CompostelaCulturaNovasReportaxesSilvia Castiñeiras

Artistas urbanas. E ti que pintas?

Por Silvia Castiñeiras

A exposición ‘1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega’ pode visitarse no Auditorio de Galicia ata o 12 de novembro. Foto: Iván Barreiro

E ti que pintas? Se a pregunta vai dirixida a unha muller, a resposta é que pintaron, pintan e a bo seguro pintarán moito na arte urbana. Mulleres grafiteiras houbo sempre e agora por fin están á vista, sendo partícipes dunha evolución ao longo da historia cara o recoñecemento desta arte que nos seus comezos non gozou de ser considerada como tal, máis ben todo o contrario. Que curioso que durante esta reportaxe me comentaron que pensaba cando se falaba da autoría dos famosos debuxos firmados como Bansky. E é certo que cando me puxen de novo a ler sobre o tema nos textos xornalísticos case sempre se refiren a EL ou, como moito, a un colectivo. Descubrimos a arte de pintar ao grande, á vista, da man DELAS, as artistas urbanas.

NANA, MURALISTA

Nana é unha desas grafiteiras que alá polo 2006 andaba a deixar a súa marca polos muros de Compostela cando era estudante de xoiería na Escola Mestre Mateo. Non sei se lle gañaba máis un espírito rebelde, esa adrenalina de saír co bocadillo nunha man e o spray na outra, ou unha profunda paixón pola arte e unha necesidade de soltar ao mundo o seu imaxinario. Sexa como sexa, esas primeiras pintadas polas paredes, que supuxeron o gran lenzo no que expresarse, levárona por un camiño que a coloca hoxe como unha profesional da arte urbana, formada como ilustradora na Escola Picasso da Coruña. “A min non me molesta para nada que me chamen grafiteira porque veño dese mundo e estou orgullosa, pero se me preguntan eu considérome sobre todo muralista, que é ao que me dedico profesionalmente, aínda que tamén fago algúns traballos de ilustración e dou clases de pintura e talleres puntuais”, explica Nana.

Coñecer esa evolución dentro dun mundo que moitas veces non estaba ben visto ata converterse nunha arte resulta ben curioso, mesmo véndoo dende a perspectiva dunha familia que se atopa con esas inquedanzas nunha moza. E é que di ela que os seus propios pais lle acabaron pedindo encargos e foi así como “xurdiu o galiñeiro con máis flow de Oroso, vamos que eu viviría no galiñeiro!” (risas).

Os comezos dende o graffiti

Nana non comezou a pintar sen xeito, xa tiña unha vea artística que fixo que de pequena asistira a clases de pintura e traballos manuais, como ben nos explica: “Xa me gustaba iso dende moi pequeniña, ía a clases, e por iso tirei por estudos artísticos, facendo xoiería. Despois, cando xa pintaba graffitis, pensei que podía profesionalizarme con algún título relacionado con ese mundillo e fixen ilustración”. Iso si, tentou traballar no da xoiería pero, recorda, “rematei no 2008 coa inminente chegada da crise que fixo pechar moitos talleres e o curro neste campo era moi precario. Pero cando acabei o de ilustración…seguíamos na crise!” (ri).

De mociña, conta, vivindo en Ordes “xa pintaba bastante cos colegas, pero en Santiago foi onde me atrevín a saír grazas a unha persoa do meu círculo que me trouxo un spray e saíamos polas noites a pintar”. Nesa época recorda que se facían quedadas con grupos máis numerosos nas fins de semana, nos que xa había algunha rapaza máis. Xuntanzas nas que non faltaba algunha que outra nota discordante… “Sempre había algún que me criticaba e dicía que eu non era grafiteira porque non facía letras senón personaxes… mofábanse quitándolle as boquillas aos botes e diversas putadillas…”.

Nana, na entrada do Centro Xove da Almáciga
no que pintou un mural. Foto: Iván Barreiro

Profesional da arte urbana

Iso que se di da “deformación profesional” ten o seu aquel en todos os eidos e así o ratifica Nana cando fai bromas: “sabes esa peli na que din… a veces veo muertos… pois eu vexo paredes”. A verdade que non paro de rir con ela durante a entrevista, pola maneira na que conta a súa historia con total naturalidade. Ao mellor foi iso precisamente a que a axudou a abrirse camiño sen renderse. “Foi un percorrido duro porque ao principio non nos querían ver, non conseguías que che deixaran pintar en paredes. Logo empezaron os festivais e apareceron convocatorias coas que nos puidemos ir profesionalizando. Compaxinei varios traballos ata que decidín probar como profesional disto a ver que pasaba e ata aquí. A cousa mellorou moito, hoxe considérase un oficio, xa temos traballo todo o ano e cada vez hai máis proxectos”.

Son proxectos que parten de concellos, deputacións e diversas administracións. Pero tamén alude Nana, como curiosidade, a que cada vez hai máis clientes particulares que se animan a pintar na súa casa ou no seu xardín.

