fbpx

Axenda

Set
2
Sáb
XXII Festival Agustín Magán
Set 2 – Set 22 all-day

O XXII Festival Agustín Magán desenvolverase entre o 2 e o 22 de setembro no Teatro Principal, na Sala Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, e no Salón Teatro.

Serán un total de seis espectáculos nos que participarán outras tantas compañías. O festival arranca este sábado, día 2 ás 20:00 horas no Teatro Principal coa representación da obra “A Pousada do Trú-Trú”, interpretada por Desfeita Teatro. O domingo, día 3, Teatro de Cámara Ditea representa, no mesmo escenario, “Nice to kill you”. O Salón Teatro acollerá o 9 e o 10 de setembro as funcións “Arte”, de Hipócrita Teatro (sábado) e “Almas na gloria: don Paco”, de Avelaíña Teatro (domingo). Os días 22 e 23 de setembro, chegan á Sala Magán do CSC de Santa Marta, as pezas “O Randiña”, de Pico do Castro e “Apuntamentos para un magnicidio”, de Ditirambo, ambas ás 20 horas.

No marco do Festival, o vello Colexio do Castiñeiriño tamén acollerá o sábado 16 e o domingo 17 de setembro, un obradoiro de “Construcción de máscaras de cartón”, impartido por Marcelino de Santiago de Kukas que se desenvolverá en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

O Festival Agustín Magán está organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) co apoio das concellarías de Capital Cultural e de Centros Socioculturais do Concello de Santiago e da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e o Centro Dramático Galego.

FEGATEA

A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 57 grupos das catro provincias, constituídos por máis de 850 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.

Ao longo dos seus máis de 20 anos de historia, a FEGATEA foi ampliando e consolidando un espazo propio para ao teatro afeccionado galego, organizando e colaborando en distintas actividades. Por unha banda, procurando a mellora da calidade do teatro amador a través da formación e da celebración das Xornadas de Teatro, un foro no que os compoñentes dos grupos teñen a oportunidade de coñecer, afondar, presentar ou debater sobre cuestións que afectan de cheo ó desenvolvemento da cultura teatral e á evolución, innovación e crecemento da propia Federación.

Por outra, estimulando a ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ó teatro, creando unha programación teatral estable a nivel autonómico mediante a colaboración e a sinatura de convenios con entidades públicas e privadas (Consellería de Educación, gobernos municipais, AGADIC, asociacións sen ánimo de lucro…) e traballando na proxección nacional e internacional do teatro amador galego por medio da colaboración e intercambio con outras entidades nacionais e internacionais. Todo isto a través de actividades xa consolidadas como a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán, Fega Teatro, o Circuíto Galego de Teatro e os festivais organizados ó abeiro da Plataforma Transfronteiriza PLATTA.

Set
15
Ven
Ciclo Principal de Outono no Teatro Rosalía de Castro
Set 15 – Dec 29 all-day

O Teatro Rosalía de Castro acollerá unha nova edición do seu Ciclo Principal de Outono, que se desenvolverá entre os meses de setembro e decembro cun total de 11 propostas teatrais de ámbito galego, nacional e internacional. O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou a programación acompañado polo director do Teatro Rosalía, Xosé Paulo Rodríguez. 

“Na Coruña contamos cunha oferta cultural cunha gran diversidade de opcións ao longo de todo o ano, entre elas un ciclo teatral como este, que é por méritos propios un dos mellores de Galicia”, sinalou Gonzalo Castro. O edil destacou a aposta do Goberno de Inés Rey polo teatro e os recintos destinados a el na cidade: “É necesario seguir apostando pola cultura e facelo no que é considerado o mellor recinto cultural de Galicia”, apuntou. 

A programación comezará o 15 e 16 de setembro coa representación de ‘La isla del aire’, de Alejandro Palomas. Será unha cita moi especial, pois este é o último traballo da reputada actriz Nuria Espert. Tamén en setembro, o 29 e 30, terá lugar a representación de ‘Hamelin’, de Juan Mayorga, na versión e dirección de Álex Sampayo. Trátase dunha das propostas galegas do programa. 

