fbpx
A CoruñaCulturaEntrevistasNovasSilvia Castiñeiras

Tamara Canosa: “No barrio no que me criei non se soña con ser actriz, pero eu tiven moita sorte”

Por Silvia Castiñeiras

Tamara Canosa formou parte do elenco de Pradolongo Vilamor e Mareas Vivas, entre outros proxectos audiovisuais. Foto: Iván Barreiro

Tamara Canosa (A Coruña, 1983) é desas persoas coas que falas un anaco sen antes coñecela persoalmente e pensas que sería unha boa amiga para ter na vida, porque narra o presente con entusiasmo, recorda o pasado en positivo e visualiza o futuro con ganas. Aínda que se recoñece como unha persoa máis ben introvertida, fala de maneira aberta de como viviu e sentiu a súa nenez na Coruña, os seus comezos como actriz e o seu paso da interpretación á dirección. O seu falar ten ese non sei que que te engancha.

Poderíamos falar horas pero hai que traballar e hai que conciliar. E sobre estas cousas da vida nos comenta nesta conversa mentres un cativo dorme e uns cantos proxectos culturais medran. 

Onde situamos as túas orixes na Coruña?

Os meus pais son da Costa da Morte, pero eu xa nacín e me criei na Coruña. Son unha persoa de barrio, de O Birloque concretamente. Despois, de maior estiven noutros sitios, pero volvín para establecerme aquí de novo. A Coruña é para min o mellor lugar para vivir.

Por que che gusta tanto esta cidade?

Ten algo especial, como por exemplo que vas ao centro e ves á xente residente aquí gozando da súa cidade. A xente bótase á rúa e ten moita vida. Aquí faise, ademais, moita vida de barrio e conservar iso hoxe en día paréceme moi guai. E engado que ten un tamaño perfecto para poder expandirte culturalmente, porque hai moitas opcións, e á mesma vez ten esa tranquilidade que para min a fai ideal para criar aos fillos sen que che coma a cidade.

Como foi que te decantaches por ser actriz?

Vindo do barrio do Birloque parece inimaxinable, sobre todo na época na que eu me criei alí, nos oitenta, tal e como era a vida entón na zona. Quen ía pensar en dedicarse a isto? Quen ía pensar nalgo máis alá que na supervivencia? E moito menos cabía pensar nunha profesión como esta. Pero eu sempre digo que fun e son unha afortunada. Nese universo no que me criei non se soña con ser actriz porque non estaba no posible, pero eu tiven moita sorte, atopeime con xente moi boa no camiño. 

Sempre me tirou moito o teatro, facíao de pequena e unha vez viñeron ao instituto buscando unha nena para unha serie. Elixíronme e logo o entorno foi fundamental, penso que é algo determinante para chegar aos teus soños. Conseguín estudar e formarme. 

Pero non sería todo cousa da boa sorte, non?

Repito que fun afortunada, pero é certo que tamén souben aproveitar as oportunidades. Penso que iso tamén vai no ánimo e no carácter, na maneira de ser unha persoa activa e de querer facer. Eu quería, e aínda que a vida era complicada, atopei xente que me axudou.

Que ten de inalcanzable esta profesión?

É complicado en moitos ambientes chegar ao ámbito da creación. Chegar a calquera tipo de estudo ou formación xa é difícil, pero neste eido penso que aínda máis porque cando a túa situación persoal ou económica non é boa, ou incluso te atopas en risco de exclusión, o único que se che pasa pola cabeza é dedicarte a algo que che garanta a supervivencia. Hai poucos creadores de orixes obreiras.

Entón pódese ou non vivir da cultura?

Levo media vida nisto e comecei a poder vivir soamente da cultura no 2020 cando creei co meu compañeiro de vida o noso propio proxecto, Rebordelos, a nosa empresa cultural. Ata entón, compaxinei os traballos de actriz con moitas cousas, camareira…. un pouco de todo. Tamén a creei porque fun adquirindo ao longo do tempo certas habilidades, tamén estudei Dereito…

NOVOS CAMIÑOS

Efectivamente, tras unha boa traxectoria na interpretación, con filmes como Pradolongo, que lle valeu un Premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina protagonista, ou Vilamor; ademais de curtas ou dos seus papeis no audiovisual (Mareas Vivas, Valderrei) chegaron tempos de cambios, de novas experiencias. 

Por que ese cambio de faceta cara a dirección?

