fbpx
CompostelaCulturaEntrevistasGalicia

Baldur Brönnimann: “Sexa cal sexa a música que che guste, a Real Filharmonía de Galicia vaite facer sentir”

Baldur Brönnimann

Foto: Iván Barreiro

Despois dunha década con Paul Daniel como director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, o suízo Baldur Brönnimann tomou este ano o seu relevo disposto a darlle un xiro á orquestra con sede no Auditorio de Galicia. Achegar a música clásica a novos públicos é un dos principais obxectivos desta nova etapa. O noso? Coñecelo un pouquechiño máis facendo o que máis nos gusta: tomar algo nun dos bares de Compostela.

Cando chegou a oferta para formar parte da RFG e por que decides aceptala?

Empecei a falar coa directora técnica, Sabela García Fonte, en outubro do ano pasado. Tiña un proxecto e unha estratexia para a orquestra que cadraba moito co que a min me interesa: como está vista a música clásica na sociedade, achegala a un público novo, a modernización do repertorio etc.

Que coñecías antes de Galicia?

Coñecía só algo por algúns concertos que fixen por aquí e estivera unha vez hai un tempo visitando a uns amigos. O que si que coñecía era a moitos galegos. Porque os galegos estades repartidos por todo o mundo! (Sorrí) De aí veu tamén a idea de que a temática da nova temporada da Real Filharmonía  sexa ‘Migracións’.

Fálanos de ‘Migracións’…

Pensando en como se poden romper os muros que ten a música clásica, queriamos escoller unha temática que lle tocase un pouco a fibra á xente. Queriamos lanzar a mensaxe de que esta música escribiuse hai moito tempo, pero tamén pode dicirche algo a ti, porque podes compartir os sentimentos que expresa. De aí veu a idea de ‘Migracións’. Era a miña primeira impresión dos galegos que coñecín. Ademais quería facer unha temática que non me limitase, que se puidese programar tanto música do século XVII como contemporánea.

Por que cres que algunha xente rexeita asistir a concertos de música clásica?

Hai que distinguir a música e o evento dun concerto. Creo que hai xente que non vén aos concertos porque o evento non lles apetece moito. Pensas que non coñeces a ninguén, que hai que saber cousas, que hai un ritual que non entendes ou compartes… Percíbese como moi formalizado. Nós queremos romper esas barreiras artificiais, chegar a sensibilidades distintas, facer concertos un pouco máis curtos…

Supoño que de aí tamén a idea de rematar o concerto de presentación da nova temporada cun viño. Seguiredes facéndoo?

Si, temos un acordo con Galicia Calidade para repetilo máis veces. O seguinte será o día da inauguración da temporada, o vindeiro 5 de outubro. Porque a xente cando sae non quere sentarse nunha cadeira, escoitar música e despois marchar para casa. Queres falar, opinar… Como cando vas ao cine e despois vas ao bar. O Auditorio de Galicia queda un pouco lonxe do centro, polo que queremos convertelo nun sitio de encontro. E iso pasa por viño e por comida.

Falando de gastronomía, que opinión tes da galega?

Todo o que comín ata agora estaba boísimo! Ademais, tendes moito coñecemento gastronómico. Hai moito nivel.

Gústache saír a comer? Prefires a cociña tradicional ou creativa?

Nooon! A min non me gusta saír, nin comer… (ironiza entre risos) Gústame todo. Depende do momento…

(Rimos)… Claro, é como se che pido que escollas entre música clásica e contemporánea, non si?

Chámase ‘clásica’, o que non axuda nada, pero é unha expresión tanto do noso tempo como dos anteriores. Os clásicos que tocamos foron contemporáneos nalgún momento tamén. E iso esquecémolo moitas veces.

É como nos restaurantes. Eu son como un camareiro. Levo os pratos á mesa quentes. Hai cousas que a min me chegan máis que outras, pero ao final é o público o que come.

Hai algún concerto dentro da temporada ao que lle teñas máis ganas?

Teño ganas a todos. Ao primeiro porque despois de tanto traballo quero arrancar. Tiñamos un proxecto con Kaija Saariaho, que quería vir, pero morreu hai unhas semanas. É bonito poder facerlle unha homenaxe. Despois facemos o concerto de Ligeti, que é un reto para a orquestra.

Nese achegamento a outros públicos, buscades tamén ao público adolescente. Cóntanos de que maneira?

Con temáticas que lles interesan. O caso é que na parte educativa da orquestra pénsase moito na infancia ou nas familias, pero non tanto na adolescencia. Cando é precisamente unha época na que podes compartir os sentimentos que se expresan na música clásica. A cuestión é buscar historias que lles cheguen. Temos, por exemplo, o espectáculo ‘Pleasure island’ de Cristina Cubells, que vai sobre dous contos, un de Cortázar e outro de Kafka. O protagonista percibe a súa man como algo estraño e empeza a ter medo dela. Trata sobre o corpo e o que significa sentirse “estraño” ou “estranxeiro”.

O apoio aos novos talentos é outros dos obxectivos nesta nova etapa, a través da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), non si?

Si, a Escola é algo bastante único. En España non hai ningunha orquestra que teña un proxecto así. No norte de Europa si. A EAEM serve para dar acceso a novos músicos ao mundo profesional. E agora queremos estendelo tamén a compositores e compositoras, e directores e directoras. Porque en España tendes unha xeración moza como nunca na historia, moi ben formada, con moito talento… E queremos abrir unha porta para eles. Moitos acaban marchando fóra e deberían ter acceso profesional no seu propio país. Queremos contribuír nese sentido.

