666rpmCompostelaCulturaEntrevistas

Jake Vaidaimona: Son Camaleónico Made In Compostela

Por César Varela

Jake Vaidaimona saíndo de ensaiar dos Estudios Potemkin.

O outro día recibín a chamada de Jacobo Iglesias, vello amigo da movida compostelá, ao que xa había tempo que non vía. Quedamos para poñernos ao día e entre grolo e grolo, comezamos a falar dunha maqueta que me enviara durante a pandemia. Oito cortes que gravara na súa casa, sen présa, pero sen pausa e que a verdade me sorprendera moi gratamente. Jacobo, clásico batería compostelán, formara parte dos Dirty Barriguitas, Samesugas, The Lorchas e actualmente golpea as baquetas en Malraio. Pero tamén é produtor e técnico de son, e xunto a Sue e Luis, montaron hai uns anos os Estudios Potemkin no Polígono do Tambre (SCQ), aínda que xa anteriormente, tivera o seu propio estudio noutro punto de Galicia, onde rexistrara gravacións de gran relevancia para diversas bandas da comunidade.

O caso é que xa tiña no meu disco duro interno varias ideas sobre o que ía escribir para este novo número da Pincha, pero ao lembrarme desa demo que me enviara, pensei que era bo momento para facerlle un oco nas primeiras liñas que escribo este ano 2023. Os que me ledes habitualmente sabedes perfectamente que son un gran amante do Underground, e dende logo, non podía pasar por alto a este gran artista polifacético.

Jake Vaidaimona, que así se fai chamar Jacobo nesta aventura musical, que comezou xa no ano 1997, é o seu proxecto máis íntimo e persoal. El mesmo compón tódolos temas e toca tódolos instrumentos, que logo vai mesturando no seu laboratorio particular (Made In Feito na Casa).

A maqueta ábrese con ‘Blue Rider Reverb’, un instrumental que te traslada ao pasado, a aquelas vellas películas de Spaghetti Western, con banda sonora de Ennio Morricone. Con ‘Fight And Fly’ chega o Rock & Roll.

‘Pumpkin Cream’ cambia totalmente de onda e lévanos a un universo de pop melódico acompañado de bases electrónicas. Séguenlle ‘Stay A Little Longer’, ‘Stay Away From The Light’, ‘Tree Fallin’ e ‘Yes Man’, onde vai combinando diferentes estilos, que van dende o Rock ata o Punk, mesturados con electrónica, no que ningún corte se parece ao anterior. Un monstro camaleónico que me lembra moitísimo aos primeiros discos de Beck. Iso si! Para min, a gran obra mestra, a que eu lanzaría como primeiro single é, sen dúbida, ‘Tight Rope Walkers’. Que ademais é a única obra que vos podo amosar, xa que o resto do material, de momento, permanece totalmente inédito. Quizais nun futuro se lle dea por plastificalo e lanzalo ao mercado, pero de momento non ides poder escoitalo. Así que convídovos aos que esteades lendo a revista en papel, a que entredes en revistapincha.gal e na sección 666rpm, visualicedes o vídeo que Jake Vaidaimona gravou e montou el mesmo durante a pandemia. É coma se Seattle e Compostela se fundiran nunha mesma pelota. Estou seguro de que vos vai encantar!

Mil grazas pola túa música Jake! Vémonos nos bares!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.