Nano Unzueta, de Unzueta Cerámica: “Gústame investigar moito nos esmaltes”
Por Silvia Castiñeiras
O seu apelido delata a súa procedencia, pero este guipuzcoano é xa todo un galego con máis de 40 anos como veciño e artesán da nosa terra. Nano Unzueta chegou a Galicia nos 80 co obxectivo de pasar uns meses aprendendo a tornear o barro, para o que se desprazou a Buño. A súa historia dende entón continuou ata chegar a Brión, onde ten o seu obradoiro.
Como chegaches a crear o teu propio obradoiro?
Tras pasar tres meses en Buño hai xa 43 anos, marchei para Carnota a seguir experimentando e foi alí onde creei o meu primeiro obradoiro no ano 81. Despois montei o taller en Corcubión, logo volvín a Carnota, ata instalarme en Brión, onde xa levo 22 anos traballando no que máis me gusta. Deixei o meu emprego nunha fábrica para virme a Galicia, formarme nisto por uns meses e aquí sigo.
Que é o máis característico das túas pezas?
Fago pezas de uso cotián, o que se chama cerámica utilitaria, cuncas, ensaladeiras … O que me gusta é investigar moito nos esmaltes. O máis característico do meu produto, e polo que se recoñece, son precisamente os acabados. As miñas creacións identifícanse porque uso moitas cores, non son nada monocromático, iso non vai comigo, aínda que comercialmente é mellor. Uso como doce cores e combino, gústame que haxa variedade.
Cal é a túa relación coa restauración?
Os artesáns nisto temos unha vantaxe sobre a industria porque os cociñeiros, sobre todo os que ofrecen menús degustación, buscan algo específico e non unha produción en cantidade. Isto é como os bonsais, nos que o testo e a árbore teñen que ser un conxunto. Os cociñeiros piden o mesmo, que a comida e o prato na que se serve funcionen nun conxunto, e aí intervimos nós. Traballei moito con O Pazo en Padrón e con O’ fragón en Fisterra.
Que significa para ti estar baixo o paraugas de Artesanía de Galicia?
Cando vas fóra é cando máis te das conta da importancia deste selo. A xente doutras partes pregúntannos como facemos en Galicia os artesáns para estar tan ben coidados e para que todo funcione tan ben. Sorpréndense do bo traballo que se fai aquí. Ademais, teño que dicir que somos moitos e hai moi bo nivel en moi distintos eidos: cerámica, coiro, xoiería…
Fotos cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia.
Onde podemos mercar as túas pezas?
Vendo no meu taller de Brión (Rúa Gondar, 8, Lamiño), onde me gusta recibir visitas. Tamén estou na tenda Boles, en Santiago,
e na Real Fábrica Española, en Madrid.