fbpx
A CoruñaCulturaEntrevistas

CuacFM: “Estamos nisto polo pracer de facer radio e por ver como nacen novas bandas”

Por Javier Pereira Gasamáns

Entrada da emisora de CuacFM na Coruña. Foto: Iván Barreiro

As redes e as plataformas mudaron o modo no que escoitamos música. O éxito mídese en likes e en número de reproducións. Os medios e os formatos tradicionais cada vez pintan menos. Ou iso é o que se repite como un mantra. Mais o certo é que un dos últimos fenómenos musicais da nosa terra, falamos de Tanxugueiras, acadou popularidade grazas a un programa de televisión. A radio e a tele seguen vivas pero seguen sendo difíciles de alcanzar para as bandas pequenas. Este é un problema que as bandas da Coruña non teñen grazas a CuacFM, a nosa emisora comunitaria dende o ano 1995. 

CuacFM ten na grella máis dunha decena de programas musicais dedicados aos máis diversos estilos, todos cun espazo reservado ás bandas da cidade. Milleiros de horas de emisión ao longo da súa historia e un concurso de bandas locais que este ano chega a súa XXV edición, son proba do compromiso da emisora coa escena coruñesa. Esta dedicación acadou o recoñecemento que merece coa candidatura aos premios Martín Códax deste ano na categoría de Proxectos de Comunicación e Difusión Musical. Para contarnos máis sobre o labor de CuacFM falamos con Noel Miguélez e Rubén Orión, responsábeis dos programas Turbulencias e Orion 2.0 respectivamente.

Sorprendidos pola candidatura aos Premios Martín Códax?

Noel: Foi unha alegría moi, moi grande. Xeralmente o noso traballo ten pouca visibilidade noutros medios ou eventos. Foi unha alegría que recoñezan un traballo que fai tanta xente que aínda por riba o fan de balde.

Rubén: Pola miña banda non estou moi sorprendido. CuacFM leva moito tempo facendo un traballo moi importante a prol da música local e do ámbito galego principalmente, pero calquera iniciativa que dea visibilidade ao noso traballo, e que ademais conte co apoio dos músicos, é ben recibida.

Que pode facer unha emisora comunitaria polas bandas locais? Como foi cambiando a escena local ao longo destes anos?

Noel: O máis importante é darlles a entender ás bandas que existen que hai alguén que os escoita e que non están sós, que hai unha escena; que forman parte de algo. Moitas veces as bandas dan a súa primeira entrevista en Cuac, unha entrevista na que é o propio medio quen chama á banda. Antes diso, xeralmente fixeron un concerto ao que asistiron amigos e achegados, que é algo que ten repercusión no seu círculo, pero que non chega máis aló.

Rubén: Darlles o apoio que non atopan nos medios comerciais. Non só que o público coñeza as súas cancións, senón tamén que escoiten aos propios músicos e saiban do esforzo que teñen que poñer para que os seus proxectos saian para adiante. Que a xente poida entender o valor do talento e do esforzo dos músicos. Neste sentido é unha caste de labor educativa.

Noel: A escena cambia moito. Hai anos que son moi bos e outros que non o son tanto. Hai artistas que semellan que van ter repercusión e que ao final non. E logo hai xente que consigue ter repercusión. O importante é seguir a escena local porque cambia moito.

Os músicos valoran e son conscientes do traballo que facedes a prol da música local?

Noel: Non sei se o valoran. Non sei se son conscientes do traballo que hai día a día detrás da emisora. Os músicos veñen unha ou dúas veces pola emisora, e moitas veces é o único contacto que teñen connosco. Non sabemos se escoitan a emisora nas súas casas; o seguro é que nos teñen simpatía porque somos quen lles dá a primeira oportunidade, ademais con moito máis tempo para explicar o seu proxecto que o que terían nun medio comercial.

Rubén: Creo que ao mellor habería que educar aos músicos neste sentido. Ven o esforzo que supón a emisora unha vez que están alí e ven como traballamos. Nós dedicamos moitas horas e non o facemos por cartos, facémolo polo pracer de facer radio e por ver como nacen bandas que chegan a ter unha carreira firme.

Noel e Rubén, con outros compañeiros de CuacFM. Foto: CuacFM

Cantas bandas participan no concurso de bandas locais? Facedes un seguimento despois da súa participación no concurso?

Noel: Participan ao redor de 120 bandas. Eu persoalmente sigo a esas bandas. Algunhas delas acabaron sendo as miñas bandas favoritas da escena galega. Por exemplo Boyanka Kostova triunfaron moitísimo despois de gañar o concurso de Cuac. Outro tanto sucede con The Rapants. Hai bandas que ao mellor non son tan consistentes, pero que teñen unha proposta interesantísima como o grupo Moito.

Rubén: Si, hai bandas como Eager Platypus ou Deleiba que despois de gañar en Cuac seguen activos e con certa repercusión.

Que sentido ten unha emisora comunitaria na época dourada do podcast?

Noel: CuacFM é unha emisora pero tamén é unha asociación. Para nós Cuac é unha familia, polo tanto formas parte de algo que é máis grande que facer un podcast. Son moitos anos xestionando unha emisora, así que tes xente que te apoia con recursos, formación, contactos… A nivel persoal é moito mellor que ter un podcast. A radio ten un espírito de actualidade que o podcast non ten.

Rubén: A radio está moi viva. Hai un feixe de emisoras comerciais que todas sabemos cales son que seguen emitindo, e se o fan é porque hai xente escoitando. No ano 1981 MTV emitiu “Video kill the radio star” e polo de agora aí seguimos.

Cales son as reivindicacións máis habituais das bandas locais? Vós que botades en falta?

Noel: As bandas piden apoio e oportunidades. Hai iniciativas como este ano o de KMC que funcionou moi ben con bandas locais. O Festival Noroeste funciona estupendamente, aínda que habería que apostar máis polo local dende o Concello, as institucións e as empresas. Nós cremos que son necesarios máis medios que apoien a escena local máis aló das radios comunitarias e algún podcast.

Rubén: Non son moito de queixarse máis aló de como funciona a industria musical. As bandas precisan apoio. Agora as redes están ateigadas de bandas, pero quen ten cartos é capaz de ser visíbel e o máis alternativo queda oculto.

Festivais ou salas de música?

Noel: Eu diría que os dous porque son experiencias totalmente diferentes. Persoalmente como experiencia emocional é moito mellor as salas. Nas salas pequenas e medianas é onde ocorre a maxia.

Rubén: Salas, sen dúbida. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.