A seguinte, tamén galega, será ‘Arraianos’, o 6 e 7 de outubro. A obra de Xosé Luis Méndez Ferrín está dirixida por Ánxeles Cuña. Pechará o mes de outubro outra dobre función, neste caso de ‘Supernormales’, da galega Esther F. Carrodeguas, finalista dos premios Max, e dirixida por Iñaki Rikarte. Esta obra do Centro Dramático Nacional representarase os días 20 e 21 e integra un elenco de persoas con e sen discapacidades. Forma parte da aposta do CDN pola diversidade nas súas obras e tamén do fomento por parte do Concello de iniciativas que integren a todas as persoas. 

Novembro comezará con dobre función de ‘Cielos’, de Wajdi Mouawad, os días 3 e 4. O 17 e 18 de novembro terá lugar outro dos pratos fortes do programa coa representación de ‘Constante’, na versión de Guillermo Calderón e Gabriel Calderón sobre ‘El príncipe Constante’, de Calderón de la Barca. A produción uruguaia chega á Coruña nunha das súas poucas datas na Península. Pechará o mes de novembro, os días 24 e 25, ‘Búho’, de Diego Lorca. 

O mes de decembro será de alta intensidade, con catro espectáculos programados dentro do Ciclo Principal. Abrirá o mes, os días 15 e 16, ‘Abre el ojo’, de Rojas Zorrilla. A seguinte obra representada será ‘Adictos’, de Daniel Dicenta Herrera e Juanma Gómez, o 21 e 22 de decembro. O día 22 será a quenda de ‘Ma Solitud’, de Guillem Albà, Sergio Martínez e Joan Arqué. Trátase dun espectáculo de proximidade e pequeno formato, reservado para só 40 espectadores. ‘Síbaris’, de Domingo Vilar, pechará a programación o 28 e 29 de decembro. 

Abonos 

Todas as funcións representaranse ás 20.30 horas excepto ‘Ma Solitud’, que terá dobre pase ás 18.30 e 19.30 horas. A partir do 17 de xullo as persoas abonadas do Teatro Rosalía poderán renovar o seu bono para este Ciclo Principal de Outono no despacho de billetes da praza de Ourense. O 5 e 6 de setembro abrirase a quenda para novos socios, mentres que o 8 de setembro comezará a venda de entradas para o público xeral. As tarifas pódense consultar na páxina web do Teatro Rosalía e nos programas físicos do Ciclo Principal de Outono. 

Como novidade, o Teatro Rosalía contará cun novo sistema de auriculares a través dos que se poderá recibir sinal amplificada do son e permitirá, deste xeito, seguir a función ás persoas con dificultades auditivas. Este material adquiriuse grazas a unha subvención dos fondos Next Generation 2022 obtidos polo Concello. “Deste xeito, continuamos facendo das nosas festas, eventos e recintos municipais espazos máis accesibles para todos e para todas”, sinalou Gonzalo Castro. 

Out
7
Sáb
Galicreques 2023
Out 7 – Out 15 all-day
O Festival Galicreques, organizado pola asociación Barriga Verde co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e Deporte e a Fundación SGAE, celebrará en Santiago entre o 7 e o 15 de outubro a súa 28ª edición. O cartel para este ano confórmano 60 funcións que correrán a cargo de máis de 30 compañías teatrais. “Santiago volve ser o epicentro do teatro dos monicreques e volve selo nun ano en que a programación medra en número de espectáculos e de compañías. Estamos ante unha das edicións máis amplas da nosa xa longa traxectoria”, celebrou esta mañá Jorge Rey, director do festival, nunha rolda de prensa na que tamén participaron Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, e Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña. Xusto antes da rolda, a compañía Nauta e Trópico de Grelos ofreceron unha intervención artística no Obradoiro.

A concelleira Míriam Louzao salientou a relevancia dun festival que xa chega á súa edición número 28, o que “da a medida da importancia que ten dentro da nosa programación. É case unha institución en Compostela”, enfatizou, “e seguro que hai moitos composteláns e compostelás que asistiron de pequenos e agora levan os seus cativos e cativas”. Louzaou lembrou tamén que, aínda que a programación familiar supón o groso o festival, hai tamén espectáculos para o público adulto. Así mesmo, fixo fincapé na importancia da descentralización de escenarios, que chegan ao rural da man da rede de centros socioculturais. Rematou a súa intervención agradecendo a colaboración institucional, “porque todos unidos podemos ofrecer unha programación de máis calidade”.

