fbpx
CompostelaCulturaNovas

O ciclo de concertos Atardecer no Gaiás recupera o seu formato de acceso libre e de balde

A Xunta de Galicia programa para este verán a décimo segunda edición de Atardecer no Gaiás, que desta volta conta cun total de 16 concertos ao aire libre os xoves e venres, desde o 7 de xullo ao 26 de agosto.

Dentro da programación deste ciclo, que é xa todo un clásico para a época de estío, o público poderá gozar de música con diversos estilos e procedente de distintas xeografías. Así, a oferta abrangue desde o pop á canción de autor e o flamenco, a  electrónica, o folk experimental e ritmos urbanos que mesturan xéneros como a  electrocumbia, trap ou hip hop.

A Cidade da Cultura volve ser un verán máis o mellor escaparate das tendencias musicais actuais, tanto de Galicia, na súa meirande parte, como do resto do territorio español e portugués. Comezará coas actuacións de Los Jinetes del Trópico e Sila Lúa, ambos galegos, e continuará con propostas como a do andaluz Alfredo Tejada, a extremeña Ruiseñora ou a madrileña Lusillón.

Atardecer no Gaiás celebrarase na Praza Central da Cidade da Cultura ás 21.00 horas coinicindo co solpor. Os concertos recuperan o seu formato orixinal, tras os anos de pandemia, e serán de acceso libre e de balde.

Novas formas de facer música de artistas galegos

Nesta edición de Atardecer no Gaiás poderase escoitar o último de artistas de Galicia que están a revolucionar a forma de facer música desde o país, partindo de estilos tan diferentes como o hip hop, caso de Mundo Prestigio, a canción de autor, como é MJ Pérez, a delicada mestura de electrónica e canción tradicional de Néboa, a fusión de Techno e world music de Terrae ou a orixinal deconstrución e reinterpretación da música tradicional galega de Caldo, mellor proxecto de música folk nos Premios Martin Códax da Música 2020.

A representación galega nos atardeceres complétase co funk e o soul de Carla Green & the Demons, a electrocumbia de Los Jinetes del Trópico, o misterioso pop psicodélico de Basanta e os ritmos urbanos xestados a cabalo entre Vigo, Londres e Madrid de Sila Lúa. 

Grupos emerxentes e noveis de España e Portugal

Desde outras xeografías, subirán ao escenario da Cidade da Cultura artistas emerxentes do panorama nacional como Kimberley Tell, Lusillón, Ruiseñora ou Rocío Saiz, que comezan a facerse un oco nas salas e festivais de toda España, e tamén propostas para todos os públicos como La Banda de Sabina ou o cantaor flamenco Alfredo Tejada.

Ademais, para apoiar os talentos musicais máis novos de Galicia e Portugal, Atardecer no Gaiás incluirá este ano na súa programación un concerto especial no que participarán dous grupos seleccionados do programa Xuventude Crea da Xunta, dirixido a mozos e mozas entre os 16 e os 30 anos de idade, e do certame XeneraSon Rock, no que participan bandas noveis das academias de música galegas e do país veciño.

A programación completa con toda a información atópase na web www.cidadedacultura.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.