fbpx
CompostelaCulturaNovasOído, artesanía!Silvia Castiñeiras

Maialen Arranz, de Branqueta Studio: “A estética é vital, pero o noso fundamento é a utilidade das pezas que creamos”

Por Silvia Castiñeiras

Fotos cedidas pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Branqueta Studio é unha marca de cerámica cen por cento artesanal, centrada na creación de pezas que seguen técnicas tradicionais, aínda que cunha forte presenza dixital e unha imaxe contemporánea. Detrás deste proxecto está a súa creadora, Maialen Arranz. Ela é quen elabora estas pezas únicas dende o seu taller na Coruña, de onde parten cara ao mundo.

Como foron os comezos de Branqueta?

O que comezou como unha afección, como unha maneira de gozar da calma e dos procesos laboriosos e lentos da cerámica, acabou sendo unha necesidade de xerar unha marca respectando ese carácter tan manual e ancestral, levado a un contexto e a unha imaxe plenamente actuais.

Que tipo de pezas atopamos baixo esta marca?

Dende o inicio houbo unha intención clara de que as pezas tiveran un carácter puramente funcional. Aínda que a estética sexa vital, a idea de que as creacións teñan unha utilidade, ou mesmo distintos usos á vez, parécenos fundamental. Temos vaixelas, vasos, candelabros, sets de sushi ou xogos de cuncas, e imos ampliando a variedade de produtos e eliminando os antigos co obxectivo de que sexan pezas limitadas e cada artigo de Branqueta sexa aínda máis único.

Cal é a túa relación co mundo da restauración?

Parte do noso día a día é facer pezas personalizadas tanto para particulares como para restaurantes, hoteis e outros negocios. Temos creacións no restaurante Faragulla na Coruña, A Maceta en Santiago de Compostela, Cokoon Cafe en Bilbao ou o Hotel Arbaso en San Sebastián, entre outros.

Que vantaxes supón contar coa marca Artesanía de Galicia?

Artesanía de Galicia foi un piar fundamental na evolución e o desenvolvemento de Branqueta, xa que supón un apoio esencial á hora de dar visibilidade á artesanía e promocionar  marcas como é a nosa.

Onde se poden mercar as vosas pezas? 

Poden adquirirse a través da nosa tenda online www.branqueta.com e tamén vía Instagram no noso perfil  @branqueta_studio. Ademais, tamén atendemos con cita previa no taller/showroom da Coruña. As nosas pezas están presentes nalgunhas tendas seleccionadas como Boles Artesanía en Santiago, Les Eines en Barcelona e  PEZ ou Wow Concept en Madrid.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.