La Morena, Artesana, Nómade, La Planta e A Maceta, locais gañadores do XV Santiago(é)tapas
O Auditorio de Galicia acolleu o acto de entrega de premios da XV edición de Santiago(é)tapas, organizada por Turismo de Santiago en coordinación coa Asociación Hostelería Compostela. O concurso celebrouse do 15 de febreiro ao 3 de marzo. Por primeira vez tivo lugar nestas datas, logo de que a Asociación Hostelería Compostela solicitase o cambio xa que en novembro, nas datas tradicionais do concurso, xa hai unha actividade importante no sector froito do proceso de desestacionalización turística que está a vivir o destino.
No acto de entrega de premios participaron representantes das diferentes entidades e empresas que patrocinan e colaboran co concurso: a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a concelleira de Turismo, Míriam Louzao; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos; a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; o responsable da Área de Calidade alimentaria da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Ricardo Rivas; o xerente de Cash Record, Simón Quintela; o promotor de vendas de Cafés Dromedario, Bruno Hermida; o delegado comercial de Estrella Galicia en Santiago, Guillermo Fernández; o wine ambassador de Ponte da Boga en Santiago, Alberto García; e a responsable do Departamento de Restauración e Seguridade Alimentaria da Asociación Galega de Persoas Celíacas, Nuria Colmenero.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, suliñou que o éxito de Santiago(é)tapas no mes de febreiro vai na liña de traballo que se está desenvolvendo para conseguir mudar o modelo turístico de Santiago, apostando pola colaboración co sector e o fomento da desestacionalización con actividades que dinamicen Compostela nos meses de tempada baixa. Tamén agradeceu as facilidades que deu a Deputación da Coruña para o cambio de datas, xa que sen o seu apoio non sería posible o mesmo.
Pola súa banda, segundo sinalou a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, o cambio de datas non tivo impacto nin no número de locais participantes nin no consumo. Así, neste ano consumíronse preto de 25.000 tapas, unha cifra similar a da última edición de novembro de 2022. Míriam Louzao destacou que estes datos eran moi relevantes, tanto porque se produciron no mes de febreiro, un mes moi complexo para o sector, como porque o 40% do consumo foi de persoas que non residen en Compostela.
Os locais gañadores dos diferentes premios foron:
Mellor tapa creativa: Crocante de abelá e praliné de maracuyá, La Morena.
Mellor tapa tradicional: Estamos como cabras, Artesana.
Mellor tapa doce: Crocante de abelá e praliné de maracuyá, La Morena.
Mellor tapa en maridaxe con viño: Cachucha, grelo e calçot, Nómade.
Mellor tapa en maridaxe con cervexa: Bomba de polbo á feira, La Planta.
Mellor tapa sen glute: Castaña Doce, A Maceta.