Carlos e Jordi de Benedita Elisa: “Non importa só o que comes, senón onde e como”
Hai pouco máis dun ano, o galego Carlos Insua e o catalán Jordi López decidiron abrir un restaurante en Compostela. Un local no que fusionan os sabores das súas terras de orixe e ao que quixeron dar o nome das súas respectivas avoas: Benedita e Elisa.
Ademais do que probou @JuanEAT_o, que outros pratos recomendariades para coñecer o Benedita Elisa?
Jordi: O steak tartar de solombo é o prato estrela para moitos clientes. Din que é dos mellores que probaron. E o canelón de carrilleira de porco con bechamel de coco, mango e cogomelos é un dos máis representativos tamén.
En que vos inspirastes para elaborar a carta?
J.: Primeiro miramos todos os produtos que tiñamos ao alcance, xa foran atlánticos ou mediterráneos, e intentamos facer combinacións das dúas zonas, creando pratos que tiveran elementos compartidos.
Por que quixestes homenaxear ás vosas avoas no nome do local?
Carlos: Porque os sabores de cociña tradicionais, o que nos gusta realmente e co que desfrutabamos de nenos era coas cociñas das nosas avoas.
Aprendestes a cociñar con elas?
C.: A min sempre me gustou cociñar. Pasaba os veráns en casa da miña avoa e cando me aburría de ir á praia, quedaba con ela e cociñabamos. Cando tiña que decidir que estudar non sabía moi ben que facer e ao final optei polo que me gustaba facer na casa. Estudando no Centro Superior de Hostelería de Galicia foi onde coñecín a Jordi.
J.: Eu estudiei tamén Empresariais. Cando me preguntan por que acabei na hostalaría conto que a min encantaríame facer figuriñas de plastilina coas miñas mans pero como ninguén vai comprarmas, busquei un oficio no que poder traballar coas miñas mans e que o puidera vender moi fácilmente.
En que se nota a influencia das vosas avoas?
J.: En que a maioría dos pratos que facemos teñen base tradicional, con produtos que comemos de nenos: cordeiro, bacoriño, rabo de touro, canelóns… pero elaborados e presentados dunha forma máis moderna.
A presentación do prato é algo ao que lle dades moita importancia, non si?
J.: Sí, é moi importante. Na decoración do local tamén coidamos moito os detalles.
C.: Quixemos coidar moito a atmosfera. Non é só o que comes, senón onde comes, en que prato… Con menos mesas pero cunha atención personalizada.
J: Tes que entrar, escoitar a música, ver as luces, tocar a madeira, o mármore…
C.: Tamén quixemos poñer a cociña á vista, que se vexa pola ventá. Así transmitimos confianza. O cliente chega e é o primeiro que ve. Non hai nada que esconder.