fbpx
CompostelaReportaxes

Museo do Pobo Galego: 40 anos gardando a memoria de Galicia

Por Rebeca Munín | Fotos: Iván Barreiro

 

Quen non escoitou falar algunha vez da famosa escaleira de caracol do Museo do Pobo Galego? Quen non se marabillou co Panteón dos Galegos Ilustres? Quen non se sorprendeu cos barcos da sala do mar sendo só un cativo? Non hai colexio na nosa terra que non programara unha visita a este espazo. Pero moitos descoñecen as súas necesidades e todo o traballo que hai detrás para levar corenta anos sendo o gardián da nosa memoria.

A sala de cestería foi unha das primeiras que albergou o museo.

Ana Estévez é responsable de Educación e Acción Cultural, no Museo do Pobo Galego.

Un museo de todos

O do Pobo Galego é o segundo museo máis visitado da cidade, só por detrás do Museo da Catedral. Moitos dos seus visitantes son galegos, especialmente grupos de centros escolares, pero tamén turistas sobre todo chegados desde outras zonas de España, Francia e Reino Unido. En total ao ano pasan polas súas salas unhas 80.000 persoas. Pero xa viviu tempos mellores. Antes da crise superaban as 100.000. Por iso no 2013 decidiuse empezar a cobrar entrada.

“Dentro da situación que estamos vivindo en xeral, e para a cultura en particular, o Museo do Pobo Galego chega aos seus corenta anos con boa saúde. Pero é grazas ao esforzo de moita xente”, destaca Ana Estévez. E é que moitos descoñecen que non pertence a ningunha administración pública. Sostense económicamente polas persoas e institucións que forman parte do seu Padroado e tamén, nunha parte moi importante, polo apoio dos seus cerca de 2.000 socios. Son xentes de todas as idades, na súa maioría galegos, pero tamén de fóra.

Precisamente coa idea de dar a coñecer esta especial situación xurídica e captar máis apoios, xurdiu no 2016 a campaña ‘Teño un museo’. Nela, algúns destes socios e socias posan ante a cámara coas súas obras favoritas.  Esta foi a primeira das accións para empezar a festexar o corenta aniversario. Pero hai moitas máis. Así, en xaneiro arrancou o programa ‘Teño unha peza’, no que cada mes un especialista en diferentes ámbitos dá unha charla sobre unha das pezas do museo. Entre outros, participan á xornalista Tareixa Navaza, a futbolista Vero Boquete ou o actor Roberto Leal.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que se celebrará do 29 de maio ao 3 de xuño, terá unha sección especial dedicada ao aniversario. Tamén se levarán a cabo actividades de difusión. E no último trimestre do ano poranse en marcha dúas grandes exposicións temporais, unha no museo e outra que percorrerá toda Galicia amosando eses tesouros que con tanto agarimo coidan.

Olería, tecido e cestería. Esas foron as tres primeiras salas do Museo do Pobo Galego cando abriu as súas portas en outubro de 1977, no antigo convento de San Domingos de Bonaval, que cedera o Concello de Santiago. “Son as tres actividades máis antigas que coñecemos na humanidade”, apunta Ana Estévez, responsable de Educación e Acción Cultural. O seu Padroado, herdeira naquel momento do Seminario de Estudos Galegos, quixo así  crear un ente para investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos. Os fondos debéronse na súa grande parte a doazóns, tanto de coleccionistas e artesáns como de persoas anónimas que atoparon nel o mellor lugar para albergar os tesouros das súas casas.

Na súa apertura púxose en marcha un plan museolóxico no que xa estaban contempladas todas as salas que hoxe podemos visitar: o mar, os oficios, o campo, o traxe, a música, o hábitat e a arquitectura, a sociedade e a prensa e a imprenta. Ademais das seccións de arqueoloxía e de arte e as bibliotecas.“Foise facendo pouco a pouco. E, en moi poucos anos, o museo tivo unha penetración na sociedade civil enorme”, afirma a traballadora. Na actualidade, séguense recibindo doazóns. “De feito, non temos capacidade para recoller todo. Temos unha política de adquisición porque doutro xeito non se podería facer”, sinala.

Pero este non é un museo de pezas singulares. “É un espazo de síntese, que intenta mostrar de maneira sintética o que é a cultura galega e o que pode ser. Porque a idea é que a partir do museo se abra o debate, a reflexión sobre o que podemos ser como colectivo, como comunidade”, asegura Ana. Sen esquecer o valioso que é o propio edificio. O antigo convento de Bonaval, fundado no século XIII por San Domingos de Guzmán, foi reconstruído en estilo Barroco nos séculos XVII e XVIII. No seu interior destaca a orixinal escaleira helicoidal triple, obra do arquitecto Domingo de Andrade. A igrexa é única, sendo un dos poucos exemplos de Gótico relixioso que se poden ver na cidade.  Nela está situado o Panteón de Galegos Ilustres, no que repousan os restos dos escritores Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas e Castelao, así como os do político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey e o xeógrafo Domingo Fontán.

Algunhas salas foron reformadas nos últimos anos. Outras agardan desde os 70 por unha posta ao día. “Está elaborado un Plan Director que contempla remodelar o edificio e reordenar os espazos e os servizos. Pero un plan así necesita do concurso doutros axentes. Non pode levalo adiante o museo só. Agardamos que non tarde demasiado porque é moi preciso”, comenta Ana.

A través da escaleira de caracol accedemos ás diferentes salas do museo.

Parte da sala dedicada ao mar.