fbpx
De librosGalicia

Arantza Portabales: “O horror tamén está na xente coma nós”

Arantza, na Taberna A Fuego Lento. Foto: Iván Barreiro

Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) vén de converterse na raíña compostelá da novela negra. A súa ‘Beleza Vermella, publicada ao mesmo tempo en galego (idioma orixinal) e castelán, xa vai pola terceira edición neste último idioma, cunhas ventas máis que exitosas. Ata o mesmo Mariano Rajoy, pouco dado a mostras de emocións, confesou que se deixou atrapar polo estraño círculo de relacións escuras relatado nesta novela ambientada na Compostela máis recoñecible.

Falamos con ela na Taberna A Fuego Lento das súas outras vidas antes e despois de triunfar como escritora.

Cando e como comezaches a escribir?
A miña historia é a dunha muller que cando cumpre os corenta vólvese tola e comeza a escribir. Nunca escribira, pero sabía que quería facelo. Cando me sentei por primeira vez diante dunha pantalla dinme de conta do “fodido” que é. Comezo co microrrelato por falta de tempo. Preséntome ao concurso ‘Relatos en cadena’ da Cadena SER. Despois paso á novela curta con ‘Sobrevivindo’ (2015). Atrevinme porque a pensei como trinta e un microrrelatos. Pasoume o mesmo con ‘Deixe a súa mensaxe despois da sinal’ (2017, a súa primeira novela longa), que elaborei como se fosen cento vinte microrrelatos.

A túa é unha carreira fulgurante…
Non me paro a pensalo moito. Cada día é unha sorpresa e gozo dela. Non podo facer unha composición global do que pasou nestes catro anos. Ademais, teño a sorte de que na miña casa a todo o mundo “se la bufa” (risas), é dicir, non lles interesa a literatura aínda que viven con emoción o que me pasa. Cando chegas a casa ao final tes que aterrar, e iso non permite cho creas. Pero si é difícil ter alcanzado a grandes editoriais como Galaxia (Galicia), Lumen (España), Penguin Random House (Alemaña, onde se editará ‘Deixe a súa mensaxe despois do sinal’).

Como é compaxinar a vida de escritora coa vida cotiá?
Horrible (risas). Son funcionaria do Corpo de Finanzas, estou na Intervención Xeral, teño un posto de responsabilidade, o cal non me permite levar a mente ‘limpa’ para casa, aínda que é verdade que non opero a corazón aberto, o cal téñome que repetir moi a cotío. Tiven que pedir flexibilidade no meu traballo para entrevistas, presentacións… Pero eu son de ir coa verdade por diante e traballo moito. Ademais, para min a escrita non me supón un traballo, senón unha paixón. Non me custa.
Si é verdade que notei este ano o compoñente físico e psicolóxico. Pero ao final é compaxinar varias vidas, non é distinto do que lle pasa ao pai que está pola mañá nun traballo e pola tarde cos seus fillos.

Como recibiches o éxito de ‘Beleza Vermella’?
Teño moito síndrome de impostor porque para a escrita nunca me preparei. Entras nun mundo no que eres outsider, no que tes que aprender que non só se trata de escribir un libro senón tamén de vendelo. E tes que facelo con honestidade e paixón. Sabes que cando traballas cunha editorial grande o foco ponse máis en ti, vas a eventos, estás en modo escaparate e tes que asumilo. Eu sempre tiven a sorte de que me acompañou tanto a crítica especializada como o público. Estou nese punto no que podo responder á xente polas redes sociais e agradecerlles o apoio. Ségueme parecendo marabilloso que a xente gaste o seu tempo e os seus cartos en min, co fácil que é meterse en Netflix (risas).

