CulturaEntre MúsicasGaliciaNovas

Xela Arias, coa música de A banda da Loba

Presentación do tema ‘Intempériome’. Foto: Iván Barreiro

Por segunda vez na historia de Pincha, tócame escribir este Entre Músicas. A razón non podía ser máis poderosa. A súa autora, Xiana Lastra, é tamén unha das protagonistas da historia que vimos contar. O seu grupo, A banda da Loba, publicará o vindeiro 12 de abril Hasme oír, un EP co que homenaxeará á poeta á que se lle dedican este ano as Letras Galegas.

En marzo presentaron un adianto deste traballo en forma de videoclip da canción ‘Intempériome’, nun acto que se celebrou na Biblioteca Ánxel Casal coa presenza das cinco integrantes da banda (Andrea Porto, Estela Rodríguez, Inés Mirás, Marcela Porto e máis Xiana), así como parte da familia de Xela Arias: a súa nai, Amparo Castaño, o seu fillo Darío Gil Arias, e o seu irmán, Lois Arias.

Hasme oír está a piques de ver a luz. Que atoparemos nel?

É un EP que leva catro cancións compostas a partir de poemas de Xela Arias. Entre cada un deses temas hai uns interludios musicais. Son recitados de obras dela que conectan unhas cancións con outras.

Fixemos unha canción por cada un dos poemarios que Xela tiña publicados. ‘Tigres como cabalos’ é un bolero que xa estaba no noso disco Fábrica de Luz e que gravamos de novo con Xacobe Varela, cantante do grupo Os d’Abaixo. ‘Darío a diario’, cun estilo pop lento, recolle un poema no que ela fala da maternidade e que é para o seu fillo Darío. ‘Intempériome’ é un tema rock que fala de autorecoñecerse e ser a persoa que queres ser. E, por último, ‘Denuncia do equilibrio’ é o tema máis metafórico dos catro e no que fixemos un country.

Unha vez máis con ese estilo ‘caleidoscópico’ como dicides vós, ecléctico, no que cabe de todo…

Si, temos a sorte de non ter que atarnos a ningún estilo concreto porque xa desde o comezo fixemos un pouco o que nos deu a gana nese sentido. Temos esa liberdade de que se un tema nos tira cara un bolero, podemos ir cara aí, ou se nos tira cara un country, tamén.

Xela Arias é para vós un referente. Como dicías, o voso disco Fábrica de Luz xa contén un tema baseado nun poema dela. Tiñades a necesidade de musicala máis?

Si, a nós Xela sempre nos gustou moito. De feito, incluímos ‘Tigres como cabalos’ en Fábrica de Luz cando aínda non se sabía que se lle ía dedicar este ano o Día das Letras. É unha poeta á que lemos e á que xa tiñamos en mente musicar máis. Non agora mesmo porque estabamos co disco pero en canto lle dedicaron o Día das Letras, precipitouse todo. Ademais, como estamos máis paradas este ano a nivel concertos, é unha boa maneira de facer proxectos novos.

Que destacarías da obra de Xela?

Poderíanse destacar moitas cousas. Creo que vai moi ligada ao que supuxo a súa persoa. Era unha muller transgresora como o é a súa obra. Unha obra que aínda que está escrita hai anos, segue a ser moi actual pola forma na que o fai. É moi metafórica, moi libre en canto á métrica dos versos… Non é unha poeta tan doada como outras á hora de entender a mensaxe.

Xa é un logro que se lle dedique o Día das Letras a unha muller porque foron moi poucas, pero por riba que sexa a unha persoa que fai unha poesía como Xela Arias… porque, sen desprezar aos grandes clásicos en absoluto, creo que xa ía tocando homenaxear a unha persoa cunha maneira de escribir máis achegada ao actual.

Parte da súa familia acudiu á presentación do vídeo do tema ‘Intempériome’. Que lles pareceu este proxecto?

