CompostelaCulturaDe libros

‘Nómadas’, a hora de pechar

Javier recoñécese como un amante da “intensidade” do formato de relato curto. Foto: Iván Barreiro

Javier Fernández Gadea é un escritor de orixe madrileña que hai uns anos recalou en Santiago despois de vivir unha vida nómade como directivo nunha multinacional.

Precisamente ‘Nómadas’ (Eola Ediciones) é o titulo da súa segunda novela -a primeira foi ‘Cianuro Descafeinado’ en 2013-, que presentou o pasado mes de setembro.

‘Nómadas’ é unha colección de catorce relatos curtos cunha temática en común: a viaxe física ou espiritual dos seus personaxes, na procura dun cambio de vida a través das máis diversas formas.

Javier cóntanos un pouco mais sobre a xénese deste conxunto de historias contemporáneas: “A obra tivo 6 meses de composición, tras un proceso de corrección obsesiva. Ao principio non lle vía unha temática común, pero Eloy Tizón (escritor e artífice do contacto de Javier na editora responsable da publicación), díxome que o libro trataba sobre o nomadismo”.

De feito, o título inicial ía ser “La hora de cerrar”, que nomea o relato de peche, pero trala suxestión de Eloy, rebautizouse.

Os relatos foron escritos ao longo de dez anos, coincidindo de feito cunha época errante do autor como executivo dunha gran empresa, na que paradoxicamente sentía que debía “pechar etapas” e deixar atrás unha vida marcada por viaxes, hoteis e horarios imposibles. Parecía difícil atopar o momento de materializar ese desexo de “parar”, ata que o obrigou a pandemia, como a case todo o mundo.

El mesmo reflexiona sobre as veces que a vida “bótate dun traballo non que non estás mal, pero tampouco estás ben, e un ano despois dáste de conta de que foi o mellor que che puido pasar”.

Tras dar por liquidada esta etapa nómade, Javier conta que dende fai un ano escribe relatos moito máis “luminosos”, quizais por atoparse nun momento persoal diferente, e que coincide co seu asentamento en Compostela, lonxe do estrés de Madrid.

Preguntamos a Javier canto del hai nos personaxes, que intuímos teñen anacos de si mesmo. Todos, a maioría mulleres por certo, caracterízanse polo seu aire elegante, sofisticado, cultural e cosmopolita (Madrid ou París teñen identidade propia dentro da obra, e de feito a portada -protagonizada por unha rapaza cunha maleta no alto dun tellado- ten París como cerna). 

Javier recoñécese como poboador deses ambientes culturais e refinados, e conta que cada un escribe do que sabe.

Melancolía, ironía e máscaras

A melancolía sobrevoa a todos estes nómades. Habitan grandes cidades e, aínda que por fóra posúen todo aquilo que a sociedade di que é imprescindible para ser felices (beleza, cartos, éxito profesional, parella), son profundamente desgraciados, desexando unha existencia paralela -o relato “La hora de cerrar” é a apoteose desa quimera-, e na procura permanente dunha saída a vidas monótonas e insulsas. A infidelidade, o divorcio, as viaxes e mesmo as tentativas de suicidio son solucións recorrentes en moitos deles.

Javier, que tivo relación a través do seu traballo coa industria da investigación de fármacos para trastornos mentais, fala moito de saúde mental nestas historias, xa que cre que o ritmo actual compromete seriamente a estabilidade emocional.

Moitos dos seus nómades sobreviven mentalmente baixo unha máscara que un día cae debido a situacións incómodas. De súbito, atópanse sen os seus traballos de xornadas maratonianas que lles custean vidas en urbanizacións exclusivas, como é o caso do publicista en paro de “Día de Todos los Santos”. 

Outro exemplo desta presenza da saúde mental é o relato “Batería baja”; cun ritmo trepidante e angustioso fala sobre a responsabilidade do autor cos seus lectores. Ten o autor o poder de disparar os medos e obsesións máis profundas do seu público? Onde acaba o autor e comeza o narrador? Está de acordo o autor con todo o que contan os seus narradores?

A pesares de todo, no libro tamén hai espazo para a ironía, un humor moi fino que atopamos de novo no relato do noso publicitario desempregado e a súa determinación por rasurarse á perfección todos os días.

A mestura entre a realidade e o soño é outra das características de “Nómadas”, como en “Sudestada” onde os protagonistas ven o mar en pleno centro de Madrid.

Ruth Ríos, Javier Fernández Gadea e Inés Arias, na presentación de ‘Nómadas’ Foto: Iván Barreiro

Influenzas

Javier recoñécese como un amante da “intensidade” do formato de relato curto. De feito, ao principio cría que escribir este xénero resultaría mais doado que profundar na novela, ata que se decatou da complexidade do ritmo e da estrutura dun bo relato, todo un reto para el, que se define como “caótico”.

Confésase admirador de grandes mestres do xénero como Raymond Carver, Richard Ford, Ray Bradbury e españois como Carmen Laforet, Mercé Reboreda, Enrique Vila Matas ou o propio Eloy Tizón.

Unha muller tivo moito que ver na evolución de Javier como escritor. Ela é Elvira Navarro, que lle axudou na corrección. Na técnica de Javier obsérvase, non só talento natural, senón tamén unha profunda formación e bagaxe cultural, que non abunda na escrita de hoxe en día.

Nomadismo

O escritor fai moito fincapé na diferenza entre “viaxar e trasladarse”. “Podes coller un avión e plantarte en Tokio dentro de vinte e dous horas, pero iso é trasladarse, non viaxar”. Na vida nómade, onde Javier ve moitas vantaxes de enriquecemento persoal, tamén cre que é importante atopar o “equilibrio” para non caer no desarraigo nin tampouco na ‘romantización’ excesiva do actual “nomadismo dixital”, o cal permite percorrer varios países ao longo da vida, pero non pertencer a ningures ao final.

Javier segue formándose como escritor e, de feito, grazas precisamente a esta vida dixital,  acode de forma virtual a un grupo de escritores onde a maioría son arxentinos. Con esta comunidade descubriu a moitos autores e autoras latinoamericanas.

Actualmente, está escribindo novos relatos onde predomina o humor, fronte a nostalxia de “Nómadas”. Quizais o efecto da parada compostelá dentro da vida deste nómade está tralo xiro no ton da súa escrita. Estamos desexosos de ler o que nos depara Javier no futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.