Para rematar, que lle dirías a alguén que está pensando en achegarse á RFG?

Sexa cal sexa a música que che guste, o que vas escoitar coa RFG vaite mover. Vaite provocar sentimentos, pensamentos, sensacións… Non fai falta estudar música nin saber moito sobre o tema. Só tes que sentarte e deixarte levar. É como cando comes un prato e non tes que saber como está feito. Ti só sabes que che gusta

Migracións

A nova temporada da Real Filharmonía de Galicia leva por título ‘Migracións’. Esta proposta temática foi elixida pola importancia que ten este fenómeno na historia e no presente da nosa terra.  A diversidade está moi presente ao longo de toda a programación: música de herdanza africana (das compositoras Florence Price ou Hanna Kendall) ou chinesa (coa obra de Huang Ruo The Colour Yellow for Sheng and Orchestra); propostas de épocas e estéticas moi diferentes, desde compositores das Cortes Reais como Boccherini ou Brunetti ata obras de Bach, Haydn, Schubert… ata chegar a Cage ou Mazzoli.

O tema ‘Migracións’ será trasladado en tres bloques temáticos ao longo de toda a temporada. Un deles contará a historia de compositores exiliados como Stravinski, Ligeti, Rachmaninov, Weill, Wagner ou Dvoák e nel escoitaranse obras como a Sinfonía do Novo Mundo, O idilio de Sigfrido ou as Danzas Sinfónicas. Outro enfoque será a compositora Kaija Saariaho, finesa afincada en París e unha das creadoras máis importantes do noso tempo, falecida recentemente. Dela interpretaranse obras como Ciel d’Hiver ou La Passion de Simone, oratorio sobre a vida da filósofa francesa Simone Weil. O último bloque centrarase na figura de Roberto Gerhard (a través da súa Sinfonía núm. 1 e do ballet Alegrías), un dos compositores españois máis importantes do século XX e o único alumno español de Arnold Schoenberg.

Do 11 ao 15 de setembro estarán á venda os abonos para a nova temporada no despacho de billetes do Auditorio de Galicia. Este ano, como novidade e para facilitar que os novos públicos se acheguen á Real Filharmonía, creouse o abono (EN)FOCO, que inclúe cinco concertos (tres espectáculos comentados dunha hora de duración os venres e dous a elixir da temporada) por 50€ en total.

O programa completo pode consultarse na web rfgalicia.org

SABELA GARCÍA

Sabela García Fonte, directora técnica da Real Filharmonía de Galicia

“Estamos empezando o camiño para normalizar a situación da muller en postos de responsabilidade artística”

Cal é o teu traballo e como se combina co de Baldur?

Dalgunha maneira son a peza central de todo o engrenaxe. Coordino todas as actividades, o persoal, traballo con Baldur nas estratexias artísticas...

Ti levas xa desde 2017 como directora técnica. Por que pensaches en Baldur para o posto da dirección artística?

A etapa de Paul Daniel foi moi frutífera. Abríronse moitas portas para que orquestra saíse do Auditorio de Galicia e tamén para que deixase entrar novas músicas, novas colaboracións... Tras ese período de dez anos, crin que tiñamos que reflexionar sobre que orquestra tiñamos que ser, que queriamos facer como institución, cales eran os novos valores... E tiñamos que elixir alguén que encadrase coas nosas estratexias. Abriuse un proceso de ideas, pregunteille aos músicos... Pero penso que a elección da dirección artística titular non pasaba só por unha opinión. Pasaba tamén por un proceso de reflexión profunda e por ter unha perspectiva ampla, non só musical, senón do que debe facer unha institución como a nosa nun territorio como o noso. Tivemos moitas ideas pero ao final pensamos que Baldur era a persoa que podía levar a cabo ese novo proxecto.

É unha persoa moi comprometida, cunha visión da música moi moderna e democrática. E iso é o que queremos. A través do noso proxecto, que é conxunto, queremos lanzar novas ideas, chegar a nova xente e facer que a Real Filharmonía de Galicia sexa máis plural e moito máis implicada socialmente.

Todos os directores titulares ata agora da RFG foron homes. Aínda que si que cada vez hai máis colaboracións con directoras, músicas... Estades traballando na perspectiva de xénero?

Efectivamente todos os directores titulares foron homes, pero a Real Filharmonía é a orquestra máis feminizada de todo o estado español.

O mundo da música clásica é profundamente conservador, en moitos sentidos, non só no artístico. Digamos que a masculinización é unha das vertentes deste conservadorismo. Eu estou convencida de que unha institución pública cultural ten que andar cos tempos. Ten que ver o que está a acontecer ao seu arredor e ten que transformarse. Entón, é verdade que somos sensibles, e iso é o primeiro paso. Por exemplo, na nosa programación temos a varias directoras, a varias solistas, moitas compositoras... É un camiño que empezamos e no que temos aínda marxe de mellora para normalizar a situación da muller en postos de responsabilidade artística.

Por último, fálanos de ‘Migracións’, o título da nova temporada da RFG...

A idea foi de Baldur e creo que foi marabillosa para conectar coa xente, falar de temas que lle toquen desde o punto de vista emocional. Que se sintan identificados e non sexa esa cousa da alta cultura que moitas veces está desligada da realidade. Creo que é un tema que nos serve para facer un relato bonito. Construír unha narrativa é sempre moi importante para que o público se enganche á institución e vexa que non só é un repertorio sen fin de nomes de autores e obras descoñecidas, senón que forma parte dun discurso. E con ese relato poden achegarse a descubrir cousas non tan fáciles de escoitar nas salas de concerto.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.