fbpx
#apaparCompostelaGastronomíaNovas

Menú do día para levar en O Dezaseis

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_o, tomando o menú para levar de O Dezaseis na súa casa. Foto: Iván Barreiro

No momento de escribir este artigo a hostalaría só tiña permitido traballar en toda Galicia co servizo a domicilio. Así que decidín probar co menú do día da casa de xantar O Dezaseis, un local ben coñecido na nosa cidade e que xa fixo 25 anos.

Partindo da base de que, claro, non é o mesmo gozar da súa cociña galega no interior do restaurante que en recipientes para levar, as miñas expectativas non eran moi altas. Sobre todo porque o plástico ou o cartón onde se gardan os alimentos poden modificar moito o sabor. Non obstante, teño que dicir que me sorprendeu! Nada máis chegar a casa, pasei todo á miña louza e sen problema ningún!

Tiña tres opcións para o primeiro prato: crema de cenoria, caldo e pementos do piquillo recheos de bacallau. E outros tres para o segundo: xarrete estufado, guiso de luriñas e lacón con grelos. Como sobremesa, tamén para escoller entre torta de queixo ao forno, pudin e macedonia de froitas. Todo acompañado por un bolo de pan.

A primeira elección tíñaa clara. Con este frío que vai, nada mellor que un bo caldo galego!! Estaba moi rico e con boa substancia e cantidade. No segundo prato tampouco dubidei moito. Os que me ledes sabedes que son máis de carne que de peixe, así que o ‘gañador’ foi o xarrete. Viñan un par de pezas boas, moi tenras e saborosas, e cunha gornición composta por patacas, chícharos e cenorias que acompañaban moi ben.

Por último, como sobremesa, decanteime pola torta de queixo ao forno. Tamén moi recomendable aínda que eu serviríaa sen a marmelada que lle botaron por riba.

Así que, xa sabedes, facede coma min! Mentres non podan traballar doutro xeito, pedide para levar. Apoiemos aos locais de hostalaría que tanto está loitando por saír adiante. Moita forza para todos eles!

DATOS

Lugar: Casa de Xantar O Dezaseis. Rúa de San Pedro, 16 Santiago de Compostela

PratoMenú do Día para levar cun primeiro, segundo, sobremesa, auga e pan

Prezo: 14 euros

Valoración: 8 estrelas

Fotos: Iván Barreiro

Avelino Martínez: “Nestes momentos estase demostrando a fidelidade dos nosos clientes”

Avelino, entregando o menú para levar a @JuanEAT_o. Foto: Iván Barreiro
Avelino, entregando o menú para levar a @JuanEAT_o. Foto: Iván Barreiro

Todos os que vivimos en Compostela comemos algunha vez en O Dezaseis. Situado nunhas antigas cortes na rúa de San Pedro, levan vinte e cinco anos traballando arreo e creando unha clientela que xa é case como da familia. E se non, que lles pregunten ás cantantes Uxía e Guadi Galego que festexaron o aniversario o ano pasado dedicándolle unha canción.

Á súa fronte, desde os inicios, está Suso Coba -Suso o do Dezaseis, para todos- e como man dereita ten a Avelino Martínez, quen nos recibe nun local baleiro polas restricións impostas na terceira ola da pandemia, mais con moitas ganas de seguir loitando.

No 2020 fixestes 25 anos e lamentablemente, á parte da canción que vos dedicaron Uxía e Guadi, pouca celebración puido haber...

Si, pensamos moitas opcións para intentar celebralo adaptándonos á situación que se está vivindo, pero nestes momentos non podes facer plans nin organizar moito máis aló do día a día ou da semana. O gran problema que estamos tendo é que a gran maioría dos restaurantes non podemos ter unha planificación.

Nós en marzo, cando foi o confinamento, tiñamos 21 persoas no cadro de persoal. Estabamos organizando a temporada, dando vacacións... comezaban uns meses cun ritmo de traballo que era moi alto. Todo iso desapareceu de repente. Agora estamos 15 persoas indefinidas, pero traballando co servizo de comida para levar, só dúas.

Que tal está funcionado ese servizo para levar?

Cando decretaron o peche no interior da hostalaría en novembro, nós decidimos pechar. A decisión de permanecer abertos agora é para poder ofrecer un servizo a clientes que tiñamos de todos os días, pero nunca o vimos como algo que fose rendible economicamente. Era algo que tiñamos que facer por toda esa xente de sempre, que moitas veces fai pedidos cando non ten a necesidade. Fano simplemente por axudar.

Porque O Dezaseis, despois de tantos anos, para moitos xa é como a súa casa, como a familia, non si?

Si, é unha familia. Nestes momentos estase demostrando a fidelidade dos nosos clientes. E iso que temos moitos condicionantes. Por exemplo, na rúa na que estamos, só podes acceder co coche se es residente. O aparcamento máis próximo é o do colexio La Salle. O tempo nestes meses non acompaña... Vir buscar o menú é para moitos un acto de valentía!

Como ves o 2021? Tendes esperanza de que mellore a partir de verán?

Eu penso que si que pode haber unha recuperación, pero que será con restricións. Isto é un problema moi grande e temos que ser conscientes. Nós seguiremos polo que dicía de toda esa xente que temos aí. Esa clientela e o trato con ela é o que máis botamos de menos os que traballamos en sala coma min.