fbpx
CompostelaEntrevistas

Pela del Álamo e Xoán Xil: “Este será un Curtocircuíto máis entregado ao pensamento que ao divertimento”

Xoán Xil e Pela del Álamo. Foto: Iván Barreiro
Xoán Xil e Pela del Álamo. Foto: Iván Barreiro

Por Rebeca Munín

Era agosto, pasado xa o San Roque, e o equipo de Curtocircuíto traballaba sen descanso na súa nova sede no edificio de Abanca, en Cervantes. Ultimaban os detalles da edición número catorce deste Festival Internacional de Cine de Santiago que se celebrará do 1 ao 8 de outubro. Alí quedara co seu director, Pela del Álamo, e co musicólogo e artista sonoro Xoán Xil. O programa completo presentarase en setembro pero antes había tempo para falar de ‘Arredor do son’, algo así como un ‘subfestival dentro do festival’ para afondar neste vehículo de expresión e linguaxe cinematográfica que tan pouco valoramos.

O son vai ser protagonista desta edición do Curtocircuíto. Por que?

Pela: En Curtocircuíto as actividades formativas teñen todos os anos un peso importante. Un festival público non pode deixar de lado ese aspecto. E á súa vez, máis aló do que é a formación máis didáctica sobre o audiovisual, tamén nos interesa que o festival sexa un punto de encontro e intercambio de pensamento. O son parecíanos un concepto moi interesante a partir do cal xerar debates, conversas, diálogos… É un aspecto do cine que sempre estivo supetidato á hexemonía da imaxe. Nós queremos poñelo en valor porque é un vehículo de expresión e linguaxe moi importante. Ademais cremos que tanto a nivel de contidos como a nivel de forma é moi atractivo.

Que actividades arredor do son vanse programar?

Xoán: Haberá obradoiros, conferencias, algúns máis teóricos e outros máis prácticos, proxeccións de obras cinematográficas onde o audio é o suxeto… E tamén haberá instalacións de artistas sonoros. Tal e como dicía Pela, queremos reivindicar o valor do son nos procesos tantos narrativos como de experimentación. Porque é un elemento que, como di el, sempre estivo moi supeditado á imaxe. Moitas veces non somos conscientes da importancia que ten. Falamos do cine como algo visual, ou audiovisual, pero aínda que o audio está primeiro, non se lle presta a mesma atención.

Unha das performances de son será a de Francisco López, na que mantén ao público cos ollos tapados…

Xoán: Si. El sempre traballa moito coa idea de inmersión. E iso nos parecía moi interesante. A pantalla é algo que nós percibimos en 180º mentras que o son, aínda que non sexa un equipo surround, se propaga por toda a sala e nos fai dalgún xeito entrar nese espazo. Neste conxunto de diálogos entorno ao son un dos conceptos clave vai a ser o de inmersión. E Francisco López representa moi ben este tipo de traballos. Ademais de ser un dos artistas sonoros de España que ten unha maior proxección internacional. El traballa con gravacións reais pero que levadas a outros contextos, fannos xogar moito coa paradoxa de que é real e que non. Un pouco o que ocorre moitas veces no cine.

A quen máis relacionado co son poderemos ver nesta edición de Curtocircuíto?

Xoán: A Sonsoles Hernández, que fixo unha tese sobre a sinestesia, como uns sentidos se cruzan con outros, como o que escoitamos transforma o que vemos, o que vemos transforma o que escoitamos… Falará da sinestesia no contexto da arte. Nesa conferencia vai estar tamén dialogando con ela Blanca Rego, que é unha artista audiovisual que vai comisariar unha sección de visionado que terá por título: ‘Cando o son é imaxe’.

Pela: Blanca Rego é unha artista galega pero afincada en Barcelona que desenvolveu toda a súa carreira alí e aquí non é tan coñecida. É labor do festival traer o talento galego e poñelo en valor. Tamén vai estar dando unha conferencia Ricardo Steinberg, que foi un dos pioneiros no deseño de son no cine en España. Entendendo o deseño de son como algo máis que poñer música nunha película. E Juan Carlos Blancas que é un dos deseñadores de son que están máis preto da experimentación. É unha das referencias actuais do que se vén a chamar ‘Otro cine español’.

