SOLOMBO DE VACUNO MAIOR EN PEPE PAYÁ
Por @JuanEAT_o
No Pepe Payá sentinme tan como na casa, que ata ousei entrar ao interior da súa cociña. Así tiven a oportunidade de felicitar á cociñeira por unha proposta da nova carta desde restaurante que a primeira vista parece sinxela pero que non é nada doada de preparar.
Gustaríame dividir esta crítica nas tres partes das que q q consta o prato: a carne, as patacas e a salsa. Creo que todo ten que estar en harmonía, claro está, pero se unha das partes falla, xa non se desfruta da mesma maneira.
Comezo pola estrela da proposta: a carne. Penso que o segredo para que sexa un acerto está no punto que lle demos. E neste caso, teño que dicir que o solombo de vacuno maior estaba como a min me gusta: moi xugoso e nada seco. Nótase a boa man da cociñeira porque se te despistas un segundo, ou queda pouco feita ou demasiado seca.
Tendo isto listo parece que xa temos o traballo feito. Pero nin por asomo! Se optamos por acompañar cunha salsa, coma neste caso, corremos o risco de que mellore o sabor ou o estropee resultando demasiado cargante. Para este solombo escolleron unha salsa de pementa que para o meu gusto estaba exquisita e combinaba moi ben coa carne.
E que dicir das patacas! Xa noutras ocasións declarei a miña paixón por elas. E cantas veces intentamos recrealas na casa sen éxito? As de Pepe Payá foron un excelente acompañamento.
Así que só me queda recomendarvos que o probedes e, se vos apetece, deixedes tamén os vosos comentarios nas redes sociais da Revista Pincha coa etiqueta #apapar e @JuanEAT_o
DATOS
Lugar: Pepe Payá (Cardeal Payá, 8 – Santiago)
Prato: Solombo de vacuno maior
Prezo: 18 €
Valoración: 9 estrelas