fbpx

Hamelin

When:
23 Febreiro, 2023 @ 8:30 p.m. – 10:30 p.m.
2023-02-23T20:30:00+01:00
2023-02-23T22:30:00+01:00
Where:
Teatro Principal, Santiago de Compostela

Redrum estrea o seu último traballo, ‘Hamelin’, o vindeiro 23 de febreiro no Teatro Principal de Compostela, onde repetirá un día despois antes de realizar paradas en Cangas, Pontevedra, A Illa de Arousa, Lugo, Teo e Verín. A obra, dirixida e adaptada por Alex Sampayo, está protagonizada por un elenco de sete intérpretes formado por Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Machi Salgado, Belén Constenla, Fran Lareu e Rubén Porto.

O Teatro Principal de Santiago acollerá o vindeiro xoves 23 de febreiro ás 20:30 horas a estrea de ‘Hamelin’, o decimosexto espectáculo de Redrum Teatro. Alex Sampayo encárgase da dirección e mais da adaptación desta obra, que conta cun elenco conformado por sete intérpretes: Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu. “É unha obra que trata sobre os abusos á infancia, que teñen moitas caras e neste espectáculo recóllense todas con duplas e triplas lecturas de todos os personaxes”, sinalou Alex Sampayo, quen compareceu hoxe ante os medios nunha rolda de prensa na compaña da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e Guillermo Carbajo, actor e membro de Redrum Teatro.

Esta será a segunda adaptación de Redrum Teatro dun texto de Juan Mayorga, autor teatral que en 2022 recibiu o Premio Princesa de Asturias das Letras. Logo de ‘O mozo da última fila’, nesta ocasión trátase de Hamelin, obra de 2005 pola que o dramaturgo recolleu o Premio Max ao mellor autor teatral. Agora chega ao galego co apoio da Xunta de Galicia, a través das liñas de axudas á creación escénica, e do Concello da Illa de Arousa, pois a compañía levou a cabo os ensaios no seu Auditorio Municipal. “A obra inspírase de forma moi libre nun caso real, ocorrido no barrio barcelonés do Raval a finais dos anos 90, e reflexiona sobre como a rapazada é quen paga os pecados dos propios adultos”, relatou Alex Sampayo ante os medios.

Compostela será a primeira parada dun espectáculo que dará ao público unha segunda oportunidade no mesmo escenario o día seguinte, o venres 24, coa asistencia de Juan Mayorga. Ademais, o xoves 23 haberá #posfunción ao remate do espectáculo, onde o público poderá intercambiar reflexións co equipo da obra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.