nesta época tiranizada pola imaxe, onde a dixitalización e Internet levan consigo a facilidade de difusión e o consumo de contidos, conversamos coas creadoras musicais galegas Ánxela Baltar (Bala), Nuno Dopico (Grande Amore) e Alberto Mira (Berto) sobre a relevancia da linguaxe visual nos seus traballos musicais. Modera Acacia Ojea, especialista en creación audiovisual contemporánea e arte sonora.
Sección non competitiva Playlist
A sección Playlist detense en formatos que renovan a xa tradicional alianza entre a música e a imaxe. Músicas, cineastas, artistas visuais e escritores apóianse mutuamente xerando novos formatos e correntes que avanzan cara a unha renovación dos vellos conceptos. O programa inclúe os seguintes títulos: Decoder (1984) de Muscha; DOPO YUMEmories (2022), de Jordan Galland; Nueve Sevillas (2022), de Gonzalo García Pelayo e Pedro G. Romero; The Lost Record (2021), de Ian F. Svenonius e Alexandra Cabral; The Runner (2022), de Boy Harsher.
As seccións Criaturas e Teenage Riot volven ás salas de proxección con dous programas pensados para o público máis novo en colaboración con centros de ensino da cidade.
Información práctica
As proxeccións terán lugar no Teatro Principal, Numax e Auditorio Abanca, e as actividades desenvolveranse no CGAC, Zona C e Museo das Peregrinacións. Tamén acollerán diversos concertos da programación a Sala Capitol, a Igrexa da Universidade e a Sala Malatesta.
As entradas poderán mercarse a partir deste venres ás 11.00 h na páxina web de Curtocircuíto, e o prezo da entrada por sesión será de 3 euros.
Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, AGADIC e o ICA,