TRIKORNIO: Burbullas de xabón e osiños de peluche
Por César Varela de Plástico Elástico
Pois, que queredes que vos diga? Aburridiño anda o panorama musical ultimamente nesta cidade. Non sei se a pandemia nos deixou a todos para o arrastre, se xa está todo inventado musicalmente falando e a xente xa non sabe que camiño seguir, ou se realmente a todos vos encanta o blues, os ukeleles ou tirar de versións de clásicos é a saída máis fácil para moitos músicos que pululan polas rúas de Compostela? O caso é que os meus oídos están un pouco cansos de escoitar o de sempre. Onde vai aquel ambiente que se respiraba nos 90’s? Igual é que me vou facendo maior e cada vez me volvo máis esixente. Sexa cal sexa o motivo, o certo é que cada vez me resulta máis difícil decidir quen será a próxima banda ou artista que forme parte desta sección que estades lendo. Mais tranquilos! Sempre queda alguén que me encha os tímpanos de orgullo e satisfacción e por suposto, haberá corda para rato…
Dende as catacumbas da Cidade do Apóstolo, chegan TRIKORNIO. Un power trío que recolle influencias que van dende o rock máis clásico, pasando polo metal, a psicodelia, dub, experimental ou o rock progresivo, nunha mestura persoal que non deixa indiferente.
TRIKORNIO nace no 2020 das cinzas do trío Reino Animal. Trala saída dabanda do seu baixista (Miguel Amenedo), Pablo Antorrena (batería) e Luís Iglesias (guitarra e voz) deciden refundar o grupo dando entrada a un novo membro: Estrella Rebordelo (baixista). Na súa proposta artística a palabra chave é “intensidade”. A súa música ao vivo é indomeable, con escaso espazo para o descanso e cunha posta en escena enerxética e contaxiosa.
Posúen dúas obras mestras dignas de escoitar: ‘Hikkikomori, 2020’ e ‘Rekortes de Ostias, 2021’, que podes adquirir tanto fisicamente como nas plataformas dixitais de moda, ademais de varios videoclips circulando polo espazo sideral cibernético. Aínda que xa van sendo horas dunha nova entrega enlatada, non rapaces(zas)? Aí volo deixo caer!
E ti? Que fas aínda aquí lendo isto? Pasa a botarlle un ollo á súa canle de Youtube!