‘Dende o meu balcón’, de Susana Seivane: un berro de ánimo ante a covid
Por Xiana Lastra
A simple vista pode chamar a atención que un dos nosos instrumentos máis tradicionais poida ser ao mesmo tempo dos máis transgresores a todos os niveis. A capacidade emocional e de adaptación a outros tipos de música da gaita é indiscutible e isto sábeo ben Susana Seivane, unha das nosas gaiteiras máis internacionais que con dez anos daba concertos por todo o país e con 25 (2001) era unha das cinco finalistas dos Indie Awards, os premios que cada ano outorga a Asociación de Música Independente dos Estados Unidos (AFIM), na categoría de mellor artista de Músicas Contemporáneas do Mundo.
Susana acaba de presentar o seu sétimo disco, ‘Dende o meu balcón’, onde recolle os temas que tocou durante os días de confinamento desde o balcón da súa casa de Pravio (Cambre).
Que foi o que te impulsou a saír ao balcón e tocar cada noite unha peza?
A necesidade de axudar a xente que o estaba pasando moi mal, tanto na súa casa coma loitando en primeira liña contra o virus. Era o noso aplauso musical aos sanitarios, aos limpadores de hospitais, aos caixeiros, un berro de ánimo para os meus veciños que era o público “físico” que nos vía cada día, e un berro de esperanza para todos os que nos seguían polas redes. Foi a mellor maneira que se me ocorreu para poñer un pouco de alegría ao que estabamos a vivir, poñer o meu grao de area para que a xente estivese mellor. Axudar en todo o que eu puidese dende a miña casa.
Recibiches moito feedback da xente?
Impresionante. As redes revolucionáronse cos vídeos do balcón, algúns teñen máis de 600.000 reproducións e máis de 5.000 compartidas. Colapsábanseme as redes, centos de mensaxes privadas e públicas de agradecemento, de morriña, de sentimento, centos de historias moi tristes e outras moi bonitas. Caía dentro da naturalidade que estas mensaxes fosen de xente galega espallada polo mundo, como así foi tamén, pero o feedback foi impresionante dende moitos puntos do planeta, xente que non tiña nada que ver con Galicia, e que estaba profundamente emocionada polo que estabamos facendo cada día e polo son da gaita, que lles remexía por dentro dunha maneira que non lograban entender moi ben pero que os conectou coa nosa música tradicional coma se de un frechazo amoroso se tratase.
E por que decidiches converter esa experiencia nun disco? Non che chamaron tola por presentar algo nesta época? 😉
He he, xa sabes que eu son algo toliña e, cando se me mete algo na cabeza, dáme un pouco igual o que me digan 😉 Pero o certo é que todo foi dunha maneira moi natural. Os Seivaneiros e Seivaneiras facían as súas peticións para seren tocadas no balcón e ían pasando as semanas e empezaron a pedir este disco, un soporte no que quedase reflectido e para a historia este momento vivido e esta cita musical que tiñamos todos ás 20h. E así o quixen facer eu tamén.
Neste disco volves ás túas orixes, ao máis tradicional. Como escolliches o repertorio?
Realmente este disco hai moitos anos que tiña ganas de facelo, creo que tería que ter sido o meu primeiro disco, alá polo 99, onde a música folk estaba nun gran boom, a min gustábame moito e tirei por aí; pero aos 13/14 anos eu gravara unha maqueta co querido Santiago Caneiro na que estaban moitos destes temas porque era o repertorio que eu manexaba dende pequena, esas pezas que todo gaiteiro ou gaiteira ten que saber, grandes clásicos moi coñecidos para o gran público e grandes xoias do noso amplo e riquísimo patrimonio musical, mais descoñecidas para a maioría da xente.
Había días que tocaba eu o que me apetecía, outros tocaba o que os meus seivaneiros me pedían a través das redes, así que o repertorio do disco foi un traballo conxunto de todos 🙂 Unha viaxe á miña infancia, a banda sonora da miña vida, repasando repertorios de grandes figuras que tiven a sorte de coñecer como o meu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela, Moxenas, Muxicas, Herme, ou tamén os gaiteiros de Soutelo, os Lavadores, Campaneiros, o gaiteiro de Montrove, ou máis contemporáneos coma Xan Xove, Marcos Castro, Treixadura, etc. É unha viaxe marabillosa polo noso patrimonio musical galego de norte a sur e de leste a oeste.
Tes previsto facer algún acto, aínda que sexa virtual, para presentalo oficialmente?
