Tosta de arroz ao curry e hummus de garavanzos con polbo, papeira e encurtidos no Benedita Elisa
Por @JuanEAT_o

Aínda que nestes tempos de pandemia da Covid-19 temos a mala sorte de non poder gozar tanto coma antes dos nosos bares e restaurantes, un servidor intenta seguir facendo o que mellor se lle dá e saír a papar ou pedir para levar en todos os locais composteláns que podo – que temos moitos e de moita calidade!
Para este último número de Pincha no ano 2020, quixen probar un pequeno recuncho pero moi moi acolledor: o restaurante Benedita Elisa, na Praza do Matadoiro. Eu que son orixinario do barrio e coñecía o local de antes, podo dicirvos que a reforma é incrible. Con dúas plantas, a cociña á vista nada máis entrar e unha coidada decoración, paga a pena pasar a visitalo.
Pero imos ao lío. Desta volta tiven a sorte de probar dous pratos. Dúas delicias para o padal que non deixarán a ninguén que os tome indiferente.
Comecei pola tosta de arroz ao curry con berberechos, mango e iogur. A verdade é que estaba exquisita. A tosta estaba crocante e a combinación destes ingredientes facían unha mestura na boca moi saborosa. Doce e salgado nun só bocado. Como entrante é máis que recomendable.
E falemos do segundo: hummus de garavanzos con polbo, papeira e encurtidos. Lendo o seu nome pensaredes que non casa o tema, pois dígovos que si. E ademais, moi ben. Estaba de vicio! A textura do hummus estaba no seu punto, fantástica, e o resultado da mestura de todos estes produtos ademais de sorprender, pareceravos que non pola imaxe, pero enche! Incluso diría que se pode pedir para compartir.
Se aínda non o fixestes anímosvos a coñecer este proxecto gastronómico de Carlos Insua e Jordi López no Barrio de San Pedro. E facédeo con máscara e coidándovos moito. Non vaia ser que pechen á hostalaría outra vez!

DATOS
Lugar: Praza do Matadoiro, 1 Santiago de Compostela
Prato: Tosta de arroz ao curry con berberechos, mango e iogur e hummus de garavanzos con polbo, papeira e encurtidos
Prezo: 3,50 euros e 13 euros
Valoración: 8 estrelas
Fotos: Iván Barreiro