fbpx
A CoruñaCulturaNovas

Os XXII Premios Mestre Mateo entregaranse o 23 de marzo no Coliseum da Coruña

A gran celebración anual do audiovisual galego regresa á Coruña. O sábado 23 de marzo o Coliseum acollerá a gala de entrega de premios Mestre Mateo, un espectáculo que estará presentado polos actores Lidia Veiga e Miguel Canalejo e dirixido pola dramaturga Noemi Rodríguez.

A presentación dos XXII Premios Mestre Mateo tivo lugar na Filmoteca de Galicia, e contou coa presencia dos presentadores, acompañados polo presidente da Academia Galega do Audiovisual,  Álvaro Pérez Becerra; o Concelleiro de Fomento e Promoción da cidade do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; a Deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Natividad de Jesús González; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o Director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias.

No transcurso do acto tamén se presentou o cartel da vixésimo segunda edición dos premios, inspirado na estética vapor wave e o eslógan da edición: “Hai alguén aí? Si?, Non? Si?” 

O presidente da Academia iniciou a súa intervención explicando o eslógan, que retoma a pregunta que lle facía aos espectadores o Xabarín que presentaba o coñecido programa Xabarín Club nos anos 90, unha pregunta que, desde a Academia se resposta afirmativamente “si que hai alguén aqui, destoutro lado das multiples pantallas nas que, corenta anos despois, o audiovisual galego está presente: temos un sector maduro e consolidado”.

Pérez Becerra continuou enumerando algúns dos datos que dan boa conta desta conexión entre o audiovisual galego e o público: “as películas que participan nesta edición dos Premios Mestre Mateo obtiveron unha excelente resposta de público na súa estrea en salas de exhibición superando os 325.000 espectadores, o que supón un aumento do 48% con respecto ás cifras acadadas polas películas participantes na edición anterior. A ficción televisiva tamén colleita salientables éxitos de audiencia nas diferentes plataformas de streaming e nas canles xeralistas, uns resultados que elevan o listón desmarcandose das cotas acadadas en anos anteriores”. A elección do recinto que acollerá a gala de entrega de premios quere, nas súas palabras, corresponder a este éxito de público celebrando a gala máis multitudinaria da historia dos premios, abrindo as portas a preto de 2.000 asistentes”.

Apoio institucional

Xaime Arias, Director de Proxección Social da CRTVG, destacou na súa intervención o papel que xoga a Academia a prol do audiovisual de Galicia, nun momento no que a corporación que “arrisca e intenta avanzar” acaba de lanzar a plataforma dixital a galega.gal, que definiu como “a pedra do futuro”.

Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, definiou os premios como “un evento cultural de primeira orde en si mesmo, que nos fai sentir moi orgullosos do noso sector audiovisual, un sector que tan ben nos representa”.

Natividad de Jesús González, Deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, subliñou o compromiso da institución cun sector “estratéxico no desenvolvemento da cultura de Galicia” indicando que está a vivir “unha época dourada”.

Para finalizar o acto, Gonzalo Castro, Concelleiro de Fomento e Promoción da cidade do Concello da Coruña resaltou que o audiovisual como expresión cultural “debe contribuir a fomentar a igualdade e o respecto á diversidade” Tamén manifestou o seu recoñecemento ao traballo da Academia e do sector no seu conxunto para “favorecer valores de convivencia e tolerancia”.

Lidia Veiga e Miguel Canalejo serán os presentadores da gala

Os dous intérpretes, representantes desa Xeración do Xabarín, como lembrou o presidente da Academia, son rostros coñecidos para o público e xa pisaron a alfombra vermella dos premios en diversas ocasións. A actriz arzuá foi finalista en 2021 como mellor actriz de reparto polo seu papel de Uxía na serie A lei de Santos. Na súa intervención definiu como “un orgullo” presentar unha gala que será “unha celebración de catro xeracións do audiovisual galego” na que se vai falar “do pasado, presente e o futuro desde un lugar nostálxico. Unha mestura do que foi e o que está sendo”

Pola súa banda, o actor coruñés recibiu un Mestre Mateo en 2021 pola serie web Xan, que escribiu e protagonizou; tamén foi finalista en 2016 coa curtametraxe Quinta provincia e en 2020 coa serie web Clara Cortés. Prometeu que a gala da XXII edición terá convidados “moi especiais e recoñecidos, da tele dos 90 e da cultura actual” e que haberá “moito humor”.

Un evento no Coliseum

O sábado 23 de marzo daranse a coñecer  no Coliseum coruñés as gañadoras e gañadores da vixésimo segunda edición dos Premios Mestre Mateo, á que concorren 173 producións e 493 profesionais. Trátase da primeira vez que o recinto acolle a entrega de premios .

Os XXII Premios Mestre Mateo celébranse grazas ao apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e a Compañía de Radio Televisión de Galicia – CRTVG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.