Paula Ojea: “Para min é moi importante que cando alguén vexa unha peza nun restaurante saiba que é miña”
Paula Ojea combina dúas das súas paixóns, a enxeñería e a cerámica, no seu proxecto OJEA STUDIO. Desde o seu obradoiro en Vigo crea pezas que forman parte dalgúns dos mellores restaurantes en Galicia e que xa teñen gañado un Premio Nacional de Artesanía.
Cando empezaches a facer cerámica?
Tiña catro ou cinco anos cando empecei nun obradoiro municipal de Nigrán. É unha disciplina que sempre me gustou moito porque é un material que permite facer case calquera cousa que imaxines. E ademais o proceso ten un compoñente emocionante. Nunca sabes ao cento por cento como vai saír unha peza.
E cando decides que será a túa profesión?
Ao principio era como un hobby. Decidín estudar enxeñería de camiños. Fixen parte da carreira en París e o meu primeiro traballo foi en Nova York. Despois, traballando en Barcelona, aluguei un espazo para facer cerámica e dinme de conta que o que máis me gustaba era pasar tempo alí. Ademais vin que eu podía facer algo diferente, que é aplicar a visión da enxeñería. De pequena, poñíame diante dun anaco de barro e empezaba a crear. Despois de facer a carreira, incorporei a parte do deseño previo ao contacto co material. Comprendín que a cerámica podía incorporar ambos mundos: o da creatividade coas mans e o máis técnico da xeometría, da visión espacial… Así que no 2015 montei Ojea Studio.
No 2019 gañaches o Premio Nacional de Artesanía na categoría de produto por ‘Cut& Fold’. En que coleccións máis traballas?
As pezas que creo son resultado da observación e inspiración no entorno, tanto natural e industrial da costa, como das miñas vivencias no estranxeiro. Teño tres liñas de traballo. A primeira é a de ‘Cut & Fold’, que é a que máis representa a miña aposta por unir os mundos da enxeñería e da cerámica. Outra é ‘Oceanic’, que son pezas máis orgánicas. E a última é ‘Particular’, que é de liñas moi puras, de cores neutras… e está inspirada nos ceos galegos desta época do ano. As tres están vivas. Vou facendo variacións, novos deseños…
Cal é a túa relación coa restauración?
Foi na primeira edición do encontro ‘Artesanía no Prato’, que organiza Artesanía de Galicia, cando empezaron as miñas colaboracións con chefs de máximo nivel como Lucía Freitas, Pepe Solla, etc. O bonito é que lles gusta o meu traballo, pero tamén as achegas que me fan son interesantes para min. Por exemplo, a partir destas colaboracións desenvolvín un servizo de café moito máis completo.
Por outro lado, tiven a sorte de manter a miña esencia. Para min é moi importante que o que eu fago se identifique comigo. Que cando alguén vexa unha peza nestes restaurantes saiba que é miña.
Que supón para ti contar coa marca Artesanía de Galicia?
Ademais de entrar no mundo da gastronomía, que para min foi un punto de inflexión, grazas á Fundación coñecín a moitos artesáns e artesás cos que podo intercambiar vivencias, experiencias, opinións…
Moitas veces para a xente fóra do sector é difícil distinguir entre facer traballos manuais e facer artesanía a nivel profesional. As iniciativas de Artesanía de Galicia axudan moito a desterrar esa idea errónea.
Onde podemos mercar as túas pezas?
Na miña tenda online (ojeastudio.com), por encargo no email info@ojeastudio.com ou no teléfono (629 784 374) e nas tendas Merlín e Familia e Boles, en Santiago; Pot, en Pontevedra; e Porta da Pía, en Tui. Ademais, pódese visitar o meu obradoiro, en Vigo, con cita previa.