fbpx
CompostelaCulturaNovas

Roteiro por Compostela para celebrar o Día dos Medios en Galego

Marta Abal, María Muíño, Henrique Sanfiz, Valentín García e Manel Pardo.
Marta Abal, María Muíño, Henrique Sanfiz, Valentín García e Manel Pardo, no balcón da Zona C.

A Asociación de Medios en Galego celebrou o Día dos Medios en Galego co roteiro ‘Compostela e a lingua’, que se desenvolveu en Santiago este sábado pola mañá. Baixo o lema ‘Bota a lingua a pacer’, realizáronse paradas en lugares simbólicos na loita polo mantemento do idioma. O percorrido estivo acompañado polo grupo de gaitas da Asociación Cultural Panaraiada.

No acto participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a deputada de lingua da Deputación da Coruña, María Muíño; a concelleira de Economía do Concello de Santiago, Marta Abal; e o xornalista Manel Pardo, membro de AMEGA.

O roteiro arrincou ás 11:30 horas diante do Salón Teatro, na Rúa Nova, onde interviu o presidente de AMEGA, Henrique Sanfiz, e a compañía de teatro Os Quinquilláns representou unha pequena escena da obra ‘Doentes’ de Roberto Vidal Bolaño, conmemorando así o vinte aniversario so seu pasamento.

Despois, o roteiro continuou na Praza da Universidade, no antigo Restaurante El Asesino, onde o filósofo Antón Baamonde describiu a importancia dos faladoiros que había nos locais de hostalería composteláns en tempos de crise.

O escritor Bieito Iglesias foi o encargado de vincular a relación entre a Universidade de Santiago de Compostela co galego, noutra parada que se realizou na Facultade de Xeografía e Historia.

Houbo tamén unha visita ao Colexio de Santo Agostiño, onde a profesora Anxos García Fonte debullou a relación de Rosalía de Castro coa cidade.

Xa na praza de Cervantes, na Zona C, volveron actuar Os Quinquilláns, representando a peza ‘Language Planning’, baseada nun dos relatos de ‘Made in Galiza’ de Séchu Sende.

Para finalizar o acto, a carballesa Rosalía Fernández Rial fixo un espectáculo poético-musical.

Día dos Medios en Galego

O Día dos Medios en Galego celébrase cada 7 de febreiro, trala súa declaración institucional no Parlamento de Galicia no ano 2018, co gallo da saída da primeira publicación xornalística realizada integramente en galego, O Tío Marcos d’A Portela, en 1876.

En 2018 celebrouse en Barallobre (Fene), nun acto no que interviron 25 persoas relacionadas coa nosa cultura e cos medios. En 2019 a gala tivo lugar en Pontevedra, e contou coa presencia de Touriñán e Ugia Pedreira. En 2020 o acto cultural celebrouse no Casino1889 de Carballo, coa dirección de Avelino González e a regueifeira Lupe Blanco, e a actuación da banda Terbutalina. En 2021 tocou facelo vía streaming, cun formato #LateNight presentado por Federico Pérez que tivo que ser adiado polas restricións sanitarias e que se emitiu o 20 de marzo polas canles de Youtube e Facebook da AMEGA, as radios municipais e Nós Televisión. Neste 2022 o evento celebrouse por primeira vez na capital galega.

Con esta data festéxase o labor que realizan as máis de 30 cabeceiras que formamos a AMEGA e os máis de 140 medios que fan comunicación actualmente na nosa lingua.