fbpx
CompostelaCulturaEntre MúsicasNovasXiana Lastra

Salvador Sobral: “No concerto en Santiago quero que se cante, se baile, se chore e se ría ata que doa”

Por Xiana Lastra

 

Salvador Sobral fíxose coñecido pola súa victoria en Eurovisión no 2017. Foto: Adolfo Bueno e Corina Clamens

Salvador Sobral fíxose coñecido pola súa victoria en Eurovisión no 2017.  Foto: Adolfo Bueno e Corina Clamens

Son miles as calidades que poderiamos outorgarlle á voz de Salvador Sobral, un dos artistas máis carismáticos e persoais do panorama musical mundial. El escolle “aire, melancolía e ruptura” para definir o seu ‘Timbre’. E é que así se titula o novo traballo discográfico que nos presentará en Compostela o vindeiro 23 de marzo facendo referencia á calidade vocal que converte a voz de cada un e cada unha de nós en única e irrepetible.

A súa é, sen dúbida, unha voz inesquecible unha vez a escoitas e te deixas engaiolar polo seu engado, pero neste quinto disco vai un paso máis alá, decidíndose a coller a pluma e a compoñer 10 das 11 cancións que completan esta alfaia musical xunto co seu produtor Leo Aldrey. Gran amante dos idiomas, manexando moitos con fluidez, escolle o castelán, o francés e o portugués para escribir as cancións deste disco porque, asegura, asume “unha personalidade un pouco distinta en cada lingua que falo. É unha oportunidade para cambiar. E á hora de escribir cancións é o mesmo, se me apetece asumir un personaxe máis erótico sáeme en francés; se quero ser máis tropical, sáeme en español; e o portugués… pois son as cancións máis íntimas e persoais”. Jorge Drexler, Silvana Estrada, Luísa Sobral e Barbara Pravi son as outras tímbricas das que o artista portugués se rodea no que é, probablemente, o seu traballo máis atrevido e heteroxéneo ata o momento.

As colaboracións coa súa irmá Luísa, que ademais é a autora do único tema do disco que non é de composición propia, non son unha novidade á que non nos teña afeitos, mais nesta ocasión a situación é diferente, pois é a primeira vez que a canción que comparten está composta por el e non por ela: “Dinme conta de que era a primeira vez que a miña irmá cantaba unha canción miña cando chegou ao estudio. Nese momento sentín que a canción non valía nada, síndrome do impostor a tope. Case lle pedía perdón porque as súas cancións están tan xenialmente escritas que a miña pareceume “fráxil”. Ela riu e dixo que lle gustaba moito, que lle facía ilusión”. Unha ilusión como a que o propio Salvador sentiu ao ter o pracer de compartir música con artistas que el admiraba desde moito antes de se converter nun personaxe coñecido tras a súa vitoria en Eurovisión. É o caso de Jorge Drexler, co que gravou ‘Al llegar’, o que lle resultou “bastante surreal ao inicio. Non o podes crer e despois, cando xa levas un tempo compartindo cos teus máximos referentes, a situación normalízase. Como se fose case banal. Supoño que é un mecanismo de defensa do teu cerebro, que non che deixa estar constantemente en incredulidade porque se non rematas volvéndote tolo”.

Artistas que marcan

As deste disco non son as únicas colaboracións nas que escoitamos a Salvador nos últimos tempos. Moito máis activo nas redes sociais, onde mostra o seu lado simpático, peculiar e desenfadado malia que non é nada fanático das novas tecnoloxías, é habitual velo compartindo música con diferentes artistas polo pracer de “empastar a miña voz con outra por moi diferente que sexa. Hai algo de divino que acontece cando dúas voces cantan en harmonía”. Lau Noah ou Silvia Pérez Cruz son algunhas delas. A esta última incluso lle compuxo unha canción, ‘De la mano de tu voz’, que interpreta xunto a Silvana Estrada neste ‘Timbre’ que nos trae en directo ao Auditorio de Galicia. Asegura que, para el, “Silvia é a nai de todas as voces. Ela coñece a verdadeira esencia da música. Cando penso nela lembro o porqué de facer isto da miña vida. Cando canto con ela a miña alma énchese completamente. A canción que fixen foi unha forma de agradecerlle toda a inspiración que me trouxo na miña carreira e na miña vida en xeral”. E é que sen dúbida, hai artistas que marcan, e Salvador Sobral é un claro exemplo. Especial coma poucos e natural coma ningún, considérase un animal de escenario, onde se sente realmente el e conecta co público, que é o que máis lle gusta facer. Todas as súas vivencias convérteno no intérprete irrepetible que hoxe é, desde a súa recente paternidade “ata unha enfermidade grave de corazón co consecuente transplante (ao que lle dedica unha canción no disco) ou un polbo incrible que comín en Santiago de Compostela”.

Quen asistiu a un concerto de Salvador Sobral coñece sobradamente esa sensación de estar a vivir un momento único coa que marchas para a casa. Un momento único que, afortunadamente, podemos repetir unha e outra vez cada vez que nos visita. Nesta ocasión o xa noso “Salva”, prométenos “sorpresas sen dúbida. Neste concerto trato de crear un microcosmos de alegría, luz, cor e celebración (cousas que non están moi presentes nestes tempos destrutivos que estamos vivindo). Quero que se cante, que se baile, que se chore e que se ría ata que doa”. Estámolo desexando.

“Se me apetece asumir un personaxe máis erótico, escribo en francés; se quero ser máis tropical, sáeme en español; e o portugués é para as cancións máis íntimas”

Salvador compuxo 10 das 11 cancións que forman parte do seu novo traballo discográfico.
Foto: Adolfo Bueno e Corina Clamens

O portugués presentará o seu novo disco ‘Timbre’ no Auditorio de Galicia en marzo

Jorge Drexler, Silvana Estrada, Luísa Sobral e Barbara Pravi colaboran no ‘Timbre’ de Salvador Sobral.
Foto: Adolfo Bueno e Corina Clamens

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.