Loita Amada: “O noso reto é ser un referente nos festivais e concertos masivos”
Por Silvia Castiñeiras
O segundo disco de Loita Amada é algo así como a ‘reinvención’ da ‘reinvención’. E é que a banda foi no seu momento un proxecto que cambiou o rumbo de Pablo Carracedo Jásper, que viña de pasar uns catorce anos con NAO. Tras un descanso, a súa volta á música levouno a explorar estilos aos que non estaba acostumado e a formar este grupo que agora volve renovado. As intencións dos seus seis integrantes quedan declaradas en ‘Rematou o simulacro’, un traballo co que veñen dicir algo así como que van en serio, que isto non é un ensaio, que están facendo o que queren facer e soando como queren soar: a rock, a forza, a caña, a festa, a loita.
Por que esa volta ás túas orixes con este segundo disco de Loita Amada?
Cando naceu Loita Amada eu viña dun descanso moi necesario, porque os últimos anos con NAO foran moi intensos, entón quería estar tranquilo un tempo. Despois empezoume outra vez o ‘gusanillo’ disto e empecei a pensar nun proxecto novo, pero que non fora de rock duro, quería facer algo diferente ao que facía. Así, con Nébeda Piñeiro, centreime na canción protesta e na canción de autor, e gravamos un primeiro disco do que non quedei moi satisfeito. Foi entón cando me propuxen un disco novo pero regresando ás miñas orixes, rock duro.
Entón quen sodes os desta nova loita?
Neste segundo traballo xa non está Nébeda e somos unha banda renovada, unha banda de seis músicos. O grupo formámolo na sección rítmica Iván Bernández co baixo; Iván Barreiro na guitarra; o batería Amós Varela e eu, voz e guitarra. Na sección de ventos temos a María Prado, na trompeta, e a Xiana Naval, co trombón. Somos seis persoas implicadísimas co que estamos facendo, tanto no que foi a gravación do disco como nos directos.
Falando dos directos, que sensacións vos está a deixar esta xira?
As sensacións que levamos cos concertos da xira polo de agora son marabillosas, estamos moi satisfeitos cos concertos e coa aceptación que estamos a ter por parte do público. Tamén a nivel interno, no que supón a banda, hai unha simbiose brutal entre nós. Somos un todo e en cada concerto iso aumenta, é algo que sempre falamos entre nós. Cada concerto soa mellor, a conexión que temos vese no directo.
E por que dirías que se recoñece a vosa música?
Agora en xeral a música galega está tirando moito da electrónica e nós a día de hoxe estamos sendo exemplo no mundo da música en directo de ser unha banda que non utiliza mesturas, soando con contundencia sen necesidade diso, así o di o público. Cada concerto é tamén un descubrimento para nós neste sentido.
Este disco pódese dicir que é rock e punk con matices de moitos estilos en moitos momentos. Principalmente penso que os ventos e as letras son o que nos diferencian, non é habitual ver un grupo de rock duro con estas melodías.
De que nos falan esas letras?
Eu bebín da canción protesta e este disco si que ten denuncia e fala de cuestións a nivel político e social, pero son cancións encamiñadas a espertar unha reflexión. As letras teñen un ton poético, non son en modo panfletario, porque o que queren é crear ese pensamento e esa reflexión a partir do que din. Tamén hai cancións íntimas e persoais.
Que quixestes expresar co título ‘Rematou o simulacro’?
A min gústanme moito os xogos de palabras, como é Loita Amada, que ten moito de retranca. ‘Rematou o simulacro’ tamén é un título con retranca porque realmente o que vimos dicir con este disco é que nos rimos de nós co cambio de estilo que traemos, en plan xa se acabou a broma, imos facer rollo duro que é o que se nos dá ben. E como me gusta xogar cos dobres sentidos, tamén vai con ese carácter político que denunciamos, ten que ver con que hai xente que se quitou a careta ou incluso con estados como Israel asasinando ao pobo palestino, así que tamén é iso, caretas fóra, tamén nos gusta reivindicalo.
Que che permite Loita Amada que non o fixeran outros proxectos?
Loita Amada a nivel creativo non me limita. Teño 44 anos e empecei nisto da música sobre os 16, entón levo unha traxectoria, por exemplo en Xenreira que me marcou moito, onde facíamos temas sen prexuízos. En NAO estaba algo máis atado polo estilo definido da banda, e neste caso non me ata nada. Así, este novo disco bebe un pouco da experiencia de todos estes anos… e podo dicir que hai unha liberdade absoluta.
Ademais, Loita Amada con respecto a outros proxectos apórtame calidade, porque estou con músicos profesionais, persoas que queremos vivir da música e persoas que son especialistas nos seus instrumentos. Iso non o tivera antes.
Vista a boa marcha que leva este disco, cales son os vosos retos?
De momento imos indo nos pasos que temos que ir, pero este ano o que queremos sobre todo é estar en festivais. Xa temos algunhas actuacións confirmadas como o Revenidas e Aturuxo, e outras que aínda non podemos descubrir. De feito, o noso concepto musical está pensado para festival, para que a xente cante en masa e baile con nós. Así que, o reto é ser un referente en festivais e concertos masivos.
A nivel interno queremos compoñer un novo disco e ir camiñando para atopar e definir máis un estilo, aínda que creo que xa o temos. Tamén temos en mente facer colaboracións con grupos cos que nos gustaría tocar.
E para iso hai que poñerse a escribir, o das letras é cousa túa, non?
Si, eu son o letrista e levo o peso compositivo pero logo o proceso está aberto ao que todos aportan. Nas letras adoito compoñer eu unicamente porque claro, eu quero dicir algo e é difícil que alguén se poña na miña cabeza e interveña na letra. Houbo un tempo no que eu non cantaba as miñas letras, pero mira, ao final acabei por cantar eu directamente.
Imaxinádevos, se os simulacros están pensados para que todo saia ben á hora da verdade, como pode ser este disco e como pode soar esta banda!