O santiagués Pablo Pintor e a monfortina Merche Pérez presentan a curtametraxe ‘Océano sen rostro’
O enfrontamento contra a realidade dunha muller atrapada nunha illa baleira, que espera algo que non chega, é a sinopse da primeira aposta do fotógrafo compostelán Pablo Pintor e actriz monfortina Merche Pérez no mundo audiovisual. ‘Océano sen rostro’, de Corvidae Producciones é unha curtametraxe inédita, que se proxectará por primeira vez o xoves 25 de abril, ás 20:00 horas, no IES Audiovisual de Vigo.
Coa proxección da curta e logo cun coloquio aberto ás intervencións do público, os autores pretenden interactuar co público xeral e cos alumnos do centro dun xeito didáctico. “Queremos trasladarlles que a vontade, o esforzo, a creatividade e a profesionalidade non teñen porque estar en loita cos recursos”, afirman. Ambos os dous artistas levarán esta curta de baixo presuposto a distintos festivais galegos, españois e internacionais, como o Festival de Curtametraxes de Bueu, o Festival Internacional de Videodanza de Pamplona, Bilbao e San Sebastián e o International Dansfilsfestival de Amsterdam. Xa o presentaron ademais no Festival Primavera do Cine de Vigo, no Festival de Cans, na Muestra de Cine de Lavapies, de Madrid e no Festival Internacional de Cine de Danza de Barcelona.
Merche Pérez é bailarina, actriz, creadora, coreógrafa e pedagoga. Nada en Monforte de Lemos, pero afincada en Vigo fai anos, foi premiada en 2012 no I Congreso Internacional de Danza en Vigo á mellor coreografía destaque. En 2014 funda Aporía Escénica e en 2016 recibe, xunto coas súas compañeiras, o Premio María Casares ao mellor texto orixinal pola obra de teatro ’30 e tantos ósos’. Sobre este novo reto destaca que foron horas de traballo intensas, pero moi gratificantes, “os dous criamos no proxecto, polo que a simbiose foi perfecta. Como creadora tiña claro que quería experimentar co formato audiovisual, e que este proxecto escénico sería diferente, que narraría unha historia a partir da dramaturxia do movemento fóra do espazo habitual. A nivel profesional esta vídeo-creación foi un desafío, outro impulso para seguir adiante na elaboración de novos proxectos escénicos”.
Pablo Pintor, fotógrafo santiagués, aínda que mexicano de nacemento, cursou os seus estudos precisamente no centro de ensino vigués onde presentan a curta. Ademais de realizar traballos para distintos medios de comunicación, como Atlántico Diario, formou parte da organización e do xurado das tres Maratóns Starlight das Illas Cíes, coordinou a fotografía do Desafío Boot Camp, e colaborou con diversos proxectos teatrais facendo gravación, edición e montaxe de fotografía e vídeo. Explica que esta primeira experiencia foi estupenda, “conectamos nunha mesma liña e xuntos fixemos medrar un proxecto humilde e hoxe veremos como evoluciona. Esta aposta polo mundo audiovisual é un gran paso para a miña carreira, é un dos meus proxectos persoais máis elaborados, en todos os aspectos. Porque a pesar de facelo con moi poucos recursos, temos moi boas sensacións e ansias de máis. O meu obxectivo é seguir medrando como profesional e ampliar horizontes”.
Os artistas explican que tentarán presentar a curta nas distintas cidades e noutros puntos da xeografía galega. Nesta ocasión, contarán coa actuación da banda ANDOA.