fbpx
EntrevistasGalicia

Terbutalina: “Ensaiamos duro pensando exclusivamente no amor e na festa”

Os Terbutalina. Foto: Variopinto.
Os Terbutalina. Foto: Variopinto.

Por Rebeca Munín 

Migui, Mon, Samu, Brais e Diego forman Terbutalina, unha banda de garage-punk que desde o 2010 publicou varios traballos discográficos e actuou en infinidade de festivais e salas. Na súa web defínense como amantes do tabaco, a praia e o matrimonio entre políticos imputados. Porque así son eles. Todo amor. E así o amosarán no concerto que darán este sábado, 12 de agosto, na Cidade da Cultura dentro do ciclo Atardecer no Gaiás.

Acabades de presentar o voso último EP, ‘Sonido Esteiro’, con catro temas. Falámede un pouco de cada un deles. 
“Goodbye neuronas” é o tema que abre o disco e é o mellor tema que compuxemos e tocamos xamais. “Andar de xaneira” é o segundo tema (vai despois da primeira) e é precioso, perfecto, o mellor que xamais temos tocado ou composto. “Ninguén che quere” é a mellor canción da nosa carreira, o mellor que sen dúbida temos tocado. “Orujo/Brujería” é o último tema do EP e xa dicía na Biblia que “os últimos serán os mellores temas”, porque, vaia, si que é o mellor tema que temos tocado e composto nunca nas nosas vidas xamais de nada.

Caramba, pois si que estabades inspirados cando as compuxestes! Xa tendes tamén vídeoclip do tema ‘Ninguén che quere’.  A quen queredes vós máis que a ninguén?
Ás lectoras e lectores de Pincha.

Espero que tamén aos redactores e redactoras 😉 Pero dicídeme, canto hai de verdade e/ou denuncia social e canto de ganas de pasalo ben e divertir nas vosas cancións?
Verdade: 100%. Denuncia social: 100%. Ganas de pasalo ben e mentir: 100%.

Xa en plena xira, o 12 de agosto poderemos vervos no ciclo Atardecer no Gaiás, na Cidade da Cultura. Que nos espera nese directo?
AMOR. Así, en maiúsculas. Como cando pintas na parede do baño o nome da persoa que che mola cando andas peneque. AMOR, así todo tocho. PIMBA!!!

Desde 2010, cando se formou o grupo, pasáchedes por infinidade de festivais e salas de concertos. Foi algún máis especial ca outro? E cal se vos resiste e estades desexando que chegue?
Os máis especiais sempre son os que están por vir. Son os que máis ilusión nos fan.

Ademais do moito que supoño que vos divertiredes, detrás de cada concerto, detrás de cada disco, detrás de cada canción… canto traballo hai?
Todo está traballado para que funcione como un alambique mecánico con patas mecánicas que cuspe lume e do que saen disparadas bestas mecánicas con cornos e ás que poden destruír o mundo enteiro con tan só miralo de reollo. É dicir, ensaiamos duro pensando exclusivamente no amor e na festa.

Completade a frase: No futuro, Terbutalina…
… será un león brillante que nunca existirá.