GastronomíaNovasReportaxes

Probaches as Galipapas?

Servindo unhas galipapas. Foto: Iván Barreiro
Servindo unhas galipapas. Foto: Iván Barreiro

Sabías que en Compostela temos a fortuna de ser o único lugar -por agora- no que podemos comer unhas saborosas patacas asadas recheas cos mellores ingredientes da nosa terra? O pasado mes de novembro abría as súas portas na Rúa dos Bautizados (entre Porta Faxeira e a Praza do Toural) o Galipapas, un proxecto ideado por Almudena López. “Trátase da versión galega das ‘baked potatoes’ que levan coméndose tantos anos en Inglaterra. Tamén se fan moito pola zona de Andalucía e Canarias, pero aquí é algo novidoso. O que facemos é utilizar produtos típicos de Galicia”, explica.

A nosa terra está moi presente non só no sabor, senón tamén nos nomes das distintas Galipapas. Así, entre a oferta actual, podemos atopar a Galipapa Arzúa, con rixóns e queixo de Arzúa; a Galipapa Lalín, con lacón con grelos, chourizo, aceite e pemento en po; ou a de Padrón, con secreto ibérico e pementos con mollo teriyaki. Non podía faltar tampouco a de Compostela. Con que? “Pois aínda que a pataca admite calquera tipo de ingrediente, non iamos usar tarta de Santiago, claro!” (Rimos) A ‘nosa’ leva vitela, cebola, pementos e mollo de pementos navarros. Completan a lista de poboacións galegas as Galipapas de Lugo, con zorza; Ourense, con verduras asadas e queixo cheddar; Pontevedra, con polbo, pemento en po e aceite; Coruña, con caranguexo, xamón, cenoria, millo, atún, queixo e mollo de cóctel; e Laxe, con touciño crocante. Ademais, tamén podes formar a túa propia Galipapa mesturando os ingredientes coma queiras. Con prezos que oscilan entre os 3,50 e os 8,50 euros.

“Utilizamos produtos frescos e de tempada e somos tamén unha boa opción para as persoas celíacas e vexetarianas”, sinala a propietaria. As patacas ásanse nun forno -que tiveron que importar porque non había ningunha empresa que o fabricara por aquí-, ábrense e énchense coa salsa e o resto de ingredientes. E voilá! Galipapas listas para levar ou para entrega a domicilio.

As Galipapas están compostas por patacas asadas recheas de diferentes produtos típicos galegos. Foto: Iván Barreiro

En crecemento

Almudena, que xa leva moitos anos no mundo da hostalaría, rexenta actualmente tamén o Restaurante Abrasador Gaia Medieval, en Galeras. Foi durante o confinamento, e co local pechado, cando se decidiu a lanzar por fin un proxecto que desde había tempo daba voltas na súa cabeza. Uns meses despois, en novembro do 2020, abría o Galipapas. “Ao principio traballábamos moitísimo. Era imposible atender todos os pedidos porque eramos moi poucos establecementos co servizo para levar. Dentro de todo o problema que supuxo a pandemia, somos uns privilexiados”, recorda. Entre a súa clientela atópanse estudantes e traballadores que necesitan comer algo rápido para volver á oficina. Nestes últimos tempos, tamén son un bo reclamo para os turistas.

“A idea de negocio é facer algún tipo de franquiciado e ter locais de Galipapas, polo menos, nas catro capitais de provincia”, apunta Almudena. A hostaleira continúa innovando e xa está preparando a posta en marcha dos Galibollos, que levarán os mesmos ingredientes pero con pan campero en lugar de patacas. En Pincha témolo claro. Haberá que ir probalos pronto!

Podes atopar as Galipapas na Rúa Bautizados, 10. Foto: Iván Barreiro