fbpx
Crusat & CostasGalicia

Crusat & Costas: Casas de Enriba

Casas de Enriba: A terra fala | LORENA COSTAS

Os que nos ledes dende hai un tempo sabedes que gustamos moito de despistar o voso “mapa enolóxico” particular. Adoitamos falar de viños clasificados en Denominacións de Orixe ou IXP’s, pero de vez en cando tamén nos mola petar enriba da mesa falando de viños que non se integran dentro de ningunha D.O.

Tal é o caso de “Casas de Enriba 2015”. Viño que conta coa man de Laura Lorenzo, unha enóloga chea de forza, xuventude e sabedoría que antes desta nova etapa se formou, entre outras adegas,  en Domino do Bibei durante 8 anos. Eses anos foron determinantes para crear o seu propio proxecto Daterra Viticultores, no que a súa parella, Álvaro Domínguez, se encarga de deseñar as fermosas etiquetas que visten os seus viños. Laura, exemplo de raza e constancia, afrontando todo tipo de avatares climatolóxicos nas vendimas destes últimos anos, constitúe outro dos moitísimos exemplos da nova “fornada” de novos enólogos e adegueiros que viven con paixón e arraigo a súa profesión.

Aínda que a maioría dos viños de Laura saen das terras do Val do Bibei (que pertencen á Ribeira Sacra), o proxecto vaise ampliando cara terras de Valdeorras; e concretamente preto da vila de Portomourisco se atopa esta parcela que dá nome ao viño que nos ocupa. A 550 metros de altitude, atopárona fai tres anos nun estado pouco alentador, xa que anteriormente o seu cultivo se fixera empregando produtos químicos que esgotaron e endureceron a terra. A produción, polo tanto, é bastante escasa debido ao estrés que as viñas sufriron no pasado; pouco a pouco recupérase a vigorosidade.

Casas de Enriba é un viño que ten a peculiaridade de mesturar un 80% de uva tinta (Mencía) e un 20% de uva branca (Godello), práctica habitual antigamente. A Godello vaille aportar frescura e acidez á Mencía que nos anos cálidos (como este 2015) adoita carecer destes matices que envolven ao viño de estructura  e equilibrio. Descansa despois en barricas de carballo francés durante nove meses antes de ser embotellado. Posúe unha bonita capa media de cor sangue e prevalecen os aromas florais: violetas, baixo monte; así tamén froitos vermellos, aromas de iogur de froitas do bosque e toques de carmín. Un viño de paso fácil, que agradece tomarse fresco, debaixo dunha boa sombra, como fixemos nós acompañados dun prato de xamón.

Casas de Enriba: A forza da viticultora | JOSE CRUSAT

 

Imos a terras do Bibei onde pola banda do territorio de Ribeira Sacra comeza a traballar Laura Lorenzo a facedora (xunto coas vellas viñas da zona) do viño do que falaremos desta vez. Pero neste caso, falaremos do Casas de Enriba de Daterra Viticultores, viño elaborado a partires de viñas da outra banda do río, neste caso da zona de influencia de Valdeorras. É pois un viño de territorio, fóra de ningunha DO. Laura é unha loitadora que apostou polo seu proxecto e que loitou contra problemas e trabas nos comezos (roubos, pedrazo, non inclusión na DO) e que dan lugar a un viño que amosa a forza desta viticultura e da paisaxe que ela escolleu para vivir.

É un viño elaborado con Mencía e con Godello, unha mestura de branco e tinto seguindo a antiga tradición de meter no pipo tódalas uvas que había nas fincas. Pero falamos desa tradición cos pés na terra, con sentido, que sabe o que se fai. Onde se mesturan a mencía que aporta corpo e estrutura co godello que aporta a acidez e frescura necesaria. Sen necesidade de correxir mediante produtos enolóxicos.

Viño de clima atlántico e fresco pola altura, sobre chans de granito e arxila, procedente de viñas vellas equilibradas de forma natural con baixos rendementos. Viñas traballadas en ecolóxico, en proceso de recuperación despois de anos de químicos e herbicidas.

O viño presenta unha capa media con cor de cereixa ou sangue fresco, con aromas de froita vermella ben madura, amorotes, pero notas vexetais no fondo, flores coma violetas, golosinas. Na boca é un viño de certo peso, saboroso, de taninos finos e unha acidez. Un viño carnoso que nas datas de verán que se aveciñan refresca e permite seguir bebendo e gozando.

Como maridaxe deste viño, e polas datas nas que andamos, vou propoñer unha comida máis suave, e optarei por unha caldeirada de sanmartiño e corbelos, que perfectamente aguantan a sabrosura do viño pero que a frescura do viño permite que ambos estean balanceados.