fbpx
CompostelaCulturaNovas

Compostela celebra o Día das Letras Galegas coa campaña ‘Andei por Santiago/pisando estrelas’

Con motivo do Día das Letras Galegas, o 17 de maio, o Concello de Santiago lanza a campaña ‘Andei por Santiago/pisando estrelas’ coa que convida á veciñanza a compartir en redes sociais os seus recunchos favoritos de Compostela ao mesmo tempo que se pon en valor a figura da poeta Luísa Villalta. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, detallou en rolda de prensa esta e outras iniciativas que terán lugar ao longo deste semana e que inclúen o acto de lectura pública da declaración institucional o 16 de maio, paseos guiados sobre as orixes da lingua ou o recital “Ritos de resistencia”.

A rexedora recordou que a poeta, ensaísta e narradora Luísa Villalta “mantivo unha vinculación importante coa cidade de Santiago” e por este motivo o Concello quere unirse a esta celebración das letras lanzando a campaña “Andei por Santiago/pisando estrelas”, en referencia ao verso co que a autora comeza un dos seus poemas “no que fai referencia a diferentes lugares pols que adoitaba pasar ou teñen unha especial significación para ela”.

Goretti Sanmartín explicou que desde o pasado venres 10 de maio, están nas rúas unhas estrelas co texto ‘Andei por Santiago/pisando estrelas’, “onde nós lle engadimos ao final ‘e ti?'” para implicar ao conxunto da veciñanza pedíndolle “que publiquen nas redes sociais unha imaxe dun lugar de Compostela onde utilicen os cancelos #AndeiPorSantiago e #PisandoEstrelas, acompañados dunha explicación do lugar escollido”. A alcaldesa tamén anunciou a posta en marcha “desde hoxe” da nova conta do Concello en Instagram @ConcelloSantiago que se inaugurará con esta campaña. Entre todas as persoas que participen sortearanse 10 lotes de material cultural.

Lectura pública

Ademais, a alcaldesa recordou que nesta semana tamén se fará unha lectura pública dunha declaración institucional aprobada coa unanimidade polo Pleno do Concello, nun acto que terá lugar o 16 de maio ás 11 horas na praza do Obradoiro e que, ademais da Corporación municipal, contará coa participación das escritoras Marga Romero e Esperanza Mariño que lerán unha escolma da obra poética de Luísa Villalta.

Outras actividades

O Concello tamén ofrecerá ao longo do deste mes de maio varios paseos guiados sobre Compostela e as orixes da lingua con 12 paradas “que permitirán descubrir como naceu o galego e aspectos relevantes en canto ao léxico, á pronuncia, ao status social e a diversidade do desenvolvemento do idioma”. As persoas interesadas poderán anotarse está na web do Departamento de Lingua: delingua.santiagodecompostela.gal.

O Teatro Principal tamén acollerá o 16 e 17 de maio ás 20.30 horas, o espectáculo “Made in Galiza”, a cargo de Sarabela Teatro sobre o texto de Séchu Sende. A obra está dirixida por Fina Calleja e o elenco está conformado por Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto. “Trátase dunha reflexión sociolingüística en clave de humor que dará pé ao debate ao remate da función prevista para o 16 de maio”, engadiu a rexedora.

O Teatro Principal tamén acolle o evento “Ritos de resistencia”, un recital multidisciplinar con poesía, música e imaxe que ten como eixo central os poemas de Luísa Villalta, no que Participarán a poeta e comunicadora Eva Veiga, ao tempo que os músicos Bernardo Martínez (percusión e xoguetes musicais) e Fito Ares (frauta e saxo soprano) interactúan de forma instantánea coa palabra a través dos instrumentos se proxectan imaxes realizadas do artista Alfonso Costa. Esta función será o sábado 18 de maio ás 20:30 horas e pódense retirar os convites na Zona C, en compostelacultura.gal e na billeteira do Teatro Principal.

Centros Socioculturais

Os Centros Socioculturais de Santiago tamén se suman á celebración do Día das Letras Galegas co obradoiro de creación literaria “Escribirmos na compaña de Luísa Villalta”, que será impartido por Marga do Val e con sesións a cargo de Cristal Méndez Queizán e de Miro Villar. Trátase dunha iniciativa da Escola de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) que conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración do Concello de Santiago. Estes obradoiros impartiranse os sábados 20 de abril; 4, 11 e 25 de maio; e 1, 8, 15 e 22 de xuño de 2024, de 10:30 a 13:00 h.

Goretti Sanmartín fixo un chamamento a toda a veciñanza reiterando que “o mellor que podemos facer para difundir a nosa lingua e apostar pola nosa literatura é falala e ler a obra de escritoras e escritores pero sobre todo a autora á quen se lle dedica as letras”, porque ademais “a obra de Luísa Villalta é moi contemporánea e actual e que chega facilmente á mocidade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.