fbpx
CompostelaNovas

Estiven en TerraZeando e isto foi o que me pasou

Os Stone Dead na terraza do NH Collection.
Os Stone Dead na terraza do NH Collection.

O verán en Compostela ofrece múltiples opcións de lecer e o ciclo TerraZeando é unha delas.

Trátase dunha iniciativa da asociación Desconcierto Cultural, que nos trae o último que se escoita polo mundo adiante envolvéndoo en contornas idílicas.

Así que concertos de grupos alternativos en terrazas con encanto de Santiago! A esta redactora non lle pode apetecer máis o plan. Nada mellor que escoitar boa música mentres suavemente cae a noite en espazos especiais desta nosa cidade.

O ciclo comezou cos concertos de Alto Volta e Me & The Bees, dos que damos conta aínda que non puidemos estar. Pero logo tiven a oportunidade de asistir en diferentes días ás actuacións de Zebra Hunt, Stone Dead, Cómo Vivir en el Campo e Montelouro + The Wheels.

Imos coa crónica do alí acontecido, pequenos:

Os Zebra Hunt no Bar Olvido.
Os Zebra Hunt no Bar Olvido.

Zebra Hunt é un grupo de Seattle con influencias de Velvet Underground, nin máis nin menos. Estes mozos americanos, de aspecto cálido e afable, trouxéronnos un son melódico e lírico perfecto para a contorna onde nos atopabamos, e é que estabamos no medio do parque de Belvís, onde podedes ir agocharvos na terraza do bar Olvido, na rúa do mesmo nome. De feito, crese que antigamente aquí estaba a porta traseira de Compostela.

Os Stone Dead durante a súa actuación.
Os Stone Dead durante a súa actuación.

O seguinte concerto foi o de Stone Dead. O destes rapaces foi, simplemente, descomunal. Quizais tamén influíu no delirio o feito de que estabamos nun dos sitios máis modernos e cools que se poden atopar agora mesmo en Compostela: a terraza do NH Obradoiro, un lugar de vistas privilexiadas.

Os portugueses son coma se mesturásemos nun batedor aos Kaiser Chiefs, Franz Ferdinand e The Strokes. Eléctricos e con aspecto de adolescentes sobreexcitados, Stone Dead encádranse dentro do postpunk máis enérxico.

Seu era o sol que se ía ocultando tras deles naquel mítico atardecer, no alto dos ceos de Compostela.

Remataron cunha versión de The Stooges e un público emocionado, non digo máis 😉

 

Os madrileños Cómo Vivir en el Campo foron a aposta para a terraza do Hotel Costa Vella, unha das máis emblemáticas de Compostela e imprescindible en calquera guía de viaxes. Turistas e hipsters uníronse para gozar deste grupo que bebe do mellor do indie español, con cancións pop intimistas e suaves.

E o fin de festa do ciclo foi nun xardín secreto, que diría Bruce Springsteen, o do Pazo de Amarante, en pleno casco vello.

Tivemos a Montelouro, formación compostelá de boa proxección e que fixeron de teloneiros de The Wheels. Este último é un interesantísimo grupo que, avivado polas altas temperaturas da súa Mallorca natal (e non sabemos se por algo máis), agradeceron o frescor da tarde galega e ofreceron o seu son con reminiscencias dos Beatles e da mellor psicodelia. Por momentos, unha sentíase coma nun local de Londres pola luz vermella que lles iluminaba e o misterioso da árbore que lles acubillaba. Un cantante de voz profunda e un baixo especialmente entregado á causa, completaban o cadro.

En definitiva, o TerraZeando 2017 foi un auténtico éxito de público grazas a unha proposta musical que permite coñecer o máis fresco do panorama musical español á vez que se goza dos nosos mellores espazos.

En 2018 máis!

 

Entrevista a Carlos Ramos, de Desconcierto Cultural

Que é Desconcierto Cultural?

Somos unha asociación cultural sen ánimo de lucro que agrupa a máis de 150 socios e que se dedica á promoción da música no eido galego. A través de distintos ciclos intentamos acercar a Galicia propostas musicais alonxadas dos circuítos habituais. Intentamos apoiar a artistas locais.

Como naceu a idea de TerraZeando?

TerraZeando nace fai 6 anos. Nesa época organizabamos a Romaría Pop, e con frecuencia nos reuniamos para discutir sobre aspectos da mesma. Moitas veces facíamolo en terrazas ou espazos ao aire libre de Compostela. Pensamos que poderían ser usados para programar música, xa que na maioría dos casos era un uso que non se lles daba habitualmente. Así puxemos en marcha a primeira edición de TerraZeando, coa intención de que esos espazos fixesen de amplificador das emocións que a música nos transmite.

Cal é o perfil dos grupos aos que invitades?

Intentamos que no cartel haxa bandas galegas, nacionais e internacionais. Que gusten aos socios que formamos a comisión, que encaixen nos espazos nos que se van programar, e que non estiveran moi expostas en Galicia. Nesta edición por exemplo, ningunha delas, incluíndo as dúas galegas, tocaran en Santiago anteriormente.

Cal é o balance desta edición de 2017?

Estaban realmente encantados cos concertos e os espazos que formaron parte nesta edición. Tamén do feedback co público. É unha sorte poder contar en Santiago coa cantidade de lugares apropiados para acoller este tipo de concertos.

Xa sabemos que é cedo pero, podes dar algún adianto da edición do 2018?

Seguir intentando descubrir ao público e a nós mesmos grupos e sitios especiais. Este ano, por exemplo, limitamos o ciclo ao mes de xullo, e nos parece que foi un acerto absoluto. Noutras edicións acababamos realmente esgotados. Tamén melloramos a produción técnica cun mellor equipo, o que repercute significativamente na calidade do son. Así que faremos balance e pensaremos que mellorar de cara á próxima edición.