fbpx
GaliciaNovas

Os Benfeito, da Unión de Consumidores de Galicia, presentan unha serie de vídeos sobre consumo responsable

A Casa de Europa, no Parque de Vista Alegre, acolleu o acto de presentación da nova campaña de comunicación da familia Benfeito, a banda deseñada coa que a Unión de Consumidores de Galicia leva dous anos trasladando as súas mensaxes e os resultados dos seus estudos á cidadanía. 

Durante o evento Aperitivo Benfeito déronse a coñecer os tres vídeos que conforman esta iniciativa desenvolvida por UCGAL en colaboración con Mercadona. Ambas entidades veñen colaborando desde hai anos no desenvolvemento de actuación centradas na formación e información das persoas consumidoras. Para ambas entidades a finalidade desta iniciativa é sensibilizar sobre o consumo responsable e incentivar a adaptación de bos hábitos á hora de facer as compras. 

O secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, destacou que é importante fomentar en tódolos tramos de idade actitudes de consumo responsable e respectuosas co medio ambiente. Neste sentido, o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, loou aquelas iniciativas que apostan pola sostibilidade recordando que non hai acción pequena á hora de coidar a contorna. 

O técnico de animación, Tomás Guerrero, explicou como foi o proceso de creación dos vídeos, resaltando as oportunidades da animación á hora de trasladar información dun xeito sinxelo e atractivo. 

As persoas asistentes a este evento tiveron ocasión de presenciar un showcooking a cargo de Adrián Díaz do programa Larpeiros da Televisión de Galicia e de gozar coa actuación musical de Tonhito de Poi, compositor do tema musical dos Benfeito. 

Os vídeos inclúen unha serie de consellos sobre consumo responsable á hora de facer as nosas compras. Así, destacase a necesidade de facer unha lista da compra antes de acudir ao establecemento comercial, faise fincapé no positivo que é decantarse por produtos de temporada e recoméndase optar por bolsas que non sexan de plástico.