fbpx
GaliciaGastronomíaPola gorxa

Masa follada

Chega o Nadal e con el moitas sobremesas (non ‘postres’) típicas destas festas: turróns, polvoróns, mazapáns, amendoados, panetones… Pero como se chama en galego ese doce elaborado con masa de fariña, aceite ou outra graxa e auga, caracterizado por formar numerosas capas delgadas superpostas? Podemos empregar follado, masa de follado ou masa follada. Nunca debes dicir ‘hojaldre’ ou ‘hoxaldre’.

Así que para rematar a cea de Noiteboa, podes elixir un pastel follado. Ou se o que queres é un doce de forma rectangular feito de dúas ou máis capas de masa de follado recubertas de crema ou merengue, debes pedir un milfollas. Unha palabra que na nosa lingua tamén pode referirse a unha planta herbácea da que se utilizan as follas e abrochos en infusión.

E un último apunte: segundo o dicionario da Real Academia Galega, o follado tamén é unha filloa grosa.

Curiosidades

  • O sabor do follado é neutro, nin salgado nin doce, polo que admite recheos de todo tipo: chocolate, atún, carne, cabelo de anxo, xamón, queixo, nata… Por iso se utiliza en aperitivos, entrantes, pratos principais, sobremesas e doces diversos, tanto fríos como quentes.
  • A orixe do follado sitúase na repostería medieval nas zonas baixo influencia árabe, aínda que, moito antes, nas antigas civilizacións grega e romana puideron atoparse referencias a masas folladas.
  • Hai unha teoría que sitúa a súa orixe nun descoido dun aprendiz de cociñeiro francés do século XVII, que ao facer pasteis esqueceu engadir a materia graxa. Para corrixir o erro, estirou a masa e puxo manteiga entre capa e capa. Cando o seu xefe descubriu que se elevaba como se foran follas dun libro, felicitou ao seu axudante pola súa gran creación.

ONDE PROBALA?

As vilas galegas poñen en marcha neste mes diferentes Mercados de Nadal onde podemos adquirir doces e outras propostas culinarias propias destas festas. O de Santiago instalarase desde o día 3 ata ao 5 de xaneiro na rúa de Carreira do Conde, e no centro comercial Area Central, desde o 26 de decembro.

Tamén en Compostela, podedes mercar os vosos doces de Nadal nas tendas de Pan da Moa (na rúa do Cubelo, 27; rúa de Madrid, 15; e rúa do Tambre, 3). Dirixida por Guillermo Moscoso, esta panadería está considerada unha das mellores de España. Na procura da conservación do tradicional, da calidade de materia prima, da recuperación de doces que se van perdendo e eran típicos destas datas; da creación e diferenciación en produtos con moita alternativa, como os turróns, fan elaboracións coas que non deixan indiferente a ninguén.