En principio non. Este é un disco especial ata para iso. Nos concertos que estamos facendo con formación reducida estamos indo con formación tradicional e aproveitamos para facer os temas do disco do balcón. Cando imos toda a banda, facemos o noso espectáculo que é máis roqueiro e con moita fusión de estilos que me gustan como o funk,etc., pero aínda con esta formación, facemos unha paréntese para achegarnos máis á xente e sacar o bombo tradicional e o tambor, baixamos co público (agora coa distancia pertinente) e facemos uns minutos con temas tradicionais onde cantamos todos xuntos, e é unha paréntese preciosa no espectáculo cheo de proximidade e familiaridade co noso público. En calquera caso, quen queira o disco, pode conseguilo en formato físico a través da miña páxina web susanaseivane.net ou en formato dixital en tódalas plataformas.
Son moitos/as os/as artistas que din que durante o confinamento tiveron que facer aínda máis esforzo do habitual para manterse activos a través das canles “virtuais”. Ti es unha persoa que sempre estás moi activa en redes, mais notaches tamén a necesidade de ter que manter ese “enganche” constante?
Eu no confinamento non traballei tanto na miña vida, sen cobrar un peso, claro, coma todos. Eu levantábame pola mañá, duchábame, vestíame, peiteábame, maquillábame e fartábame de facer durante todo o día o que fai unha nai: estar cos seus fillos, facer os deberes, lavadoras, pasar o ferro, comidas, merendas, duchas, ceas, etc. E como artista, entrevistas, skypes, videoclips, actuacións solidarias que me pedían, contido nas miñas redes eu soa ou en familia da nosa vida cotiá ou profesional, a saída ao balcón todos os días durante 55 xornadas… foi realmente esgotador pero necesario facelo, non por manter un enganche, senón porque sabía que estaba axudando a moita xente que o necesitaba e sentía ese compromiso.
Como estás vivindo persoalmente esta situación coa covid. A suspensión de concertos, o illamento social…?
Mal, lévoo bastante mal. Creo que psicoloxicamente estanos minando moito a todos e profesionalmente o único que pedimos é que nos deixen traballar, que mentres haxa avións, metros, buses, cheos, non entendemos por que seguen as salas pechadas. Non entendemos incongruencias coma estas e sabemos o esforzo que supón facer un concerto no que se están cumprindo todas as medidas sanitarias de P a PA, capacidades restrinxidas, un público máis que modélico… a xente NECESITA isto e nós tamén porque é o pan que traemos á casa. En eventos culturais levamos un caso infectado, con iso demóstrase que a cultura é segura e seguiremos loitando para que nos deixen traballar, que é o único que queremos facer. A Constitución recolle a cultura como ben esencial, non se está cumprindo ese artigo, claro que a Constitución parece que está á conveniencia dos que a fan ou dos que queren que a cumpramos.
Como ves o panorama musical en Galicia con esta situación?
Caerán moitos grupos como caeron na crise do 2008, desgraciadamente. O talento é enorme, botamos por fóra que diría a nosa amiga Guadi. Hai grupos e grupos que están facendo cousas realmente espectaculares e cunha calidade e un gusto indiscutibles pero como xa antes da covid “só” eramos músicos, moitos pensan que é simplemente o noso “hobbie” e non pensan que é a nosa profesión, pois agora con todo isto mal camiño levamos. Agora afloran os problemas e os dereitos que tantos anos levamos demandando: que se nos respecte como sector importante que somos, que se respecte a todas as familias que dunha maneira directa ou indirecta nos dedicamos á musica. Non valoramos o que temos, non nos valoran mellor dito, a política non entende de cultura; é máis, parece que ás veces ata molesta, molesta pensar diferente, molesta pensar. Nunca gustou a xente pensadora que che fai mirar as cousas doutra maneira, que che fai ver que as cousas doutra maneira estarían mellor feitas. E aí seguiremos na loita os que quedemos.
Agora que xa estamos preto do 2021… que lle pedirías ao novo ano?
Que volvamos ao que tiñamos antes pero coas cousas mellor feitas. Aínda coa aprendizaxe que está supoñendo este pesadelo, do malo tamén se sacan moitas cousas boas das que nos damos conta nestas situacións pouco favorables e críticas. Pídolle ao 2021 que me ensine primeiro o trailer 😉 E agora en serio, pídolle que acabe este pesadelo. Respecto, dereitos e responsabilidade política.