fbpx
CulturaGastronomíaNovas

O festival 17º Ribeira Sacra combinará música, gastronomía e arte do 28 ao 30 de xullo

Mónica Maneiro, de Performa S. Cooperativa; Jesus Manuel Saez Varela, de Mahou-San Miguel; Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia; Jacobo Sutil, director de Agadic; Marta Arias, de Bodega Proencia; Iván Gómez, de Bodegas Regina Viarum e Carlos Montilla, director de Festivales para un Territorio.

O 17° Ribeira Sacra ofrecerá do 28 ao 30 de xullo as actuacións de 15 artistas dentro do cartel da sétima edición que se distribuirá entre os concellos de Chantada, Sober e A Pobra do Brollón.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiron á presentación en Santiago de Compostela desta sétima edición xunto ao director do encontro, Carlos Montilla, e representantes de diferentes empresas patrocinadoras: Cervezas Alhambra, Bodegas Regina Viarum e Bodega Proencia. Durante o acto, que estivo amenizado por Monchiño DJ, o representante da Consellería de Cultura destacou a vontade desta cita de brindarlle ao público un “festival de experiencias” ao fusionar  música e gastronomía cos valores e as potencialidades dunha contorna natural única.

Jacobo Sutil tamén salientou a calidade do programa musical —avalado polo público cuxa resposta xa esgotou os abonos deste ano— e a naturalidade coa que se integra nos espazos da Ribeira Sacra, motivos polo que este evento volve formar parte de FEST Galicia, marca creada polo Executivo galego para promover o noso territorio como destino musical de calidade non só baixo criterios artísticos, senón tamén de sustentabilidade e de profesionalidade.

“O turismo de festivais está gañando cada vez máis adeptos en Galicia. Comezamos o ano pasado cos concertos do Xacobeo aos que asistiron máis de 1,1 millón de persoas con máis de 500 artistas chegados desde todos os lugares do mundo por máis de 70 concellos da nosa comunidade”, destacou, pola súa banda o director de Turismo de Galicia.

 Xosé Merelles salientou que Galicia vai polo bo camiño e estase situando no mapa dos festivais e dos concertos.  Desde o Goberno galego estamos moi satisfeitos de ter o privilexio de seguir vendo como, tras o éxito da programación cultural iniciada no Xacobeo, segue este ano con concertos de tan alto nivel e tan ben organizados e en contornas tan orixinais”, finalizou Merelles.

Concertos, rutas e degustacións

Esta sétima edición do 17° Ribeira Sacra programa unha coidada selección de 15 bandas e voces procedentes tanto do panorama galego como do estatal e mais do internacional.

Os diferentes escenarios do 17° Ribeira Sacra recibirán na última fin de semana de xullo, entre outros, o grupo madrileño Morgan, as bandas belgas dEUS e Oracle Sister, a británica Jane Weaver ou a peruana Pamela Rodríguez. A música galega estará representada polos composteláns de Pastor Eléctrico, a luguesa Catuxa Salom ou os arousáns de Lontreira.

Á oferta musical cómprelle sumar as actividades paralelas que se impulsan para brindarlle ao público experiencias gastronómicas, culturais, paisaxísticas e etnográficas intimamente vencelladas á idiosincrasia da Ribeira Sacra. Citas acústicas, concertos en catamarán e rutas para coñecer o patrimonio son algunhas das propostas deste festival que, un ano máis, ten na gastronomía un dos seus grandes piares.

Para esta vindeira sétima edición, a selección de pratos para degustación estará elaborada por chefs de renome da zona e repartirase entre o restaurante Vértigo das Bodegas Regina Viarum, que disporá de varios postos de comida durante os concertos que se celebren nesa adega situada en Sober, e A Faragulla, de Chantada, que habilitará unha zona gastro nos recitais de Jimena Amarillo e Catuxa Salom durante a xornada de clausura.

Arte

Doutra banda, o compostelán Suso Fandiño, con comisariado da Cooperativa Performa, será o representante da programación artística que se desenvolverá nas Bodegas Regina Viarum ao longo da fin de semana, apostando nesta edición por expandir as artes e a cultura máis aló da música e posicionándoo así, como un festival de experiencias.

O artista propón dúas instalacións pensadas especificamente para o evento intervindo nos espazos da adega. Nunha delas o río vólvese protagonista, volvendo á idea da paisaxe como xénero artístico e tomando a arquitectura da adega como lenzo. Na outra, a idea de fronteira ou mapa como configuración que se desdebuxa ou constrúe en función da acción humana, é a base dunha gran instalación construída a base de antigos globos terráqueos que iluminan o espazo de Regina Viarum. Nas dúas,, o espectador é protagonista activador do espazo, convertido agora en espazo artístico.

Suso Fandiño, doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo, é un artista multidisciplinar que consegue utilizar todos os medios ao seu alcance para desenvolver unha obra na que mestura elementos pictóricos, a fotografía, a colaxe, o uso do vídeo e a instalación. As súas obras estiveron expostas en diversas cidades europeas e en feiras de arte como ARCO.

Cervezas Alhambra é o principal patrocinador privado do 17° Ribeira Sacra. 

Entradas

O festival ofrece un plan de mobilidade para desprazarse comodamente entre os escenarios do festival, cuxas entradas se pode adquirir na web, e que forma parte dun plan de sustentabilidade para xerar o mínimo impacto ambiental no territorio.

A Xunta de Galicia, a través de Agadic e Fest Galicia, son os principais patrocinadores institucionais de 17 Graos Ribeira Sacra, xunto cos concellos de Sober, Chantada e A Pobra do Brollón.

Cervexas Alhambra, que aposta pola música e polo descubrimento de experiencias auténticas feitas para gozar sen présa e cos cinco sentidos, é o principal patrocinador do festival galego e dos seus irmáns, unidos baixo márcaa Festivais Para Un Territorio.

Os abonos xerais e de día atópanse esgotados desde hai unhas semanas, pero aínda quedan á venda as entradas para os concertos en Bodegs Regina Viarum.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.