Foron varias cousas conxuntas, pero sobre todo o punto de inflexión foi o nacemento do meu fillo e a necesidade de conciliar, co que decidín traballar para min mesma e tratar de organizarme. Por outro lado, tamén sentía a necesidade de facer as cousas á miña maneira, dunha forma determinada na que eu cría.

Xa facía traballo de produción antes, o de dirección é máis recente e aínda hai pouco non asumía eu mesma que son directora. Agora son máis consciente de que si, de que o que fago chámase dirixir e a verdade é que me gusta iso de ter o control sobre o proceso.

E como valoras a experiencia na dirección ata o de agora?

Levo dirixidas tres pezas de teatro e a experiencia coas tres é moi boa. Nos tres proxectos aprendín moito e dos tres cambiaría cousas, claro. Pero o que si vexo é que teño menos síndrome da impostora como directora que como actriz. Iso si, aínda estou en proceso de descubrir como quero dirixir, vou aprendendo.

Como te sentes mellor, actuando ou dirixindo?

Eu atopo pracer en todas as facetas, actuación, produción, dirección… Bueno coa produción de campo menos (risas). Como directora, eu sei o que teño que facer e os traballos que levo foron moi gozosos todos, os de actriz non todos, pero claro tamén son moitos máis.

Por certo, un inciso, conseguiches de verdade conciliar?

O de conciliar segue a ser unha quimera. Si que tes algo máis de flexibilidade pero non te quitas tarefas e horas, o que pasa que as reorganizas segundo mellor che conveña. Este é un traballo esixente e iso non cho quita ninguén.

Reunímonos con Tamara no local Cotton Club, na rúa Comandante Fontanes, na Coruña. Foto: Iván Barreiro

Non podo evitar preguntarche polas mulleres na cultura…

É desolador que as mulleres con determinadas idades teñan máis dificultades para conseguir papeis. Está nos datos que se publican, ou sexa, é algo contrastado e pode consultarse nos informes anuais da CIMA (Asociación de Mulleres Cineastas e Medios Audiovisuais). Os papeis escríbense para determinados perfís, queda moito por facer… Así como as pensións das mulleres actrices é máis baixa que a dos homes e a súa vida laboral máis curta.

E ti como te definirías? Emprendedora, sobrevivente, todoterreo…

Creo que nada diso, máis ben son ‘solucionadora’ e traballadora. Hai que ter ese carácter de ir para adiante e a min xa me vén de familia porque entre 6 irmáns… sempre fun unha “facedora”, tiña que ir solucionando… Aínda que a miña palabra favorita é afortunada, porque repito que polo sitio do que veño non me correspondería terme dedicado a isto, pero tiven sorte e espero seguir téndoa.

Non te terías dedicado a outra cousa?

Ás veces penso, pero por que non opositei? (risas) Pero non sei se sería feliz con outros traballos. Hai algún posto de funcionario que sexa tan creativo? Porque se o hai, eu vou! Mira, cando tes o bicho estás perdida, cando pica xa non hai nada que facer. Eu de pequena xa andaba inventando historias e convertín isto nunha forma de vida. 

DIRECTORA DA PRODUCIÓN POLO 40 ANIVERSARIO DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO

Tamara Canosa considérase unha afortunada e privilexiada, tamén traballadora. Coa súa produtora Rebordelos (xunto con Xacio Baño) ten xa programados varios proxectos, porque di “hai que organizarse e xa temos todo o 2024 e case o 2025… senón non sobrevives”. Entre teatro, documentais ou curtas aparece de cara ao ano que vén un encargo que é todo un reto.

Tamara vai dirixir a produción coa que o Centro Dramático Galego celebra no 2024 o seu 40 aniversario. A peza, de gran formato e prevista para estrear en abril, é unha das máis ambiciosas da compañía pública. E é que contará en escena con 20 actores e actrices, elixidos mediante un proceso de selección. A montaxe xogará coas premisas que rexen os talent shows, un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos.

A súa envergadura supón todo un desafío para a directora que recoñece que “vai ser para min un traballo dunha intensidade importante, porque vou pasar de ter tres intérpretes no escenario nas miñas anteriores obras a vinte, imaxínate! Pero ao Centro Dramático Galego tes que vir con ánimo de facer o que non sabes facer na túa propia empresa, tes que vir con ánimo de saír a xogar o partido”.

Seguro que gañas non lle faltan, nin humildade. “Eu socializo ben eh, pero en verdade son introvertida, así que estar continuamente con vinte persoas ao redor tamén vai ser un auténtico reto, pero guai. Ir vulnerable pero con ganas de xogar, son moi boas premisas”. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.