Sempre que vexo esas grandes pinturas sobre as paredes, cada vez máis de moda, pregúntome como será crear un mural, unha obra con esas dimensións, así ao grande. E esta é a resposta coa que me pon en situación: “O mural é un proxecto longo en canto ao proceso, dende que o deseñas na casa ata que vas ao lugar a pintalo, que é fisicamente duro, coma un albanel na obra, pero compensa”. Neste sentido, Nana di que o que máis lle “mola” a ela é pintar no rural porque “na cidade entre os coches, a xente, o ruído e moitas opinións que ninguén pide… é máis complicado. No rural estás alí coa túa música ou escoitas os paxaros e é unha especie de estudo ao aire libre que che fai sentir moi guai. E a min paréceme que a xente do rural ou dos pobos pequenos soe ser máis agradecida e máis próxima”.

Pintar a forza da muller

A arte dos murais leva consigo a identidade de cada un, así como certas características dos graffitis doutros tempos nos permitían asocialos coa mesma autoría aínda sen saber a quen pertencían con certeza. Nana é ela e as súas personaxes. A este respecto apunta: “Admiro o realismo e hiperrealismo pero no meu traballo gústame máis a fantasía e a ilustración. O que me mola é o deseño de personaxes, debuxar animais ou figuras dende o meu imaxinario”. E entre esas figuras hai un recurso que sobresae pola súa capacidade para transmitir. “Gústame reflectir a figura da muller, porque son muller  e por esa parte de reivindicación. Tamén me gusta pintar natureza e facer algo así como ecoilustración”, puntualiza a artista. Esas mulleres inventadas e inmortalizadas nos muros son mulleres “con forza”, destaca. Algo que consegue a través “do xesto, a mirada e a actitude”, resalta.

Esa actitude podemos comprobala na Almáciga, nun mural de 2017 que fixo no marco do programa “Elas tamén pintan”, que partiu da cooperativa cultural 7H e contou co apoio do Concello de Santiago. “Nesa obra quixen xogar un pouco coa homenaxe ao barrio que está nun curuto, cunha supernena voadora con sprays como pintando un monte, un mundo máxico. Está nun Centro Xove entón tiña que ter un pouco esa actitude”, describe a autora que tamén deixou a súa marca no festival Delas Fest 2022 en Brión, na piscina climatizada, cunha obra que representa a infancia e o xogo. “A ver… o de ser nai meteu a maternidade na miña temática…”.

EXPOSICIÓN ‘1984. UNHA XENEALOXÍA FEMINISTA DA ARTE URBANA GALEGA’

Clara Cordeiro é a comisaria da exposición ‘1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega’
Clara Cordeiro é a comisaria da exposición ‘1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega’, xunto con Amabel González Troncoso. Foto: Iván Barreiro

Nana é unha das artistas que forman parte da exposición organizada no Auditorio de Galicia baixo o título ‘1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega’. Trátase dunha iniciativa pioneira que afonda no papel da muller neste eido e deixa claro o seu protagonismo ao longo da historia, dende a aparición do movemento grafiteiro en España nos anos 80.

Sobre a mostra fálanos unha das súas comisarias, Clara Rodríguez Cordeiro, que xunto con Amabel González Troncoso, lle deu forma a un traballo de anos de investigación. O obxectivo era comprobar se realmente non había mulleres na arte urbana, unha crenza bastante estendida, ou non se lles dera visibilidade. Para chegar aquí, a esta historia narrada nas paredes do Auditorio, percorreuse un longo camiño ao abeiro do que naceron fitos importantes como o Delas Fest e mesmo unha publicación.

Este estudo a través do tempo sobre elas, as artistas urbanas, “foi moito de conversa porque case non hai nada publicado de arte urbana no mundo e en España aínda menos. Un traballo de picar pedra”, explica Clara, de 7H Cooperativa Cultural. E é que afondar nesta arte que non sempre se relacionou con boas prácticas non foi tarefa doada. Apunta a comisaria que un dos problemas foi que “se trataba dunha arte anónima e en moitas ocasións ilegal. Ademais, é efémera, aínda que isto foi cambiando cando apareceron as redes sociais para visibilizar os traballos e que as mulleres se coñeceran entre si”.

A mostra reúne pezas que abarcan dende a documentación máis histórica como fotografías de arquivo ata creacións artísticas específicas para a sala e obras da propia colección persoal das autoras. Todo “para mostrar un pouco a diversidade de técnicas. Moitas grafiteiras non se consideran artistas, son escritoras de graffiti” apunta neste senso Clara, que engade esta reflexión: “Hai artistas urbanas que son multidisciplinares, que acabaron por deseñar moda ou cerámica… Para unhas a arte urbana converteuse nunha forma de vida e para outras non, pero si supuxo un camiño importante na súa transformación identitaria. Sax por exemplo é tatuadora, hai outra que é skater, eidos que se relacionan coa cultura urbana”.

MURAL DAS ANÉCDOTAS

  • O nome real de Nana é Diana. Para a súa firma artística di que non se complicou moito a vida e tomou prestada a maneira na que a chamaba o seu irmán, que aínda non sabía falar ben cando ela naceu. “Despois era un problema porque miña nai vía por aí as firmas e dicía…un día vante coller…”.
  • A exposición ‘1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega’ poderá visitarse de balde no Auditorio de Galicia ata o 12 de novembro. Está aberta todos os días de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h (os días de concertos, a sala pecha ás 19.00 h).
  • Nas paredes da mostra volve ante os nosos ollos o famoso gatiño que moitos recordarán ter visto pintado nas rúas de Compostela entre 2006 e 2007, case formando parte naquel momento da paisaxe da cidade. Un michiño que leva a firma dunha muller, Porte Jeremías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.