fbpx
CulturaGaliciaNovas

‘Artesanía na escola’ achegará os oficios tradicionais aos máis novos

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, xunto coa xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presentaron o proxecto Artesanía na Escola, co que a Xunta de Galicia busca achegarlle aos máis novos os oficios artesanais e os valores da artesanía.

No acto celebrado no CEIP Plurilingüe Monte dos Postes de Santiago de Compostela presentouse tamén a primeira das unidades didácticas que se enmarcan no proxecto e que está dedicada á elaboración de zocos, a través da figura de Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019, que estivo presente no acto.

Artesanía na escola consiste na creación de diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais –poñendo especial atención nos oficios máis tradicionais– e nas que se incluirán unha unidade didáctica en papel que se lle enviará aos centros participantes e fichas en formato dixital para poder traballar na aula. Cada unidade didáctica falará dun oficio concreto a través da traxectoria dun artesán ou artesá real, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a comprensión do tema ou a ampliación de información, e tamén coa intención de que eses profesionais da artesanía poidan visitar algúns dos centros que están a participar no programa.

Despois da primeira das unidades didácticas dedicada ao oficio dos zoqueiros, estase a traballar noutras unidades especializadas nos instrumentos musicais tradicionais, na ourivería compostelá ou na cerámica.

Durante a presentación, o director xeral de Comercio e Consumo sinalou que “esta liña de traballo está dirixida á concienciación dos máis pequenos sobre os valores da artesanía, buscando poñer en valor o produto feito á man para os consumidores de mañá e dando a coñecer tamén un oficio e un modo de vida para os futuros profesionais”. Por outro lado, o director xeral de Centros e Recursos Humanos destacou que este proxecto “axuda a poñer en valor a economía circular e a tradición e a cultura galega” e o director do CEIP Monte dos Postes, Fernando Vieito, asegurou que o alumnado estará encantado con esta unidade didáctica porque “todo o que sexa manipulativo, de empregar ferramentas, ver materiais… encántalles”.

Os obxectivos do programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.

Eu son zoqueira

A primeira das unidades didácticas deste proxecto, Eu son zoqueira, está dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e centrada no oficio da elaboración tradicional de zocos a través da figura de Elena Ferro, responsable de Eferro (Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.

Elena Ferro destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira, que sufriron unha época de crise cando quedou en desuso e só se empregaba para o traxe tradicional. Esta artesá conseguiu un cambio no valor de uso deste calzado de traballo, outórgalle un novo significado a este produto sen arrebatarlle a súa esencia e reinventouno como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores.

“Para min e para a miña familia é unha honra vernos neste libro que vai estar nas escolas. É moi importante que os nenos e nenas coñezan a nosa cultura e a nosa artesanía, que valoren como está feita cada peza”, sinalou durante o acto Elena.

A través de ilustracións e dunha linguaxe adaptada para o alumnado de Primaria, explícase a importancia dos zocos como calzado tradicional en Galicia e o oficio da elaboración dun zoco a través das partes que o conforman e das ferramentas empregadas. Nas fichas – que se entregarán só en formato dixital – repásanse diferentes conceptos explicados no libro. Pódese obter máis información na Fundación Pública Artesanía de Galicia a través do correo centro.artesania@xunta.gal ou do teléfono 881 999 171.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.