Rey, na súa intervención, destacou a “gran variedade” do programa deste ano, que lle brindará ao público compostelán unha radiografía ben definida das tendencias actuais do xénero dos títeres tanto en Galicia como no ámbito internacional. Neste punto, anunciou a participación de compañías procedentes de “Arxentina, Colombia, Chile, Portugal e Francia”. No apartado galego, Rey destacou a concorrencia de 15 formacións galegas. Entre outras, citou A Xanela do Maxín, Títeres Alakrán, Fantoches Baj, Brincadeira, Nauta, Mircromina ou Títeres Cascanueces.

O director de Galicreques, ademais, engadiu que este ano será “moi especial” para o festival, xa que por primeira vez a coordinación do evento será compartida cunha nova xeración de titiriteiros. “Este outono, nin eu nin Carme Domech, que todos os anos nos poñemos á fronte do festival, estaremos presentes. Marchamos de xira por América Latina e quedará aos mandos de Galicreques Rafael Rey”, sinalou o director.

O actor, titiriteiro e director Rafael Rey, fillo de Carmen Domech e de Jorge Rey, encabeza a compañía Nauta e xa na edición de 2022 de Galicreques se implicou na organización do festival ao encargarse da posta en marcha do Cara Bé, a programación destinada para adultos de Galicreques que neste 2023 estará conformada por sete citas, incluída o espectáculo de varietés Cabaré CaraBé.

Estreas

Nesta 28ª edición, Galicreques ofrecerá 14 espectáculos inéditos. Entre eles, cómpre destacar as estreas de compañías galegas como son o caso de Babá Bebé, espectáculo da galega A Xanela do Maxín que se poderá ver o venres 13 de outubro na Fundación SGAE; Liu Xu Ria, a ardente velutina, da Compañía do Dr. Monifate, prevista para o xoves 12 de outubro na Carpa da Alameda, ou Contos de aquí para ti, de Olga Abad e Carmen Domech, que chegará ao parque compostelá ese mesmo día.

A compañía portuguesa Krisalida dará a coñecer no Teatro Principal o mércores 11 de outubro o seu Estorias e o Lume, mentres que os colombianos de La Pepa del Manoncillo fará o propio o día seguinte con Me lleva el Diablo e a formación catalá Fil de Guá representará por vez primeira no mesmo escenario o seu espectáculo Las Avispas, dentro da sección de Cara Bé, o venres 13.

Outros espectáculo que se estrean no Galicreques son Vicente, el pirata valiente, da compañía valenciana La Carreta; Fábulas, cuentos y canciones para alegrar los corazones, dos colombianos Los Juglares; El Cumple de Pablito, da formación estremeña Piccolo Teatro de Marionetas, ou Renata, da compañía arxentina Lucero.

Descentralización e funcións escolares

Durante a presentación púxose en valor dous elementos clave da natureza de Galicreques. O primeiro deles, a descentralización do seu programa. O festival distribúe por multitude de escenarios o seu cartel. Así, están previstas representacións na Fundación SGAE, no Teatro Principal, na Carpa da Alameda, en diversas rúas e prazas da cidade e nos centro socioculturais de nove barrios (Romaño, Conxo, Santa Marta, Ensanche, Fontiñas, Figueiras, Vite, Marantes e O Castiñeiriño).

O outro piar de Galicreques é o programa de funcións escolares. “A creación de públicos e o achegamento da escena dos monicreques ao alumnado de escolas e institutos son puntos fortes do noso traballo”, sinalou Rey. Este ano, están previstas 17 representacións que se iniciarán o luns 9 e se estenderán até o mércores 18, superando as datas oficiais do festival.

En 2022, este programa contou coa asistencia de máis de 1300 estudantes de 32 centros de ensino dos concellos de Santiago, Teo, Ames, Val do Dubra, Oroso, Catoira, Brión, Mesía e Vilasantar. Aínda quedan prazas para algunhas das funcións, polo que o profesorado e os centros de ensino poden contactar co festival Galicreques a través do correo electrónico galicreques@titerescachirulo ou nos teléfonos 981 80 12 37 ou 667 771 147.