O Ames Jazz 2022 suma música e documentais na súa quinta edición, o venres 1 e o sábado 2 de xullo
Ames Jazz está de quinto aniversario e volve un ano máis dobrando a súa programación e a súa duración. Por primeira vez, o festival durará dous días, o venres 1 e o sábado 2 de xullo, e incorpora ao itinerario a proxección de dous documentais relacionados con figuras históricas deste xénero musical.
O Pazo da Peregrina de Bertamiráns, sede deste Ames Jazz 2022, acolleu a presentación do festival, que desenvolverá os concertos nos exteriores do Pazo e as proxeccións de cinema no seu interior. Ao acto acudiron a concelleira de Cultura, Natividade González; e mailo concelleiro de Educación, David Santomil, que tivo as competencias en materia de Cultura no anterior mandato e puxo en marcha dita iniciativa. Estiveron acompañados de Xacobe Martínez, director artístico e representante do grupo Xacobe Martínez Antelo Quinteto; e Iago Marta, integrante da banda Límbico.
Segundo a concelleira de Cultura, Natividade González, esta quinta edición do Ames Jazz pretende “consolidar este festival e dar un paso máis” ao achegar importantes novidades. “Cando comezábamos coa primeira edición non eramos conscientes de que iamos chegar ata aquí. Para min é un pracer continuar e seguir con esa testemuña que me deixou David Santomil, anterior concelleiro de Cultura. Dende entón pasaron xa unha decena de grupos dunha calidade excelente e con propostas galegas”. E engadiu “non abundan os concellos que teñan un festival de jazz, Ames afortunadamente é un deles; aquí contamos cun público que a medida que Ames Jazz se afianza tamén se consolida”.
A concelleira deu conta, tamén, das novidades desta quinta edición do Ames Jazz coas que “damos un paso firme e subimos un chanzo pois este ano teremos dous días de jazz, o venres 1 de xullo e o sábado 2, ademais esta edición trae consigo unha nova imaxe para o Ames Jazz, temos tamén para os amantes do xénero dous filmes antes de cada concerto e contaremos ademais cun servizo de bar. Unha chea de novidades coas que conseguimos dar ese salto de calidade no Ames Jazz”.
Consolidación do Encontro de Jazz
A continuación tomou a palabra Xacobe Martínez, director artístico e representante do grupo Xacobe Martínez, que quixo poñer en valor o esforzo da concellaría de Cultura por consolidar esta cita. “Ames demostrou ao longo destes cinco anos o seu interese e compromiso por fixar esta cita anual algo que ten moitísimo valor, pois o Ames Jazz é un das poucas mostras de jazz exclusivamente galego se non a única que hai en Galicia”. Do mesmo xeito quixo destacar o nivel desta edición “o talento e o nivel dos músicos de jazz en Galicia é tremendo. É un luxo que a veciñanza de Ames poida velos e ademais neste espazo, no Pazo da Peregrina, que é un lugar marabilloso para facelo. Eu traio o meu novo quinteto con músicos de primeiro nivel e un repertorio divertido de escoitar e ver”.
Con todo será Iago Marta e o seu grupo Límbico o encargado de abrir o Ames Jazz 2022 cunha proposta diferente. Segundo Iago Marta, integrante da banda Límbico, o seu “é un quinteto instrumental que nace hai ano e medio con composicións propias e unha formación inusual porque ademais de batería, guitarra e contrabaixo levamos saxo e chelo cos que intentamos xerar temas diferentes e ambientes diferentes”. O integrante de Límbico louvou o esforzo por manter e programar festivais coma este “é un privilexio participar e atopar iniciativas deste calibre. Eu son de Vigo e pese a ser un concello moito máis grande que o Ames alí hai unha seca deste tipo de eventos polo que atoparte con festivais como o Ames Jazz é un privilexio”.
Para rematar o concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, quixo agradecer a continuidade do Ames Jazz cinco anos despois da súa andadura “agradecer a Natividade e a Xacobe o seu traballo para dar continuidade a este festival que xa se está a consolidar. Sabemos da dificultade que supón consolidar festivais coma este e mais nos tempos actuais”. E engadiu “é unha boa nova que teñamos un festival de jazz no concello que se consolide, que o fagan outros festivais como é o caso do Millarock e outros que virán así que longa vida ao jazz”.
Un concerto cada xornada a partir das 22:30 horas
A noite de xullo volve a ser o escenario do Ames Jazz, mais nesta ocasión a habitual parella de concertos repartirase en dúas datas, sempre ás 22:30 horas nos exteriores do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.
En primeiro lugar, o venres 1 de xullo será a quenda da banda Límbico, un proxecto instrumental do guitarrista e compositor Iago Marta no que mostra as súas ideas e preocupacións musicais, tentando sumar todas as influencias ás que estivo exposto ao longo da súa carreira como intérprete.
Xa na segunda xornada de Ames Jazz, o sábado 2 de xullo, actuará Xacobe Martínez Antelo en formato de quinteto, cunha formación totalmente renovada e na que buscará equilibrar o pasado, con todo o repertorio persoal deste contrabaixista compostelán, co presente e o futuro, no que prepara o lanzamento do seu próximo traballo discográfico.
Dous documentais para aprender máis sobre o jazz
Ademais, por primeira vez no Ames Jazz incorpóranse á programación dúas proxeccións de cinema, que completan a oferta musical do festival. O Pazo da Peregrina acollerá os dous filmes a partir das 20:30 horas, tamén repartidos entre ambos días.
O venres 1 de xullo proxectarase “Thelonious Monk: Straight, No Chaser”, unha biografía desta lenda do jazz que inclúe metraxe de concertos e entrevistas. Pola súa parte, o sábado 2 poderá verse o documental “Keith Jarrett: The Art of Improvisation”, un traballo que xira en torno á figura do pianista e a súa improvisación jazzística.
Outra das novidades este ano será que a Vermutería e coctelería O Transistor instalará unha barra de bar os dous días que se celebra o Encontro de jazz, para aquelas persoas que queiran tomar unha consumición. Este servizo ofrecerase antes das proxeccións e despois (non durante), unha vez rematen as proxeccións dos documentais e durante os concertos.