Xoán: Teremos ademais un obradoiro para nenos con cintas de casetes dos anos 80 e unha conferencia centrada na etnografía sonora. Participará Kookachii. El parte da socioloxía pero levándoa ao discurso máis artístico. O seu proxecto son gravacións dos sons de rebaños no País Vasco nunha edición en vinilo. Neste contexto tamén estará Miguel Alonso Cambrón que é antropólogo e que traballa desde o ámbito máis científico na idea de antropoloxía do son. E, por último, contaremos tamén con Xabier Erkizia, que terá unha instalación sonora na exposición que haberá no edificio de Abanca, na praza de Cervantes.

Que película poñeriades de exemplo para explicar como cambia o son o que está a contar?

Pela: Todas! (Sorrí). Esa é a cuestión. Eu descubrín o importante que é o son hai anos estando na Berlinale. Había unha actividade onde collían a catro deseñadores de son novos, dábanlles unha peza dun anuncio e cada un tiña que facer un deseño propio. Pero coas mesmas imaxes. O caso é que proxectaron os catro resultados, un pegado a outro, e eu quedei alucinado porque cada un deles contaba unha historia completamente diferente. O tratamento do son é determinante. Vai levar a unha película cara un lado ou cara outro.

E o silencio?

Xoán: É que o silencio realmente é un son. Fálase do silencio como oposto ao son, pero o silencio realmente é un son diferente. É dicir, nós na nosa vida nunca experimentamos a ausencia de son. Moita xente asocia certos sons co silencio porque son relaxantes. Por exemplo, estás na praia e coas ondas do mar dis que estás en silencio cando non é así.

Pela: E precisamente o silencio no cinema ten unha carga narrativa e unha forza expresiva absoluta. En ningún caso representa o vacío. De feito, cando chegan os silencios é cando o espectador empeza a traballar máis. No cinema que podemos consumir nos cines comerciais estamos moi acostumados a que as cousas que se escoitan son as que vemos. Pero dentro do cinema experimental ti podes ver ou escoitar cousas que están disociadas. Empeza así un diálogo no que ti, como espectador, tes que intervir. Tes que ser activo. O filme non ten por que contar todo. Aí está o cinema que nos interesa. O que suxire.

En Curtocircuíto búscase un pouco iso, non? Achegarnos ese tipo de cine que nos fai pensar.

Pela: Si, o festival propón diferentes niveis de inmersión, onde ti poidas vir desde a pensar, a entreterte… pero sempre ten que deixar unha pegada, propoñer cousas que non sexan as habituais. A idea é que a xente se dea de conta de que hai outras posibilidades e outras linguaxes posibles no cinema. Sempre digo que é o labor ético dun festival. Hai que abrir camiño. Para min, o concepto de festival supón encontro, pensamento… Tamén hai un compoñente lúdico que é importante. Pero sobre todo ten que funcionar como un punto de intercambio.

Cres que esta edición será mellor que a anterior?

Pela: A intención deste ano 2017 é consolidar definitivamente este modelo de festival. Non sei se vai ser mellor ou peor porque ata que non pase non o saberemos. Pero probablemente este sexa un Curtocircuíto máis entregado ao pensamento que ao divertimento. Faremos moito fincapé na formación, haberá menos concertos… e non por iso será menos atractivo.

Con F.J.Ossang e Teddy Williams

Curtocircuíto volverá a ser un punto de encontro para profesionais, creadores e amantes da sétima arte, cunha sección oficial competitiva e diversas seccións fóra de concurso. Este ano afondarase na fusión entre varias disciplinas artísticas e realizarase un completo programa de sesións multidisciplinares con proxeccións, actividades formativas, unha exposición e diversas performances que terán lugar en diferentes espazos.

Esta edición contará como convidados con  F. J. Ossang e Teddy Williams, aos que se lles dedicarán cadansúas retrospectivas. O programa dedicado ao director francés F.J Ossang descubrirá un artista underground, incapaz de limitar a súa creatividade a unha soa disciplina, cun estilo inconfundible que combina punk, situacionismo, film noir e ficción post-apocalíptica. Será a sección Pulsar, que cada edición recoñece o traballo de cineastas emerxentes, a que acolla a retrospectiva do director arxentino Teddy Williams. A pesar da súa xuventude (naceu en Bos Aires en 1987) está considerado un dos novos referentes do cinema latinoamericano actual grazas a un estilo que escapa a calquera definición, marcado pola incerteza do movemento e as conexións espontáneas.

Se queres consultar o programa completo do Festival poderás facelo proximamente na nosa Axenda.