fbpx
A CoruñaCulturaDe libros

Librería Arcadia: un espazo no que atopar auténticas xoias de segunda man

Javier Pereira Gasamáns e Antonio Brea na súa librería.
Javier Pereira Gasamáns e Antonio Brea na súa librería. Fotos: Iván Barreiro

O 5 de xaneiro abriu as súas portas Arcadia, unha nova librería de segunda man na zona do Peruleiro (rúa Juan González Rodríguez, 4). Javier Pereira Gasamáns e Antonio Brea son os responsables deste espazo de compra-venda de libros, vinilos, películas, cds e, como eles mesmos din, ‘parafernalia’ variada.
Javier, que xa de neno visitaba este tipo de negocios co seu pai, atopou neste sector un xeito de gañarse a vida. Despois duns cantos anos noutro establecemento similar, nesta nova etapa conta coa axuda do seu socio Antonio, a quen “todo o que sexa estar rodeado de libros resúltalle tremendamente atractivo”. Os dous son amantes do mundo clásico e por iso decidiron darlle ao seu proxecto o nome de Arcadia, que na poesía clásica romana é unha terra mítica de abundancia e provisión.
Que tal estes primeiros meses de traballo na librería?
Cando abrimos as expectativas eran baixas porque tiñamos que darnos a coñecer, sobre todo entre os afeccionados á compra de segunda man, pero o primeiro mes foi mellor do que esperabamos e agora toca ir crecendo pouco a pouco. Estivemos no Feirarrúa do Orzán e acudiremos ás feiras de segunda man de Santiago, Vigo e aquí na Coruña, para que nos vaian coñecendo máis.
Que destacarías de todo o que tendes agora mesmo á venda?
Cada persoa valora as cousas en función dos seus intereses, pero agora mesmo destacaría, por exemplo, ‘Una historia criminal del Cristianismo’, que é un libro moi buscado. Tamén temos uns cantos tomos de ‘La Suma teológica’ de Tomás de Aquino; edicións un tanto estrañas de Camilo José Cela; e dous tomos de antoloxía poética de Lois Pereiro, que tampouco abunda moito.
Temos ademais, por outra parte, unha moi boa selección de libros de Edicións do Castro, que para a xente que lle gusta o libro galego é unha das editoriais máis importantes. E literatura marxista e sobre o anarquismo. Así como unha sección para xente afeccionada á literatura pulp moi interesante.
Como seleccionades o material que vendedes?
É sinxelo dar con xente que queira vender os libros porque, por exemplo, agora as vivendas están cambiando moito e a xente, por subidas dos arrendamentos, ten que mudarse a pisos máis pequenos nos que necesitan liberar espazo. Ou por defuncións ou divorcios. E quen di libros, di outro tipo de obxectos.
É moi importante a selección que fas. Nós xogamos moito con iso, coas oportunidades que temos de atopar material interesante e, dentro do que atopamos, facer unha selección de cousas boas e que poidan resultar atractivas para a xente. Intentamos evitar que a clientela se atope quince veces co mesmo título ou que aparezan sempre os mesmos libros.
Ademais, antes nas librarías de segunda man estaba todo manga por ombro, pero a tendencia nos últimos anos é que estea todo ordenado. Entón facemos un esforzo importante por manter a tenda ordenada e o material clasificado.
Isto forma parte do traballo que temos que facer todos os días que a xente non ve.
O libreiro ten que adiantarse aos desexos do lector? Dades moitos consellos?
Depende. Hai xente que si, que  xa coñeces e sabes cales son os seus intereses. Xeralmente iso sucede non tanto con narrativa, como con persoas que buscan libros de historia, filosofía, antropoloxía ou cociña. En narrativa é máis complicado porque tes que ter unha relación máis estreita co cliente.
Outra das partes bonitas do noso traballo é que hai xente que ten tanto amor polos libros que cando lle gardas algo que sabes que leva tempo buscando, que sabes que lle vai facer ilusión, a cara de alegría que poñen é unha das maiores satisfaccións deste negocio.
Aínda así, o do libreiro como prescritor é moito máis sinxelo nunha librería de libro novo. Porque aínda que a cantidade de novidades que se publican todos os meses son tremendas, si que é certo que eles fan unha selección do que poden ler e logo o recomendan. Mais nós non poderiamos ler todo o que temos.

A Librería Arcadia está na rúa Juan González Rodríguez, na Coruña.
A Librería Arcadia está na rúa Juan González Rodríguez, na Coruña. Foto: Iván Barreiro

Que tipo de perfil de cliente tendes?
O rango de idades é moi amplo. O outro día contábame un pai, que nun mes veu á libraría tres ou catro veces co seu fillo, que á velocidade que le o pequeno se o tivera que comprar todo novo, arruinaríase. Ese é un perfil de cliente que non se pode permitir o libro novo porque, en comparación con outros países, é caro. E se es unha familia traballadora e tes un apetito voraz pola lectura, iso pode facerche un burato no peto bastante gordo.
Tamén hai xente que, polo que sexa, prefire o libro de segunda man e vén pola libraría buscándoos. E logo hai xente xeralmente maior que é unha especie de bibliófilo e anda buscando cousas estrañas, que saian un pouco do común. E, por outro lado, está a xente nova que quere títulos máis coñecidos, que non son ‘best sellers’, pero que busca edicións que son difíciles de atopar.
Que plans tendes para os próximos meses?
Estamos acondicionando a parte traseira do local para realizar actividades culturais ou lúdicas. Intentaremos que estea listo para o 25 de abril, para celebrar o Día do Libro. Faremos algún obradoiro, eventos, presentacións... e dedicaremos o espazo para as clases de historia do cinema e de linguaxe audiovisual que dá meu socio. Ademais gustaríanos asumir algún tipo de compromiso co barrio no que estamos, e segundo as necesidades que teñan facer a programación. Por exemplo, como hai moito matrimonio novo con nenos, organizar actividades para eles.
Para rematar, e xa que estamos na Coruña, queres recomendarnos algún autor ou autora local?
Pois mira, porque é algo que se sae un pouco do que é a narrativa galega, que non traballou moito o que é a literatura fantástica, e case case distópica ou de ciencia ficción, recomendaría a Xosé Duncan; que ademais tamén fai labor editorial con Bululú.

Detalle das publicacións que podemos atopar en Arcadia. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.