fbpx
A foco lentoGaliciaGastronomíaNovas

Fotografía de produto sobre fondo branco con móbil

Vén o frío e apetece poñerse a cuberto, así que é unha boísima oportunidade de amosarlle os teus produtos aos teus potenciais clientes nas redes sociais ou na túa páxina web (cousa que che recomendo ter, xa que é unha fantástica maneira de controlar a información do teu negocio, pero disto xa falaremos). 

Neste artigo imos facer algo tan básico coma imprescindible de coñecer neste sector, trátase de fotografar un produto gastronómico con fondo branco empregando unha soa lámpara doméstica e un teléfono móbil. Aprenderemos a fotografar un conxunto uniforme de produtos diferentes, e a destacar os detalles que máis luzan de cara a compartir as imaxes en redes sociais cun estilo limpo, sinxelo e profesional. 

Para as nosas fotografías en fondo branco empregaremos cousas extremadamente doadas de atopar: 

– 1x lámpara convencional 

– Unha cartulina de cor branca 

– Unha superficie de apoio 

– Un smartphone 

* Opcional: Un trípode para móbil. 

O primeiro que faremos será colocar a superficie de traballo, neste caso é tan sinxelo como poñer unha cartulina branca – a miña é tamaño A2 – nunha mesa ou no chan. Se estás empregando un trípode, este será o momento de colocalo, sitúao de tal forma que cando poñas o móbil nel, a cartulina branca ocupe todo o encuadre da foto. 

O segundo que imos facer é colocar o noso punto de luz. Normalmente a min gústame facer un esquema de tres ou catro luces xa que me permite ter moito control sobre a escena e modificar a incidencia da luz segundo me conveña. Pero coma neste caso trátase de facelo sinxelo e cunha única fonte de luz, imos poñela a uns 30º respecto do teléfono e a unha distancia de entre 50cm e 150cm dependendo da potencia da nosa bombilla. En función da distancia á que poñas a túa fonte de luz, terás unha escea máis ou menos iluminada e unhas sombras máis ou menos duras – unha sombra é dura se case non hai transición entre unha zona iluminada e unha zona en penumbra.

Para tomar as imaxes, empregaremos – se o noso teléfono o permite – un teleobxectivo, que poderemos identificar porque é a lente que máis lonxe chega. As vantaxes de empregar teleobxectivos en fotografía gastronómica son moitas, pero podemos resumilas dicindo que non deforman a imaxe e que crean unha compresión que lle dá moita presencia aos pratos. 

Unha vez temos colocados o fondo, a luz e o trípode – se o empregamos – é hora de sacar as fotos. Coa intención de sacar varios productos e crear un conxunto uniforme, temos que tratar de sacar sempre o mesmo ángulo e que o noso produto ocupe máis ou menos o mesmo espazo no fondo, evitando achegar ou alonxar o teléfono nin as luces.

Cando teñamos unha fotografía que nos guste, repite a fórmula con outros produtos para ter un conxunto de imaxes uniformado.

Unha vez teñas sacados todos os teus pratos, non esquezas facer detalles dalgún para que a túa clientela aumente as súas gañas de devoralos!

Algúns consellos adicionais

– Emprega bombillas cunha temperatura de cor branca (5200K aproximadamente) deste xeito as cores sairán máis aproximadas á realidade e o branco sairá branco. 

– Se queres sacar varios produtos e tamén detalles, primeiro saca todos os produtos para non variar o punto de vista e que quede un conxunto uniforme. E logo saca os detalles. 

– Vai ser máis doado de retratar un produto se non vai empratado, xa que así evitarás os refrexos da cerámica ou do cristal, para iso, é convinte ter máis dunha cartulina, por se manchas a primeira. 

– Lembra que podes empregar difusores ou reflectores para tapar os raios de luz que crean brillos que non queres ou para rebotar luz nalgun punto específico do teu prato, coma xa vimos en artigos anteriores.

Non dubides en amosarnos o resultado das túas prácticas etiquetándonos en Instagram cos hashtags #afocolento e #aprendeconpincha

E se tes algunha dúbida ao respecto, podes escribirme a hola@antoniosanjurjo.com 

// ¿Queres atopar estes pasteis? Podes facelo en Café Olimpia (rúa Álvaro Cebreiro, R. Olmos, 14 Esquina, 15003 Galera, A Coruña).

 

Son Antonio Sanjurjo, fotógrafo de alimentos profesional e creador de contido gastronómico.
Apaixoado da comida, da nosa terriña e coleccionista de cómics ¡Por Crom! @antonio.sanjurjo

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.