fbpx

Curtocircuíto 2023

When:
3 Outubro, 2023 – 8 Outubro, 2023 all-day
2023-10-03T00:00:00+02:00
2023-10-09T00:00:00+02:00
Where:
Santiago de Compostela

O Festival Internacional de Cinema CURTOCIRCUÍTO celebra vinte anos de traxectoria consolidándose como un dos festivais máis senlleiros de Galicia. 

Do 3 ao 8 de outubro o Teatro Principal e outros espazos do casco histórico acollerán por vixésimo ano consecutivo proxeccións, espectáculos audiovisuais, encontros e outras actividades dirixidas a todas e todos os que gocen do cinema en pantalla grande.

Curtocircuito está organizado polo Concello de Santiago (Compostela Cultura) e conta co apoio, entre outros, da Deputación de A Coruña, AGADIC ou a ICAA, nunha 20ª edición que chega chea de novidades.

COSMOS, principal novidade do vixésimo aniversario.

Curtocircuíto cumpre vinte anos cunha edición chea de novidades, renovando a súa identidade visual e reconfigurando o seu modelo de festival ao redor de sete seccións (dúas competitivas e cinco paralelas) e seis sesións especiais.

No 2013 Curtocircuíto viviu a súa primeira transformación: implementou na súa proposta outras artes visuais, incluíu longametraxes e creou as  seccións Radar, Penínsulas, Planeta GZ, Terra, Púlsar ou Supernova, entre outras. O seu  imaxinario, dende entón vencellado á exploración de novos territorios, acolleu máis de tres mil filmes. Dez edicións despois, o festival volve a reinventarse para ofrecer un modelo compacto que terá o seu eixo nunha ampla Sección Oficial chamada Cosmos. Esta nova sección concentrará os filmes que antigamente acollían Explora, Radar ou Penínsulas. A vontade de Cosmos é romper as barreiras dos xéneros e a procedencia territorial para poñer os filmes a dialogar sen límites. Cosmos nace para levar a Curtocircuíto a unha nova etapa onde o cinema narrativo máis arriscado conviva directamente coas propostas de vangarda e onde a diversidade cultural e outros temas vixentes da nosa sociedade teñan un espazo para a visibilización e a reflexión.

Planeta GZ, Supernova ou Terra seguirán sendo, ademais doutras sesións especiais, os tres grandes espazos onde o cinema galego teña o seu punto de encontro. Por outra banda, o festival pecha a etapa de seccións como Longas x Curto, Curmaos ou Playlist e pola contra medra en sesións especiais con convidadas e convidados que acheguen propostas experienciais, máis aló da proxección convencional. Curtocircuíto ofrecerá espectáculos A/V en directo, nos que converxan artes visuais e sonoras, atendendo ao interese dunha programación innovadora, afastada da oferta pasiva das plataformas VOD e das salas comerciais.

Nova identidade visual

Esta edición trae dúas novidades: a nova identidade gráfica do festival e a propia campaña promocional para 2023. A nova identidade gráfica de Curtocircuíto, realizada polo deseñador eenyakee en colaboración coa dirección artística do festival, é atemporal, cabalga entre a liña do moderno e o clásico e acepta sen dificultades un desenvolvemento futuro. 

Curtocircuíto sempre entendeu que a comunicación do festival, máis aló de seren un envoltorio, é parte da súa liña de programación. Por iso dende hai máis dunha década a campaña promocional de cada edición afonda nos conceptos de “misterio” e “exploración”. A misión de Curtocircuíto é chegar os novos territorios da creación artística e por iso a súa imaxe sempre está vencellada á paisaxe e os lugares por descubrir.

Segundo o deseñador eenyakee “o novo logotipo parte da letra O para xerar un xogo que recorda a un efecto fractal, á dispersión da luz, a un faro e a outros efectos lumínicos. A narrativa dos carteis retoma o campo semántico dos territorios inexplorados, texturas descoñecidas, mapas, etc., resultando unha paisaxe abstracta que suxire novos camiños, tempos novos. Un novo amencer tras o último solpor”.

Curtocircuíto en Filmin

Entre outras accións especiais, para celebrar o seu 20º aniversario, Curtocircuíto recupera a súa canle en Filmin. Presentarase un programa de 20 pezas; unha selección dos mellores filmes curtos das últimas dúas décadas, innovadores, rupturistas e visionarios.

Sedes

Como en cada edición, as sedes do festival contribúen a dar carácter ao seu programa, por seren patrimonio cultural e social co que a veciñanza se identifica e que os forasteiros saben apreciar: o Teatro Principal -construído en 1841-, a sala Numax -referente do cinema independente na cidade- e a Sala Capitol -emblemática sala de concertos- acollerán esta cita imprescindible que xa forma parte da educación artística e sentimental de consecutivas xeracións

A clausura do festival celebrarase o 8 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se dará a coñecer o palmarés desta agardada 20ª edición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.