Eu penso que a familia de Xela está aceptando moi ben todo o que lle está vindo este ano porque é a oportunidade de dar a coñecer a súa figura. Como morreu moi nova, non é tan coñecida como outras escritoras. Non lle deu tempo a vivir a súa vida ao completo e seguir publicando. Para eles está sendo un momento bonito nese sentido. Nós xa tiñamos relación con eles desde hai moitos anos por diferentes cuestións e sempre nos deron o seu apoio. Que viñeran á presentación fíxonos moita ilusión.

Como foi para vós este ano de pandemia?

A nivel musical foi un ano complicado. Colleunos no momento de presentar Fábrica de Luz. Aínda que tocamos algo no verán, suspendemos moitos dos concertos que tiñamos pechados e para nós segue sendo novo; pero cando poidamos regresar aos escenarios con certa normalidade, xa vai ser un traballo vello. Dános mágoa non poder explotalo un pouco máis.

Por outro lado, todo isto ensinounos a estar máis conectados por outras vías, máis a través do dixital; ou a facer proxectos como o Hasme Oír con máis calma que como o fariamos anteriormente…

Que plans tendes para os próximos meses?

Faremos presentacións de Hasme oír coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, que apoiou o proxecto. Tamén imos participar nun espectáculo conxunto relacionado co Día das Letras no que participaremos nós na parte musical e outras artistas creadoras na parte máis literaria. Farase en varios lugares de Galicia no mes de maio. E tamén temos máis actuacións con Fábrica de Luz.

Aínda que estamos nun momento complicado porque as únicas que poden programar son as institucións. Á iniciativa privada, coas limitacións de aforo que hai e os protocolos de seguridade, élle moi difícil poder facer un evento.

LEMBRANDO A XELA ARIAS

Froito dun traballo colaborativo entre diferentes institucións e a familia da autora, a programación prevista como homenaxe a Xela Arias con motivo do Día das Letras Galegas abrangue multitude de iniciativas de participación social e cultural, de fomento da igualdade e a integración, accións musicais e actividades no ensino, nos concellos e tamén haberá actividades para os galegos no exterior.

No eido artístico, destacan as exposicións ‘Xela Arias. Asinamos ser libres’, que fará parada en dez concellos galegos difundindo detalles da vida, obra e o contexto histórico no que viviu a homenaxeada. Tamén se promoverá, da man do seu fillo Darío Gil, outra mostra fotográfica con preto de medio cento de pezas titulada ‘Tigres coma cabalos’, que chegará a Vigo e Santiago e irá acompañada dunha reedición do poemario en formato catálogo expositivo. Ademais, a Biblioteca de Galicia celebrará o Día da Letras Galegas cunha exposición na que se dará a coñecer o fondo bibliográfico que custodia da autora e haberá tamén distintas mostras bibliográficas pola rede de bibliotecas públicas.

Un dos aspectos salientables da programación é que haberá unha forte presenza dixital ou audiovisual, como o proxecto ‘Vencerse é cousa de se tratar’, que inclúe un espectáculo poético-musical que fai realidade o desexo de Xela Arias de levar ao escenario a súa derradeira obra Intempériome, un proxecto que nunca puido ver cumprido.

A Cidade da Cultura acollerá en maio unha actividade de lectura participativa para difundir nas redes a obra de Arias coa que se realizará unha peza auduovisual para visibilizar nas redes sociais. Tamén destaca a elaboración e difusión dunha trintena de pílulas audiovisuais con testemuños de familiares, amigos e persoeiros da cultura galega ou un novidoso proxecto de videomapping que proxectará versos e imaxes da autora en 25 edificios e emprazamentos significativos de toda Galicia. Ademais, o Portal das Palabras, a web da RAG, así como o do Consello da Cultura Galega ou da CRTVG , incluirán contidos específicos no universo vital e literario de Xela.

Tamén haberá propostas musicais. Entre outras, o 16 de maio terá lugar o tradicional Concerto das Letras Galegas promovido polo Consello da Cultura Galega que unirá textos e música a cargo de PicoAmperio e Laura LaMontagne, nunha proposta estética audiovisual innovadora.