fbpx
A gorida do artistaCompostelaCulturaNovas

mcalderón: “A pintura é un instrumento de expresión, se non teño nada que contar, calo”

Por Inés Silvalde e Delio Sánchez de Os Catro Gatos 

Neste número achegámonos á gorida de Marisa Calderón. O certo é que nos recibe amablemente, cun sorriso e un café. Ofrécenos tamén unha cervexa ou calquera outra cousa que teña na súa casa.

É difícil ter quieta a esta muller que bule e bule e non para de falar. Soamente cando acendemos a gravadora queda muda. Descúlpase pola súa torpeza e promete non impostar a voz mentres dialogamos.

Cóntanos que sempre se sentiu unha persoa sen raíces, que non sabe cal é a terra que a alimentou, e que por iso pode comprender a vida e as xentes desde moitos puntos de vista diferentes e incluso dispares.

Marisa comezou a debuxar desde moi nena: “Non teño recordo da primeira vez que collín un lapis e souben que me gustaba facer garabatiños… Recordo que na escola non me chegaba a folla para facer aquel debuxo para rematar unha redacción”, conta.

Cando tivo que elixir o que quería estudar, e despois de facer o bacharelato de ciencias, escolleu un camiño diferente e aventurouse na carreira de Belas Artes. “En Valencia non sei se aprendín moito, pero pasalo ben, si que o pasei. Nos oitenta, Valencia e creatividade ían xuntos da man”, recorda. Aparcou durante uns cantos anos a pintura para dedicarse ao ensino, que, como ela di, “dábame de comer todos os meses”. Non obstante, e profundando un pouco máis, intuímos que leva dentro unha vea que non ten sangue, ten pintura, e sospeitamos que é a que a mantén viva.

“Non entendo o mercado da arte, niso son unha nena perdida nunha feira”

Para definir a Calderón e á súa obra fariamos unha definición conxunta. A humildade, a sinxeleza e a xenerosidade como instrumentos para elaborar obra e persoa de gran carácter e complexidade. A sutileza e dozura dos fondos vese intervida por potentes liñas e xestos cargados de materia. A ironía e o humor vestidos dun certo dramatismo de cores e formas incomprendidas. Uso de diferentes técnicas, dando o seu lugar preciso a todas sen ser sometida ningunha delas. As súas obras amosan a valentía de romper co xa establecido e traballado, sen medo ao correr natural da pintura, ao xesto inevitable do instrumento ou ao incontrolado diálogo dos materiais. Gran persoa cos pés na terra e a mente nas nubes, que se sube a calquera carro de propostas por moi imprecisas ou absurdas que parezan co fin sempre de aportar e estender a súa man.

Desde o ano 2013, mcalderón, como gusta de chamarse artisticamente esta muller pintora, expuxo as súas obras en Os catro gatos de Compostela -mostra da que se se sinte especialmente orgullosa e agradecida- na sala da Asociación de Empresarios do Tambre, na Casa do Taberneiro…

Cando marchamos da gorida de Marisa, despídenos cun “non vos esquezades de nada”. Está claro que esta muller sempre ten a cabeza nas nubes. Ata outra, vémonos con mil sorrisos sen máscara.