GaliciaNovas

Máis de dez festivais de cinema galegos únense en Proxecta

Os festivais e mostras de cinema e audiovisual de Galicia constitúen, por vez primeira no país, unha asociación dende a que traballar xuntos pola defensa e o impulso dun sector que hoxe é un dos máis activos e recoñecidos do panorama cultural galego.

Proxecta, na que están representadas todas as provincias galegas, está conformada por máis de dez festivais e mostras de cinema e contan con achegarse proximamente á vintena de asociados. Os socios promotores representan xa unha terceira parte do total do panorama galego de festivais audiovisuais, ofrecendo programación de cinema ao longo de todos os meses do ano. Estes festivais promotores destacaron a vitalidade e singularidade do panorama galego, recoñecido  tanto a nivel nacional como internacional pola calidade das súas propostas artísticas, o nivel de innovación nos formatos, o volume de actividade e o retorno social. 

Proxecta nace ca vontade de ser un interlocutor que fortaleza o diálogo coas diversas institucións, así como para traballar pola visibilización de cara á sociedade en xeral. Entre os seus obxectivos están compartir recursos, intercambiar ideas e procesos organizativos, realizar estudos sobre o impacto dos festivais ou afondar na formación.

Os festivais asócianse, tamén, para reinvindicarse como xeradores de emprego, activadores da economía local, potenciadores dun turismo cultural de calidade, pero sobre todo como impulsores da creación e produción audiovisual galega.

Proxecta, realizou nos últimos meses unha colleita de datos. En Galicia existen actualmente 39 festivais e mostras audiovisuais. “Galicia é unha potencia en festivais de cine de diverso tipo, recoñecidos internacionalmente e cun gran prestixio en todo o Estado, e precisamos ter ferramentas e un apoio digno para seguir medrando, competindo e colaborando con outros territorios”, afirmou Ángel Sánchez, presidente da coordinadora.

Somos un tipo de evento que non só funciona nas datas de celebración. Temos actividades didácticas todo o ano, creamos espectadores críticos e a maioría traballamos fomentando a educación audiovisual en colexios e institutos. Só os 12 festivais fundadores de Proxecta, suman máis de 70.000 asistentes, moven unha cantidade económica de arredor dun millón de euros e xeran máis de 300 contratacións anuais, por iso pedimos o recoñecemento desta labor”, explicou Ana Estévez, directora da MICE e vicepresidenta de Proxecta.

Os festivais asociados á coordinadora son Play-Doc, Festival de Cans e o FIC Bueu da provincia de Pontevedra; MICE Museo do Pobo Galego, S8 Mostra de Cinema Periférico, Curtocircuíto, Carballo Interplay, FKM Festival de Cinema Fantástico, Cinema Crianza e Chanfaina Lab da provincia de A Coruña; Fan Cine de Lemos da de Lugo e o Festival Vía XIV de Verín, en Ourense. Un conxunto heteroxéneo mostra da diversidade das iniciativas galegas.