‘Beleza vermella’ é moi compostelá, pero non no senso turístico…
Si, é un libro de xente normal que vive en Cacheiras, aínda que os personaxes son moi galegos.
Eu necesito que as accións transcorran polos lugares que transito eu, por preguiza (risas). Se me teño que poñer a describir a historia de Abad e Barroso polas rúas de Murcia, perdería moitísimo tempo

Dáme a impresión de que quixeches describir os microuniversos das urbanizacións.
Si, porque eu vivo nunha urbanización. Quería facer unha novela cun universo pechado, de círculos concéntricos (Compostela/Urbanización/Casa/Familia/Parella). Imos pechando círculos e iso determina que a atmosfera sexa asfixiante.
Os personaxes están un chanzo por enriba da clase media; quería levar o asasinato fóra da marxinalidade. Quería falar de que os que non estamos na marxe tamén podemos estar cheos de merda. O horror tamén está en xente coma nós. A maldade é intrínseca á natureza humana. Este é un libro que fala da paixón.

E tamén fala do que non se fala…
Pero todos saben o que está a pensar o do lado. Os silencios son máis reveladores e literarios.

No libro tamén hai espazo para a poesía en capítulos como “Cousas que facer un venres de xullo”.
Ese capítulo non estaba previsto. Cando o fixen gustoume tanto que decidín repetilo tódolos venres de xullo da novela. Eses venres son reveladores, o lector descobre cousas sobre os personaxes. A novela ten dúas voces: a máis poética en primeira persoa, e en terceira persoa case como primeira.
Todos din que teño una voz lírica.

Falamos tamén da corrección política –ás veces hai cousas que á xente non lle gusta ler aínda que se trate de literatura ou mesmo ocorran na vida real, como a sexualidade na adolescencia ou a retorcedura humana- e dos estereotipos, de como se pode partir do estereotipo para logo profundizar ata personaxes con bordos capaces de crear no lector odio e simpatía ao mesmo tempo, como no caso de Abad.

Cales son os teus escritores favoritos?
No xénero curto, do que son unha apaixonada, quédome con Raymond Carver, J.D. Salinger, Paul Auster… Os americanos. En novela negra Agatha Christie, Stieg Larsson, Elizabeth George… aínda que non son gran lectora de novela negra. En Galicia, Diego Ameixeiras e Domingo Villar, que conseguiu que a xente lea en galego.
Temos que reconciliar á xente coa literatura galega. O sorprendente é que estamos a falar de persoas que non falan castelán, pero que non son capaces de ler en galego. Eu escribo sinxelo tanto en galego como en castelán, quizais porque o meu espectro semántico está principalmente no castelán. Creo que hai xente que non se aproxima á literatura galega por medo a atopar palabras descoñecidas. Temos que poñerllo fácil, romper o tabú sobre mercar libros en galego.

En qué estás a traballar agora?
Estou traballando na tradución ao castelán de “Sobrevivindo” e escribindo un novo caso de Abad e Barroso.

Porque ‘Beleza Vermella’, como a vida mesma, é unha novela de finais abertos, polo que no futuro Arantza Portabales contaranos máis aventuras desta peculiar parella de policías composteláns que xa enganchou a miles de lectores en toda España.

BELEZA VERMELLA

Editorial: Galaxia e Lumen

Autora: Arantxa Portabales

Idiomas: Galego e castelán

Data de publicación: 2019

Páxinas: 432

Sinopse: Seis sospeitosos cean no xardín dunha luxosa casa das aforas de Compostela mentres o cadáver de Xiana Alén, de quince anos, xace no chan do seu dormitorio, coma se fose unha instalación artística: os seus pais, a súa tía Lea Somoza -pintora de fama internacional-, unha parella de amigos e a anciá tía das irmás Somoza.

Todos os indicios apuntan a Lea, pero aos poucos días esta trata de suicidarse e é internada nun hospital. O comisario Santi Abad, coa axuda de Ana Barroso, deberá destapar os segredos mellor enterrados dos Alén Somoza, unha das familias máis poderosas e adiñeiradas da alta sociedade galega.