Crusat & Costas: D’Pieiga ‘A Marcada’
O viño do confín dos vales
Por Lorena Costas
Agora que se acercan as vendimas, seguramente moitos de nós teñamos na mente imaxes de adegueiros da Ribeira Sacra, Rias Baixas, Ribeiro, etc. recollendo a uva… Pero seguramente a ninguén se lle pase pola mente a imaxe da comarca que durme aos pés do Val do río Navia: Negueira de Muñiz.
Un municipio que o encoro de Salime dividiu en dous, asolagando parte das aldeas e terreos do redor, e no que o tempo semella pasar doutro xeito diferente; fermosos vales e ladeiras dun paraíso que se funde coa irmá Asturias nesta zona nororiental da nosa terra.
É alí onde Paco Sanromán decidiu un día que se os seus pais xa non podían ocuparse das viñas, el non ía deixar que aquelo se perdese. Porque en Negueira hai viño, e viño de calidade, lonxe das modas e dos influxos da industria, que aposta por manter a tradición e tamén profesionalizarse, que ten como mellor reclamo as castes autóctonas (Blanco Lexítimo, Verdello Tinto, Tinto Serodo), os viñedos dotados de singularidade, cepas vellas de raíces tan vellas como a historia de aqueles que hai anos comezaron a facer viño en Negueira.
Baixo estas premisas, nunha zona sen amparo de ningunha D.O. nen IXP, elabora os seus viños Adega Sidrón, con Paco e Rosa (irmá) á fronte, e axudados por Roberto Regal nas labores de enoloxía; Roberto peza fundamental para axudar a dar o salto definitivo a Paco, defensor incansable das variedades autóctonas, do respecto pola terra e a mínima intervención nos viños.
Xurde así, entre outros, D’Pieiga “A Marcada”, que leva o nome da finca da que sae o viño e máis da vila na que nace Paco. Elaborado coas variedades tintas típicas da zona, Verdello Tinto (55%), Tinto Serodo (40%) e Mencía (5%), é un viño desde logo único na súa frutosidade: moras, froitos silvestres, baixo monte, incluso un toque a guindas licorosas e especias, bonita capa media de cores granates e rubí, limpo, como a súa entrada na boca, onde se percibe a sapidez deste viño, cunha sorprendente acidez ben contrarrestada e equilibrada, persistente e fresco.
Só 140 botellas desta peza singular da nosa terra… A que esperas para facerte cunha?
Entre montañas e lousas
Por José Crusat
Imos falar dun viño fronteirizo, fóra das zonas máis coñecidas de produción de viño de Galicia, os viñedos e adega se atopan na montaña luguesa, no concello de Negueira de Muñíz a carón do embalse de Salime no linde con Asturias. Xa falaramos noutra ocasión desta zona cos viños brancos a partires da variedade Branco Lexitimo, pero desta volta ímos falar dun viño tinto.
Trátase pois dun viño produto da mestura de uvas tintas onde a Merenzao aporta a estrutura principal, pero onde o carácter é cousa do Tinto Serodio e ca presenza da mimética Mencia nunha pequena porcentaxe. A combinación é moi interesante xa que se traballan con dúas uvas asentadas na zona, pero ben diferentes, sendo a Merenzao (ou Trouseau en Francia) unha uva de ciclo curto e maduración temperá, mentres o Tinto Serodio (ou Afrouxeiro en Portugal) é de ciclo longo e maduración tardía. O milagre ben da man do terreo e da ubicación; a altura freando á Merenzao, e os chans de lousa e xisto aportando a quentura necesaria para a maduración do Serodio. A partires de aquí a cousa xa é o bo facer dos adegueiros Francisco e Rosa Sanromán, e a colaboración co enólogo Roberto Regal no proxecto.
No nariz resalta a froita vermella, fatóns e moras, lixeiramente licoroso e que despois dun tempo na copa nos deixa apreciar toques de terra húmida e pementa negra. De cor é un viño que presenta unha capa media, vibrante limpo e con tonalidade granate. A boca é fresca, longa, persistente, astrixencia medida, áspera suavidade, froita madura vermella e negra.
Como acompañamento podemos optar por uns chipiróns a prancha e unha raia con allada, sinxelo pero saboroso, que nos acompaña nestas noites de fin de verán nas que xa se comezan a notar frescos do vindeiro outono, noites de rebequiña.
FICHA TÉCNICA
Adega: Adega Sidrón
Sen D.O.
Variedades: Verdello Tinto, Tinto Serodo, Mencía
Grao: 13,5º
Ano: 2016
Prezo: En torno aos 16€
Onde mercalo? Vide, Vide! (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10)