CompostelaReportaxes

Os subterráneos

Ángel Marcelo, Carmen Conde, Diego Horchovski e Tato López. Foto: Iván Barreiro
Ángel Marcelo, Carmen Conde, Diego Horchovski e Tato López. Foto: Iván Barreiro

Para escribir este artigo pasei noites de soños e letras en sotos composteláns. Vin poetas removendo conciencias na penumbra, escritoras combatendo fronte a unha multitude, xente (moi) moza ocupando chans para beber poesía. Na noite compostelá vive, como unha serpe, un circuíto para novos creadores. É o momento de poetas, escritores, actores, cómicos, músicos e “vividores en xeral”, dirán os que a esas horas empregan o seu tempo en ver a tele. Un amigo escritor preguntábame unha vez que sería iso de ser un “vividor”, quizáis o contrario dun “morredor”?

A noite compostelá está repleta de recunchos onde se dá unha oportunidade a artistas en cernes aos que quizais non vexamos nas canles oficiais, pero que desbordan talento, ilusión e amor por crear. Ofrecen a súa arte a un público que responde, ávido. E non falo de snobs que aplaudirían a un tipo dándose de cabeza contra un muro mentres apuran un gin tonic, finxindo entender algo, senón de mozos e mozas que enchen os bares para recibir en vea a súa dose de poesía; síntoma de que a escena underground local está máis viva que nunca e cun futuro vigoroso.

Á fin e ao cabo, os artistas escriben/cantan/contan para que os escoiten. O importante é que haxa alguén alén da tarima, e haino.

Serpes na Cachola
Esta revitalización da escena alternativa compostelá é en parte grazas ao traballo de catro creadores que un día decidiron dar o salto á organización. Reunimos ao redor dunha mesa, esta vez a plena luz do día, a Carmen Conde, humorista, guionista, narradora e “nada na estrada”; Ángel Marcelo Saffores, poeta e editor; Diego Horschovski, escritor e músico; e Tato López, cantautor e compositor.

Carmen e Tato son os organizadores de “Serpes na Cachola”: dous xoves ao mes xúntanse nun soto a media luz creadores de todo tipo que dispoñen de catro minutos para contar o que queiran.

É un evento construído a partir das súas respectivas experiencias en Buenos Aires e Madrid e que viu a luz en novembro de 2017. En moi pouco tempo lograron congregar nun reducido espazo a decenas de persoas cada noite.

Tamén en novembro, neste caso de 2015, Diego puxo en marcha “Poesía e Microrrelato Compostela”, como unha forma de “contestación”, explica Diego, ante un panorama represivo en canto á creación. “Nada máis democrático que pór un micrófono e que cada un contase o que quixese”. Tempo despois Ángel uniuse ao proxecto, “entusiasmado” pola mocidade que respiraba a noite de “Poesía e Microrrelato Compostela” tanto no público como nos creadores. En novembro do 2017 -non sabemos que ten o escuro novembro- chegou a “Slam Poetry Santiago”, a edición local dun circuíto de poesía existente a nivel nacional. Cun espírito máis de espectáculo, require dun espazo amplo. Na “Slam”, que xa celebrou varias semifinais, os poetas dispoñen de tres minutos cada un para actuar e o público vota. Gaña o que obteña máis votos. O vencedor na final acudirá ao certame nacional en Valencia.

Era cuestión de tempo que estas dúas “parellas” de creadores acabasen coordinando os seus encontros. Carmen e Tato relatan que, cando decidiron pór en marcha “Serpes na Cachola”, puxéronse en contacto con Diego e Ángel para presentarse. “Eles eran referentes e á institución hai que respectala”, di Carmen entre risas.

Así, procuran que os eventos non coincidan o mesmo día nin na mesma semana, para que todo o mundo teña oportunidade de ir.

Os catro están de acordo en definirse como “undergrounds” porque non están dentro do “sistema oficial” e “non vivimos disto”, aclara Ángel. Para eles é vocacional.

O punto underground tamén o dan os bares, espazos onde xermina a arte e organízanse estes encontros. “Nada hai máis democrático que un bar”, di Carmen. Nos bares arranxamos o mundo.

Con respecto ao tipo de creadores que se dan cita, Carmen explica que, ademais do variado perfil, o importante é que se sintan “libres porque vivimos nuns tempos nos que parece que temos que ir pisando ovos para falar”. “É unha necesidade social de expresarse”, apunta Tato. Quizais de aquí o éxito destas iniciativas.

Ademais, tanto nos eventos dos nosos catro intrépidos como noutros nos que esta redactora estivo, destaca sobre todo o enorme respecto do público; acode a escoitar coma en misa, cun silencio sepulcral e unha atención plena. Desta forma, créase unha intimidade entre o espectador e o artista que permite que este último síntase libre, “non teña medo ao fallo” e atope un lugar onde “testar” as súas creacións.

“Reina a liberdade. Non hai guión, nunca sabes o que vai pasar cada noite”, lembra Diego.

Ángel apostila que “non hai filtro” con respecto aos artistas que se soben á tarima -para participar só hai que apuntarse previamente-, de forma que se congrega xente de todas as idades, principiantes e consagrados.

Mesmo se produce un curioso fenómeno de ósmose: o coitado espectador que vai por primeira vez a ver o espectáculo, e en cuxas veas corre a creatividade, acaba subíndose á tarima na seguinte edición, animado polo ambiente familiar que se respira. De aquí xorden logo sinerxías entre os diferentes creadores, que se fusionan entre eles noutros espectáculos.

Espazos de confluencia
Artistas e espectadores frecuentan varios dos eventos, de forma que se crea unha comunidade. Tal é o caso de Andrés Llena, tamén coñecido como “Beeman”. Este xove poeta chegado de Huesca quedou “gratamente sorprendido” co circuíto cultural da nosa cidade. Atopou unha “estrutura” que lle permite actuar en bares, que el define como “espazos plurais e de confluencia”. Para el a poesía escénica que representa na “Slam Poetry” -na que quedou como un dos finalistas- é unha maneira de transmitir unha mensaxe potente ao público.

Ademais de dar voz á extensa comunidade creadora compostelá, este circuíto cultural axuda a revitalizar a cidade e vaise renovando continuamente grazas á mocidade do seu público, moitos deles estudantes. “É unha cidade dentro dunha cidade”, define Diego.

Tamén se achegan xente de librarías para coñecer novos talentos e, aínda que os nosos protagonistas boten de menos representantes da “cultura oficial” nos eventos, tamén recoñecen que a actual administración local ten “a cultura na axenda”.

Pero non acaba aquí a vida nocturno-cultural compostelá. Existen varios locais onde podemos gozar de diferentes disciplinas como a improvisación, actores amateurs creando historias a partir dunha soa palabra; ou a narración de “contadores” como Celso Fernández, que nos seus espectáculos fálanos, por exemplo, dun Lalín máxico e con moito humor.

E para os hostaleiros a poesía é unha forma de atraer público á vez que apoian á cultura, tal como conta Fernando Rey, propietario de Caldeireria 26, que cada dous martes ve como o seu local se enche de xente nova con “Poesía e Microrrelato Compostela”, ademais de con outras actividades culturais que tamén pon en marcha no bar.

Así que ti, creador na escuridade, has de saber que tes todo un mundo aí fora disposto a escoitarte. A noite é nosa.