ColaboradoresCrusat & CostasGastronomía

Crusat e Costas: Tiro al blanco tinto

Un “branco” perfecto

Por Lorena Costas

Que hai de novo Pincheiros e Pincheiras? Viaxamos desta vez desde a costa ao corazón da Galiza e quedamos no Ribeiro, para falar dun proxecto particularmente especial: a unión de dous galegos cun arxentino. Ben é sabido que Arxentina ten un significado especial para nós, e nós para eles, e que mellor homenaxe que facer viño xuntos?

O Morto Wines naceu aló polo 2017, cando Sergio Cortés, un dos dous galegos do proxecto, coñeceu a Matías Michelini nunha viaxe de traballo a Arxentina, na rexión de Mendoza, a zona de maior produción vitivinícola do país. Estando en Tupungato, aos pés da cordilleira dos Andes, Sergio faloulle a Matías do Ribeiro, que o arxentino xa coñecía por elaboradores como Luis Anxo ou Emilio Rojo, e polas súas viaxes a España e a Galiza.

Algúns estarédesvos preguntando: e quen é ese Matías Michelini? Para os que non o coñezades, a familia dos Michelini, é una das máis influentes no panorama vinícola arxentino, onde elabora máis de 80 viños distintos, repartidos en catro adegas enclavadas no famoso Val de Uco, en Mendoza. Os Michelini tamén colaboran en España con outros adegueiros; tal é o caso da adega dos irmáns Sanz en Navarra, Viña Zorzal.

Volvendo á nosa terra, cando chegou no 2017 Matías ao Ribeiro da man de Sergio, presentáronlle a Álex González, a outra parte do tándem galego. Tras visitar as viñas de Alex, Matías ficou abraiado coas parcelas, sobre todo dunha de Godello en Castrelo de Miño.

Xa sabedes que gusto de contarvos sempre a parte máis humana dos proxectos, deixando para Crusat as partes máis técnicas e  a manduca, así que como seguro que tamén vos estades preguntando por que a adega se chama “O Morto”, contareivos que o nome xurdiu tras visitar as viñas tomando un café no bar máis famoso de Ribadavia: “O Morto”

E “Tiro al Blanco” foi, neses inicios, o nome escollido para ilustrar a súa intención de facer os mellores viños brancos do Ribeiro, nome que despois se trasladaría tamén á elaboración coas castes tintas, da que falaremos nesta ocasión.

Tiro al Blanco “Castes Tintas” 2019 faise con Brancellao, Sousón e Caíño, e catalógase como Viño de Vila (mestura de varias parcelas), igual que o elaborado coas castes brancas. A adega tamén elabora uns cantos viños de Parcela, todos no Ribeiro, caracterizado polos solos graníticos (sábrego), aínda que tamén hai parcelas con lousa. Crusat falaravos de como se elabora o viño escollido.

O viño presenta un nariz de froitos vermellos e tamén de cacao e matices afumados, consecuencia das variedades coas que se elabora. En boca é ao mesmo tempo fresco, con acidez e salinidade, pero tamén profundo e moi serio. Sen dúbida un viño que se atopa nun momento moi interesante, cinco anos despois da súa vendima.

Chámalle branco ao tinto

Por José Crusat

Imos cun viño tinto do Ribeiro coa interpretación que fai un arxentino sobre este territorio e a súa viticultura. Matias Michelini, xunto cos seus socios galegos Sergio Cortés e Alex González, interpreta o ribeiro tradicional coma o que sempre foi, unha mestura de castes. Traballando con diferentes parcelas dun mesmo pobo para reflectir no viño a propia característica do lugar onde nacen e se crían as uvas. É un viño de pobo coma antes eran os viños tradicionais nas aldeas e lugares do Ribeiro.

En canto a este viño en particular, úsanse as variedades Caíño, Sousón e Brancellao cada unha aportando o seu carácter propio. Trabállase nas viñas cos mellores coidados e o máximo respecto á natureza posible que as condicións permitan cada ano. Ferméntase na adega con lévedos naturais sen control de temperatura e sen correccións enolóxicas, respectando tamén o carácter propio das condicións meteorolóxicas de cada ano. Non se filtra nin se clarifica, polo que finalmente temos un viño que nace na viña amosando o carácter que a anada lle aportou. Engádese raspón no momento da fermentación en cantidade variable dependendo do ano.

E que imos a atopar neste viño? Pois na copa, trátase dun viño de cor granate e capa media alta. No nariz presenta aromas de froita vermella fresca, flores e notas especiadas. Finalmente se lle botamos un grolo, ou dous, ou quizais a garrafa enteira sería a dose ideal, temos un viño fluído fresco de moi boa acidez, e ao mesmo tempo con corpo e estrutura, no que volven as notas de froita vermella e especias.

Imos coa maridaxe que sei que é hora de comer e tedes fame (escribín isto ao mediodía). Tocou festa de San Lázaro hai unas semanas por Santiago e hai tradicións que non se perdoan, polo que este viño encaixa perfectamente cunhas uñas con chourizo, patacas e bertóns. O xeito de preparalos xa é onde xogamos un chisco. Podemos tomalos ao xeito tradicional, pero tamén innovar un “alguito”, que vos parece tomalos nun ramen, coas uñas sen ósos, feitas nun rulo e laminadas, enriba duns fideos e caldo de cocelas maniñas do porco e os chourizos? Os bertóns poñémolos despois de pasalos pola prancha acompañando tamén ese medio ovo case que cocido. Para darlle ese picantiño usamos o pemento picante cunhas patacas esmagadas que lle darán gordura ao caldo.

TIRO AL BLANCO TINTO

FICHA DO VIÑO:

Adegueiro:
O Morto Wines
D.O.: Ribeiro
Variedades:
Brancellao, Sousón e Caíño
Grao: 13º
Colleita: 2019

Prezo: En torno aos 14

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.