A CoruñaCulturaReportaxes

A Deputación da Coruña programa unha nova edición da campaña ‘Liberdade de ser e sentir!’

Por Rebeca Munín

A deputada Soledad Agra, na súa intervención no congreso 'A memoria é diversa'
A deputada Soledad Agra, na súa intervención no congreso 'A memoria é diversa'

‘Liberdade de ser e sentir!’ é o nome da campaña posta en marcha desde Igualdade de xénero da Deputación da Coruña, con motivo da conmemoración do 28 de xuño, Día da diversidade sexual. Nesta sétima edición, coma nas anteriores, convídase a participar a concellos, entidades sociais, educativas e empresariais, co obxectivo de dar visibilidade a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

“Cremos que é fundamental transmitir esta mensaxe, que forma parte non só desta campaña, senón da nosa filosofía de traballo desde a área de Igualdade da Deputación da Coruña”, sinala a deputada Soledad Agra. “A pesar de que se deron moitos pasos para a normalización e dar visibilidade ás persoas do colectivo, aínda quedan moitas cousas por facer. Vemos ademais que estamos nunha época na que se están, se cadra, espallando con demasiada normalidade lemas en contra destas realidades. Vemos con moita preocupación, por exemplo, o incremento das agresións. E por tanto, parécenos que esta campaña segue sendo moi necesaria”, afirma.

A memoria é diversa

O primeiro acto desta edición da campaña ‘Liberdade de ser e sentir!’ foi o III Congreso ‘A memoria é diversa’ que se celebrou o 31 de maio e 1 de xuño na Coruña.

Estas xornadas serviron, entre outras cousas, para recuperar as historias de vida de persoas de relevo en Galiza que formaron parte do colectivo, como o escritor Eduardo Blanco Amor. “Son figuras que temos que poñer en valor”, sinala Soledad. Neste senso, avanza que a Deputación presentará proximamente un traballo específico sobre a coruñesa Trini Falcés (1942-2022), activista polos dereitos das persoas transxénero durante o franquismo.

“Paréceme importante tamén resaltar a presenza neste Congreso dun refuxiado político ruso e activista LGBT, Roman Efremov, que nos contou como está a situación noutras partes do mundo. É bastante preocupante que en países nos que parecía que era algo que xa estaba superado, se estean perdendo tantos dereitos do colectivo. E aínda que aquí nos pareza que xa temos moito conseguido, en calquera crise quen antes perden os seus dereitos son as minorías. Por iso temos que seguir falando destes temas e reivindicándoos no foco político e mediático”.

Programa de actividades

As actividades da campaña ‘Liberdade de ser e sentir!’ do 2024 continuaron o propio día 28 de xuño coa instalación dun punto de información na Coruña.

O teatro forma parte tamén deste programa coa obra ‘Menu-do día’, do ColectivoCBV. Faranse catro representacións acompañadas de cadanseus obradoiros de sensibilización a cargo da asociación ALAS Coruña. Haberá, por outro lado, outras seis charlas educativas máis, facendo un total de 10 obradoiros en diferentes concellos da provincia. As datas e lugares onde se desenvolverán poden consultarse na páxina web seresentir.gal

“A mocidade é a que ten máis dereitos en comparación con xeracións pasadas, pero tamén é onde están calando máis os discursos de odio a través das redes sociais”, apunta Soledad Agra en relación a estes obradoiros. “Hai un adxectivo que a min me desgusta moito cando vas aos centros educativos e falamos de homosexualidade ou transexualidade e din: ‘Nós tolerámola’. É que non é unha cuestión de tolerar, senón de dereitos. Hai que normalizar que hai persoas cunha identidade de xénero e outras, doutro”.

Na páxina web seresentir.gal van actualizando tamén información e recursos para que os axentes sociais poidan traballar coa  veciñanza e axuden a difundir esta campaña de sensibilización sobre a diversidade sexual.

Neste portal poden atoparse recursos educativos e pedagóxicos, así como moito material audiovisual de libre acceso sobre bulos relacionados co colectivo. Hai, por exemplo, pílulas informativas, protagonizadas por A Rabela, Daniel Amarelo e Xácia Ceive, para aclarar termos conceptuais relativos ás diversidades sexuais de xeito ameno e divulgativo. Ou unha reportaxe sobre a importancia de educar en diversidade dende peques, na que a psicóloga Martina González Veiga nos achega a conceptos e termos relacionados coas diversidades sexo-afectivas, así como a abordaxe do respecto e acompañamento ás diversidades dende o ámbito familiar e educativo. Tamén hai conversas coas entidades ALAS CORUÑA, ARELAS e LES CORUÑA arredor do retos de futuro das diversidades sexuais; e pódense descargar carteis, adhesivos, banners...

A campaña continuará proximamente coa presentación dun documental sobre homosexualidade na Idade Media, a cargo de Carlos Callón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.